Restos dun antigo can americano. Fonte: Center for American Archaeology.

Restos dun antigo can americano. Fonte: Center for American Archaeology.

A colonización europea acabou cos cans americanos

Un estudo publicado en 'Science' revela que o ADN dos cans deste continente procede duns antepasados que chegaron por Siberia hai 11.000 anos

Un estudo publicado na revista Science ofrece unha nova visión das orixes e o destino final dos primeiros cans que habitaron o continente americano. Ao contrario do que se cría, non descenden dos lobos de Norteamérica, senón que probablemente seguiron aos humanos que cruzaron desde Siberia a través do estreito de Bering.

O traballo, realizado por un equipo internacional de investigadores, realizou o primeiro estudo xenómico integral dos antigos cans de América. Ao comparar os seus xenomas cos procedentes de Siberia e outras zonas do planeta, puideron obter unha imaxe máis clara da historia dos primeiros cánidos que residiron no Novo Continente.

Críase que os cans de América descendían dos lobos, pero o estudo propón unha nova explicación

Así, viron que o can máis vello que se rexistrou en América data de hai uns 9.000 anos, tempo despois de que os humanos comezaran a migrar a través de Bering. Desde aquí dispersáronse a todo o continente, xunto co home. Viviron así durante milleiros de anos, pero desapareceron por completo despois da chegada dos europeos.

“Isto suxire que debeu de acontecer algo catastrófico, probablemente asociado coa colonización europea”, declarou o autor principal do artigo, Laurent Frantz, profesor da universidade de Queen Mary de Londres e investigador en Oxford. “Pero aínda non temos a evidencia para explicar totalmente esta desaparición”.

Dous cans enterrados nunha especie de ritual funerario, localizados cerca de Saint Louis, en Illinois. Fonte: Illinois State Archaeological Survey.

Dous cans enterrados nunha especie de ritual funerario, localizados cerca de Saint Louis, en Illinois. Fonte: Illinois State Archaeological Survey.

“Hai varias posibilidades: unha enfermidade infecciosa ou un cambio de preferencia polos cans europeos nas comunidades locais”, explica Frantz. Cabe subliñar que as razas modernas norteamericanas, como o labrador ou o chihuahua, proceden de exemplares euroasiáticos introducidos en América desde o século XV.

“Ao observar os datos xenómicos xunto cos datos mitocondriais, puidemos confirmar que os cans chegaron a América con humanos, e que case toda esa diversidade perdeuse, moi probablemente como resultado da colonización europea”, dixo Kelsey Witt, quen dirixiu o estudo sobre o xenoma do ADN mitocondrial.

Un tumor infeccioso, única herdanza destes cans

O equipo tamén descubriu que o trazo xenómico dun cancro transmisible que afecta os cans parece ser un dos últimos restos “vivos” do patrimonio xenético dos cans que poboaron América antes do contacto europeo. “Hai uns 8.000 anos, en América ou en Siberia, un can contraeu un cancro que máis tarde se volveu contaxioso, explica Laurent Frantz. Este can estaba xenéticamente moi preto dos que cruzaron Bering cos humanos.

Este cancro xenital, que se transmite na cópula, está espallado na actualidade por todo o mundo

E aínda que hoxe en día apenas quedan trazas xenéticas destes animais, sí permanece este tumor venéreo, un cancro xenital que se propaga a través da transferencia de células cancerosas durante a cópula, e que na actualidade se distribúe por todo o mundo.

“É incrible pensar que posiblemente o único sobrevivente desta liñaxe sexa un tumor“, conta Máire Ní Leathlobhair, do departamento de Medicina Veterinaria da universidade de Cambridge. “Aínda que o ADN deste cancro mutou a través destes milleiros de anos, segue sendo, en esencia, o ADN do primeiro deses cans”.

Os novos achados reforzan a idea de que os primeiros humanos e habitantes de cans de América enfrontaron moitos dos mesmos desafíos despois do contacto europeo, engadiu Ripan Malhi, antropólogo da universidade de Illinois. “Sábese que os pobos indíxenas americanos sufriron as prácticas xenocidas dos colonos europeos”, dixo. “O que atopamos é que os cans dos pobos indíxenas experimentaron unha historia aínda máis devastadora e unha perda case total, posiblemente como resultado de cambios culturais forzados e enfermidades”.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.