Venres 29 Marzo 2024

Colón, galego ou non? unha análise de ADN busca a resposta “definitiva”

O forense José Antonio Lorente, catedrático da Universidade de Granada, analizará os supostos restos do navegante e parte da súa familia

Ningunha investigación puido botar luz ata agora sobre a orixe dunha persoa que cambiou boa parte da historia do mundo; Cristóbal Colón, o navegante que chegou ao Caribe en 1492, dando pé a unha nova era, coa invasión do continente americano por parte dos países europeos, ten unha orixe rodeada de misterio. Moitas investigacións sitúano como oriúndo da República de Xénova, na actual Italia, pero tampouco faltan hipóteses alternativas, entre as que aparece a posible orixe galega. A posibilidade de que o navegante estivese vinculado á ría de Pontevedra é unha das posibilidades que manexa a investigación coordinada por José Antonio Lorente, catedrático de Medicina Forense da Universidade de Granada, e que estudará os restos óseos atribuídos a Colón, ao seu fillo Hernando e ao seu irmán Diego nunha “análise definitiva de ADN” que podería resolver a cuestión.
Hai agora 20 anos, Lorente dirixiu un equipo multidisciplinar que exhumou o suposto sepulcro do navegante, situado na Catedral de Sevilla, e recolleu parte dos restos para o seu posterior estudo. Hai, con todo, outro debate sobre estes restos, pois é probable que en Sevilla non estean os ósos de Colón, despois de que trala súa morte e enterro en Valladolid, o cadáver pasase por Santo Domingo (República Dominicana) ou La Habana (Cuba), antes de regresar a España tras o Desastre do 98.

Desde 2003, os posibles ósos do descubridor permaneceron nunha sala blindada da Universidade de Granada. E este 20 de maio, no 515º aniversario da morte de Colón, decidiuse iniciar a análse xenética dos restos óseos, nun proxecto que foi presentado este mércores en Granada.

Publicidade

Exhumación dos restos de Colón e o seu fillo Hernando na catedral de Sevilla. Foto: UGR.
Exhumación dos restos de Colón e o seu fillo Hernando na catedral de Sevilla. Foto: UGR.nio

Trátase, segundo destacan os seus impulsores, da “investigación científica máis ambiciosa sobre a orixe de Colón, que recompila o traballo desenvolvido polas diferentes teses xurdidas ata o momento e que contan con posible material xenético de Cristóbal Colón”. Así, estudosos das diferentes hipóteses sobre a orixe do explorador, situadas en Valencia, Portugal, Cataluña, Galicia, Navarra ou Mallorca, achegarán a información compilada para complementar as análises xenéticas. Os resultados, avanzan, “poderían cambiar os libros de historia”.

Como preludio á investigación, a Universidade de Granada acolleu este mércores unha xornada de relatorios na que cada un dos representantes expoñerá os indicios e resultados obtidos durante os seus estudos. A continuación, farán entrega de todo o material recompilado ata o momento ao forense José Antonio Lorente. Fontes documentais, restos xenéticos e documentos históricos que formarán parte do proxecto e estarán destinados a contribuír a tratar de resolver a incógnita.

A investigación irá tamén acompañada dunha película e unha miniserie documental producida por TVE e Narrativa Producciones. Este traballo mostrará as distintas probas científicas e exhumacións que no curso da historia se realizaron sobre os restos do descubridor. Alternará a investigación do ADN en tempo presente con recreacións históricas da vida de Colón que terán como punto final o resultado achegado polo estudo da Universidade de Granada.

A suposta orixe galega de Colón

A Asociación Cristóbal Colón Galego, con sede en Poio, defende que o navegante era galego de acordo ás indagacións realizadas a finais do século XIX polo intelectual Celso García de la Riega. Argumentan, entre outras supostas evidencias, que Colón utilizou topónimos da ría de Pontevedra para nomear accidentes xeográficos no ‘Novo Mundo’, así como documentos que amosan a presenza do apelido Colón na zona de Pontevedra no tempo no que viviu o navegante, ou a linguaxe dos documentos que deixou escritos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os defensores da orixe galega de Colón investigan a súa relación cos Soutomaior por vía materna

Está previsto que os resultados das análises xenéticas da Universidade de Granada, que só analizan a liña paterna, se fagan públicos en xullo

Un equipo galego detecta posibles biomarcadores da esquizofrenia resistente ao tratamento

Científicos do IDIS identifican un perfil de 16 microARN que diferencia aos pacientes que non responden á medicación dos que si o fan

Atopada unha proteína que evita que o ADN se triplique

Un equipo do CNIO descobre un sistema 'antifallo' que podería ter aplicación na prevención do cancro e doutras enfermidades

Por que os humanos non teñen cola? A resposta está nos “xenes saltóns”

Un estudo publicado na revista 'Nature' explica que secuencias móbiles de ADN propiciaron a perda deste apéndice