Sábado 20 Abril 2024

Como e cando chegou realmente o viño a Galicia?

Un encontro de expertos aborda as raíces da viticultura en Galicia a partir das evidencias arqueobotánicas e os textos históricos, como os de Estrabón

Arredor dos anos nos que se produciu o cambio de era, nos tempos de Augusto, o xeógrafo e historiador Estrabón elaborou os seus textos sobre a Península Ibérica, esenciais para coñecer a vida e os costumes dos pobos prerromanos e o avance da romanización por esta parte de Europa. O autor, que nunca visitou Iberia, compilou informacións e outras fontes históricas sobre a vida cotiá daquelas xentes. Unha das súas mencións que se incorporaron ao maxín popular ten que ver co consumo do viño no norte da península. Mais cando se xeralizou o cultivo da vide neste recuncho do noroeste?

Un encontro que se celebra este xoves 30 ás 20.30 horas no Centro Marcos Valcárcel de Ourense, organizado polo Museo do Viño de Galicia, en colaboración co Foro La Región, reunirá a varios expertos na historia da viticultura en Galicia para buscar unha posible resposta a esta pregunta desde disciplinas como a arqueobotánica ou a xenética.

Publicidade

No encontro, que leva por título Reescribindo a Estrabón, participarán Rafael Ocete Rubio, biólogo ampelógrafo, Andrés Teira Brión, arqueólogo, Josefa Rey, profesora de Prehistoria da USC, e Carmen Martínez, líder do grupo de Viticultura da Misión Biolóxica de Galicia-CSIC. Estes investigadores realizaron estudos nos últimos anos que, grazas ás novas tecnoloxías de análise, permiten botar luz sobre a pregunta aínda non resolta.

Entre outros traballos, os científicos publicaron en xuño de 2020 un artigo no Australian Journal of Grape and Wine Research no que conclúen que as sementes da variedade Albariño atopadas no xacemento onde estiveron as salinas romanas do Areal (Vigo) poderían ser un dos primeiros exemplos da domesticación da vide ou do cultivo conxunto e simultáneo de variedades domésticas e silvestres.

A resposta segue sen estar moi clara, polo que as preguntas arredor da cuestión seguen vixentes e xeran notable interese. Deste xeito, no encontro deste xoves intentarase dar resposta a dúbidas como se trouxeron realmente os romanos o viño a Galicia, ou as uvas xa estaban presentes nos castros; se chegaron as variedades autóctonas galegas a través do Camiño de Santiago, ou xa medraban na flora local galega desde o Holoceno; así como coñecer máis detalles sobre os primeiros consumidores e produtores de viño en Galicia e as primeiras castes,; ou como evolucionaron até os actuais caldos do albariño, treixadura, mencía ou godello.

O encontro poderá seguirse en directo por streaming en Youtube:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Científicos galegos exploran o potencial antitumoral de compostos presentes na vide

A USC e a Misión Biolóxica de Galicia colaboran nunha investigación que analiza o uso da catequina e a procianidina B2 fronte a tumores de mama e próstata

O centeo máis antigo da península ibérica atopouse na Mezquita

As análises realizadas no castro do Castelo Pequeno de Santigoso, no concello ourensán constatan cultivos de máis de 2.000 anos de antigüidade

Unha tese reconstrúe a agricultura da Idade de Ferro a través das sementes

A tese do investigador Andrés Teira expón a relevancia dos cultivos na conformación de identidades e na maneira de concibir o mundo destas comunidades

Ao rescate das variedades de uva en vías de extinción

A Misión Biolóxica de Galicia do CSIC e varias adegas do país participan na iniciativa On-Farm para crear unha base de datos destes tipos de uva