Sábado 20 Abril 2024

Os cen mestres fusilados e 1.800 ‘depurados’ en Pontevedra coa represión franquista

Editada polas tres universidades galegas, a revista galego-portuguesa de historia da educaciónSarmiento dedica o seu número 21 á represión que a ditadura franquista someteu ao profesorado trala sublevación militar de 1936 e aos procesos de depuración que sufriron os mestres e mestras.

Co propósito de achegar esta realidade aos futuros e futuras docentes, a Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte acolleu este martes a presentación deste monográfico, nunha actividade que se completou cun coloquio co profesor Xosé Manuel Cid e o profesor xubilado da Universidade de Santiago Anxo Porto Ucha, autores, respectivamente,  dos estudos sobre a persecución sufrida polo profesorado en Ourense e sobre os procesos de depuración no maxisterio levados a cabo na provincia de Pontevedra, que afectaron a máis de 1800 docentes.

Publicidade

Portada da revista Sarmiento.

O monográfico presentado nun acto que contou tamén coa participación do vicerreitor do campus, Jorge Soto, quen salientou aos conferenciantes como dous “referentes da historia da educación en Galicia” e entregou un agasallo a Porto Ucha en nome da Universidade recolle tamén unha relación do profesorado morto nas catro provincias galegas por mor da sublevación fascista de 1936, que cifra en 100, 98 homes e dúas mulleres os asasinados e falecidos por mor desta represión. Entre elas, recolle a publicación, 48 profesores e dúas profesoras que foron “paseados” e outros 38 executados, aos que se suman aqueles que faleceron no cárcere ou a consecuencia das “malleiras sufridas”.

Os responsables desta publicación sinalan tamén que “existe constancia doutras mortes” máis aló destas cen, que non se inclúen na listaxe “por seren moi escasas e imprecisas as referencias das que se dispón”.

De periodicidade anual, o número 21 de Sarmiento recolle análises sobre a depuración do maxisterio nas catro provincias galegas, realizando Porto Ucha, xunto á profesora da Universidad de Valladolid Raquel Vázquez Ramil a de Pontevedra; Xosé Manuel Cid a de Ourense; o director da revista e profesor da UDC Narciso de Gabriel a da Coruña e Antón Costa e Uxía Bolaño a de Lugo.

“Un dos obxectivos deste número é facer tamén un acto de memoria”, sinala Cid do que foi tamén o propósito central desta actividade, pór o foco na “represión salvaxe” que o franquismo levou a cabo a partires de 1936 e nos seus efectos sobre o maxisterio en Galicia, “onde cando menos a cuarta parte das escolas cambiou de mestre a partir do 36”.

A depuración na provincia de Pontevedra

Trala presentación da publicación, Porto Ucha afondou nesta actividade nun proceso, a depuración dos mestres e mestras, que se iniciou trala sublevación militar coa orde aos gobernadores civís “para que separaran provisionalmente a todos aqueles que non podían comezar o curso en setembro do 36”, é que levou á separación de 438 docentes, 343 mestres e 95 mestras, “arredor dos que despois xiran as sancións máis graves unha vez posta en marcha a comisión provincial de depuración”, explica o investigador.

De feito, preto de cen dos mestres afectados foron posteriormente separados do servizo, “o que significa que o réxime xa tiña no punto de mira a estas persoas”, apunta o investigador, que incidiu en que estas separacións provisionais afectaron a práctica totalidade dos concellos da provincia, coas excepcións de Portas, Mondariz-Balneario e Pontesampaio.

Por outra banda, o estudo céntrase tamén na comisión de depuración creada na provincia para o profesorado do ensino primario, “unha das máis duras do estado” e pola que pasaron, entre 1936 e 1942 un total de 1.802 mestres e mestras, dos que 91 homes e nove mulleres que foron separados dos servizo, algúns deles xa fusilados ou “paseados” no momento no que se emite a resolución, súmanse outros nove inhabilitados, 33 traslados fóra de Galicia, outros doce fora da provincia e 183 traslados dentro da propia provincia.

Comisión que foi especialmente activa en 1938, cando foron depurados 1082 mestres e que continuou a súa actividade ata 1942, cando afectou a 22 docentes, aínda, que, como lembra Porto Ucha, “pola depuración pasaron todos logo, ata a propia comisión”, de tal xeito que 1167 mestres, 714 mulleres e 453 homes, obtiveron nela pronunciamentos favorables.

Non obstante, Porto Ucha tamén puxo o acento neste coloquio en como moitos e moitas docentes tiveron que someterse a un “exilio interior” durante a ditadura, despois de iniciar a súa intervención abordando a serie de reformas realizadas no eido do ensino durante a II República, “sen as que non se entende ben a represión”, desde a creación de milleiros de novas escolas e un plan de profesional que levou ao maxisterio “un novo modelo de mestre máis comprometido coa cuestión social”, á instauración dun “sistema educativo laico” e a retirada dos símbolos relixiosos das escolas.

Aquí podes ler este número da revista Sarmiento

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As covas do Monte Pindo, o refuxio dos disidentes durante a represión franquista

Un proxecto galego recupera a memoria dos fuxitivos da Guerra Civil na Costa da Morte a través de 12 pezas documentais

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII

Buscan nun cemiterio de Narón unha das maiores fosas creadas polos golpistas en Galicia

O 26 de decembro de 1936 levouse a cabo unha das máis grandes execucións masivas das que hai constancia en terras galegas, na que foron asasinadas un total de 34 persoas

Anunciación Casado, a ‘Pasionaria de Viana’: comezan os traballos de exhumación

As accións enmárcanse no Plan Cuadrienal de Memoria Democrática en Galicia 2023 liderado por un equipo interdisciplinario da USC