O gravado publicado por The Graphic.

Un día de caza nas illas Cíes, nun gravado inglés de 1882

Vigo, retratada na revista gráfica máis popular do mundo. ‘The Graphic’ naceu no Reino Unido en 1869 como pioneira no xornalismo de imaxes e converteuse nun fenómeno que perviviu ata 1932. Repasando os seus exemplares na Biblioteca Británica, atopamos esta páxina cun gravado que representa a expedición de caza que varios militares ingleses realizaron a Vigo en 1882, embarcando ata o que parecen ser as illas Cíes.

A reportaxe está narrada como un cómic, sen apenas texto. E descoñécese ao autor das viñetas, aínda que no pé de páxina sinálase que a historia está inspirada ‘nos bosquexos dun oficial naval” Quizais este militar remitiu os debuxos á revista ou un ilustrador propio reinterpretó as súas notas. Non hai máis datos. Como tampouco no resto da revista, publicada o 30 de decembro de 1883.

A páxina de The Graphic.

Pero, á marxe das incógnitas, o valor desta páxina é enorme. Estamos ante o que podería ser o primeiro ‘cómic’ ou historia ilustrada realizada sobre as illas Cíes. A historieta titúlase “A shooting trip at Vigo (Spain)” (Unha excursión de caza en Vigo (España). Na primeira escena vemos un barco que parte de porto e a nota: “Comezamos alegremente”, mentres que na segunda viñeta hai unhas viandas enlatadas co lema: “Unhas poucas provisións para a nosa viaxe de dous días”.

Vemos logo unha lancha de desembarco, ocupada por persoas que portan armas de fogo e posteriormente aparecen dous cazadores, cunhas notas ao pé ilexibles que parecen representar os seus nomes. Nos debuxos, continuamos vendo aos expedicionarios durmindo a bordo do barco na ría de Vigo e finalmente a viaxe de regreso, coa embarcación azoutada polo mal tempo.

A viñeta de peche leva a anotación ‘o noso zurrón’ e vemos varias aves mortas e colgadas a secar. Non é raro que The Graphic publicase historias gráficas sen acompañar a ningún texto. Neste sentido, adiántanse ao cómic moderno. Os seus editores crían que unha reportaxe se podía cubrir case sen necesidade de palabras. E este trazo de modernidade foi moi apreciado na súa época, ao momento que se di que o pintor Vincent Van Gogh foi un gran admirador desta revista, aínda que se distribuía principalmente no Reino Unido e as súas colonias.

The Graphic foi fundada por William Luson Thomas, un gravador e reformista social que recrutou un bo número de talentosos artistas entre os que se contaban Luke Fildes, Hubert von Herkomer, Frank Holl e John Millais.

The Graphic saía os sábados e o seu prezo orixinal era de seis peniques. No seu primeiro ano describíase a si mesmo na súa publicidade como “un periódico semanario de ilustración superior que contén 24 páxinas de tamaño folio imperial, impreso en perfectos tons de papel de máxima calidade, feito expresamente co propósito de admirar a adaptación do gravado”.

A revista contaba con subscritores en todo o mundo onde tiña presenza o Imperio Británico e tamén en América do Norte. Entre os seus artistas artistas estaban figuras da súa época como Alexander Boyd, Frank Brangwyn, James H. Dowd, Harry Furniss, Phil May, Leonard Raven- Hill, Edmund Sullivan, George Stampa, Sidney Sime, Bert Thomas e F. H. Townsend.

E fichaba a grandes escritores como George Eliot ou Thomas Hardy. Ademais de rodearse de talento, o editor de The Graphic xamais desprezou a súa preocupación social. E tivo gran éxito en 1869 o seu Houseless and Hungry (‘Sen casa e famento’), con imaxes dramáticas de Luke Fildes que amosban a vida dos habitantes máis pobres e marxinais de Londres.

O xornal cubría noticias nacionais e dos territorios do Imperio Británico cunha grande énfase na literatura, a arte, as ciencias, o mundo do espectáculo, o deporte, a música e a ópera.

A historia gráfica dedicada á ría de Vigo pechou o ano 1882 nunha posición relevante: a última páxina da revista. Aínda que non se pode dicir con certeza, todo parece unha partida de caza ás illas Cíes, xa que toman un barco, o desprazamento parece longo (ata o punto de que dormen a bordo) e nunha viñeta afirman que se dirixen a ‘The Peak’ (O Pico), o que encaixaría perfectamente co actual monte do Faro, na illa central.

En calquera caso, trátase dun documento inédito en Galicia, probablemente o primeiro retrato das illas Cíes realizado como un gravado con técnicas do ‘cómic’. Porque, aínda que existen incontables ilustracións anteriores, esta é a primeira que conta unha historia completa gráficamente. Atopámola na Biblioteca Británica nun exemplar de The Graphic de 1882.

A páxina de The Graphic.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.