Venres 29 Marzo 2024

Castelo de Portomeiro: unha luz á beira do Tambre entre Roma e o reino suevo

O grupo Síncrisis da USC escavará na primeira semana de xuño unha fortificación en Val do Dubra que pode ser clave nunha etapa descoñecida

A carón da aldea de Portomeiro (Val do Dubra), e preto do río Tambre, chama á atención na paisaxe un petouto coa pedra núa, no que aínda se ven as marcas, como en tantos outros, dos incendios de outubro de 2017. No bico, unha fortificación aguanta desde hai moito tempo a pesar do lume, as plantacións forestais de eucalipto e unha canteira que, nos anos 90, serviu para comezar a prestar atención a aquela construción ao documentarse o enclave por primeira vez. A partir da primeira semana deste mes de xuño, unha escavación que tivo que ser adiada por mor da crise da Covid-19 intentará afondar na historia da fortificación, enmarcada, con moita probabilidade entre o final do Imperio Romano e a chegada do Reino Suevo de Galicia. O traballo estará dirixido por Mario Fernández Pereiro e Jose Carlos Sánchez Pardo, grupo Síncrisis da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela, en colaboración coa empresa ‘Tempos Arqueólogos’.

Trátase dunha “época descoñecida”, segundo explica José Carlos Sánchez Pardo.  Porén, en esta etapa foi “cando se colocaron os alicerces da evolución social, política e económica” do territorio que se configurou como Galicia durante a Idade Media e até hoxe.

Publicidade

O Castelo de Portomeiro

Vista aérea do Monte Maior de Portomeiro. Á dereita, a aldea, detrás a canteira e ao fondo, o río Tambre. Fonte: Google Maps.
Vista aérea do Monte Maior de Portomeiro. Á dereita, a aldea, detrás a canteira e ao fondo, o río Tambre. Fonte: Google Maps.

“Temos documentado en toda Galiza que, en relación ca fin do Imperio Romano, aparecen multitude de fortificacións, nun fenómeno similar aos castros prehistóricos” explica Mario Fernández Pereiro. Aquí é onde se pode situar o Castelo de Portomeiro, segundo os investigadores. Porén, a escasa presenza de mencións a este período convérteno nunha etapa pouco estudada. “Hai algúns documentos, como as crónicas do bispo Hidacio de Chaves, que apuntan a que parte da aristocracia galaico-romana constrúe estas fortificacións, reocupando castros prehistóricos, para ter unha posición de poder no territorio”, expón Mario Fernández. Unha situación que, cos seus matices, tamén se atopou no que hoxe son o sur de Francia e o norte de Italia e o val do Douro, no territorio que hoxe corresponde a España e Portugal.

Deste xeito, Portomeiro podería coincidir con esta tipoloxía. Desde o seu cumio, no chamado Monte Maior, pode observarse o val do mesmo nome e o paso ao sur do río Tambre. A pesar dos danos sufridos pola acción humana nas últimas décadas, o voo americano do ano 1956 aínda perfilaba claramente a súa croa.

En traballos previos, o mesmo equipo estivo estudando o xacemento do Faro de Budiño (O Porriño, Pontevedra) no ano 2018, dunhas características semellantes, con resultados moi positivos. “Conseguimos documentar dúas fases diferenciadas de ocupación e novos datos sobre a produción cerámica altomedieval galega” comenta Mario Fernández, engadindo que “esperamos conseguir algo parecido nesta nova intervención”.

Muralla do Castelo de Portomeiro. Foto: Grupo Síncrisis.
Muralla do Castelo de Portomeiro. Foto: Grupo Síncrisis.

A escavación

Durante unha semana, o equipo estudará en detalle algunhas dos puntos máis característicos de Portomeiro. “A idea é escavar unha das estruturas que se ve en superficie para intentar coñecer a secuencia cronolóxica; e se é posible, intentaremos saber algo máis da súa funcionalidade e a vida dos seus habitantes, se aparece algún tipo de evidencia de traballos de metalurxia, cerámica, teares, etc.”.

Un dos detalles salientables do Castelo é a porta que se pode ver nas fotografías realizadas polo equipo nas súas visitas ao lugar. “É un dos poucos casos deste tipo nos que se ve claramente unha porta de acceso, así que queremos tamén analizalo polo miúdo. A idea é limpala, estudar a tipoloxía construtiva e intentar datar mediante Carbono-14 a construción da muralla, que nos pode contar moitas cousas”.

A escavación é a principal liña de traballo, mais non a única, deste equipo da USC para dar a coñecer o valor patrimonial de Portomeiro. Iniciaron tamén unha serie de publicacións a través das redes sociais para divulgar o seu traballo, e agardan facer, unha vez o permitan as limitacións establecidas pola crise da Covid-19, unha presentación á comunidade local do traballo realizado. A comezos de 2019, o Concello de Val do Dubra manifestou o seu interese por facerse cos terreos para a súa protección e divulgación, aínda que ata o momento non se materializou a operación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.