Sábado 20 Abril 2024

Carlos V, medio milenio dun emperador no Camiño de Santiago

Hai 500 anos, Carlos de Gante visitaba Galicia, oraba na catedral de Santiago e convocaba unhas históricas cortes que espertarían un periodo revolucionario

Hai medio milenio, o home máis poderoso do mundo chegaba a Galicia. Os territorios baixo o seu mando comprendían os reinos de Castela e Aragón –por primeira vez baixo unha soa coroa-, con Nápoles, Milán,  Sicilia e Sardeña, os Países Baixos, Austria, os territorios alemáns, o Franco Condado e as Indias Occidentais. Ademais, Carlos de  Gante viña de ser elixido como Emperador do Sacro Imperio Romano Xermánico, despois de comprar o proceso electoral deixándose unha fortuna en préstamos dos banqueiros Welser e Frugger para gañarse as vontades dos electores alemáns fronte ao outro candidato, o rei de Francia Francisco I. Por esta razón, Carlos V precisaba desprazarse a Aquisgrán para ser coroado. E tamén necesitaba diñeiro para facer fronte a tanto malgasto. Por ambas as dúa razóns veu a Galicia: para convocar cortes en Compostela, e seguidamente embarcar na Coruña xa co financiamento garantido.

Desde que, en 1516, se proclamara rei de Castela, cada vez que Carlos convocaba cortes había peticións de cartos polo medio. O seu fastoso tren de vida, as súas campañas para ser recoñecido en diversos territorios e o pago dos seus formidables exércitos esixían uns fondos que nin sequera o ouro chegado de América podía soster. Durante o seu reinado, a facenda castelá foi á suspensión de pagos e á quebra en varias ocasións.

Publicidade

O poderoso Mercurino Gattinara coordinou as cortes da Coruña e Compostela de 1520.

Así que, no inverno de 1520, o rei puxo rumbo a Galicia, seguindo o Camiño de Santiago. Está documentado que se detivo no hospital de peregrinos de Ligonde, así como en Triacastela. Finalmente, chegou a Compostela o 20 de marzo e, tras orar na catedral fronte ao suposto sepulcro do Apóstolo, convocou cortes, que comezaron o 31 de marzo no convento de San Francisco. O Gran Chanceler do Reino,  Mercurino Gattinara, coordinou as sesións, mentres o arcebispo Alonso III de Fonseca movía fíos xunto aos nobres galegos para conseguir que Galicia tivese de novo representación nas Cortes, un dereito que perdera en favor de Zamora e que non recuperaría tampouco nesta ocasión.

Non era este, nin moito menos, o único conflito destas cortes, ás que non acudiron os representantes das cidades de Toledo nin Salamanca, que xa se tiñan erguido contra o emperador, no que foron os primeiros compases da Revolta dos Comuneiros de Castela. Por outra banda, en Valencia, que era con Lisboa a cidade máis poboada da península Ibérica nesta época, estalaba nas mesmas datas a revolta das Germanías, con motíns e asasinatos contra o poder real. Pero o feo panorama non disuadiu a Carlos do seu obxectivo: introducir novos impostos e reclamar máis fondos das arcas públicas para a coroa. Para gañarse ás cortes, pronunciou o seu primeiro discurso público en castelán, unha lingua que catro anos antes nin sequera coñecía, cando chegou de Flandes en 1516, con 16 anos, para proclamarse rei de Castela e dos seus múltiples territorios.

Documento polo que Carlos V concede diversos privilexios á Coruña en 1520.

Pero o golpe de efecto idiomático non convenceu ás cortes, que lle negaron os fondos en sucesivas votacións. Reclamaba 8.000  ducados, que equivalerían a máis de dúas toneladas de ouro, que haberían de saír das arcas públicas e do esforzo fiscal do pobo. Así que, farto de negativas, Carlos perde a paciencia e suspende as cortes o 4 de abril en Compostela para trasladarse co seu luxoso séquito ata A Coruña, onde pretende embarcar ata os Países Baixos.

As cortes renóvanse o 14 de abril na Coruña e, tras grandes tensións e non poucas ameazas, unha semana máis tarde, o 22 de abril, pola diferenza dun só voto apróbanse novos impostos, fondos extraordinarios para a coroa e a cobertura dos seus gastos para desprazarse a  Aquisgrán para ser coroado como Rei de Romanos, o que sucederá o 29 de outubro do mesmo ano. Logo tería que esperar unha década, ata o 24 de febreiro de 1930, para ser oficialmente coroado en Boloña polo papa Clemente VII como Emperador do Sacro Imperio Romano  Xermánico.

Como recoñecemento á Coruña, o monarca concedeulle tras estas cortes autorización para celebrar un mercado franco os sábados para que a cidade “pobóese e ennobreza e tráianse a ela mercadorías de todo tipo”. Os rexedores coruñeses querían tamén a apertura dunha Casa de Contratación similar á que operaba en Sevilla para controlar o tráfico cos portos de Indias. Pero non foi posible.

Convento de San Francisco, en Compostela, onde se celebraron as cortes.

Tampouco Santiago logrou as súas aspiracións de voto en Cortes, e ademais o malestar polo tributo extraordinario recentemente aprobado provocou as revoltas galegas de 1520 e 1521, que en Compostela se saldaron con  algaradas nas que unha multitude de veciños lanzou pedras contra o consistorio e tentou aforcar na praza do mercado ao procurador xeral, Juan Páez. Estas protestas coincidían coa Guerra das Comunidades de Castela e coas  Germanías en Aragón, para evidenciar que o emperador deixaba os seus reinos en armas contra a súa propia política.

As cortes de Santiago e da Coruña, ao aprobar novas cargas fiscais para as cidades, tiñan axudado a quecer os ánimos para a revolta comuneira posterior. Como nota curiosa, comezaron a circular rumores de que, naquelas cortes en Galicia, os procuradores aprobaran impostos desorbitados, como que todo home casado debería pagar un  ducado por el, un  ducado pola súa esposa, dous reais por cada neno, un real por cada servente, cinco maravedíes por cada ovella ou cordeiro e mesmo certa suma por cada unha das tellas da súa casa. Estas ‘fake  news’ correron como a pólvora, estendendo o clima revolucionario que nacera destas históricas cortes galegas.

Alleo á rebelión que se lle viña enriba, o 20 de maio de 1520, Carlos V embarcaba na Coruña para Flandes, acompañado de grandes notables e dos seus asesores flamencos. Completábase a visita a Galicia, polo Camiño de Santiago, do home máis poderoso do mundo, fai agora medio milenio.

Aquí podes consultar un estudo histórico sobre as Cortes da Coruña e Compostela de 1520

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

A historia da primeira industria galega que empregou a máquina de vapor

Un estudo da USC analiza ‘La Victoria’, a descoñecida fábrica de fundición e louza da Coruña creada en 1844

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro
00:03:30

I de ‘Inventio’: como o descubrimento da tumba do Apóstolo fixo marca Galicia

A partir do século IX Santiago de Compostela converteuse nun centro europeo económico e relixioso clave pola peregrinación xacobea