Martes 23 Abril 2024

Cando Sito Miñanco quixo patentar unha vacina contra o cancro

Houbo un tempo en que Sito Miñanco aparentaba ser Robin Hood. En 1990, paseaba por Cambados cun Ferrari Testarossa como o que pilotaba Sony Crockett na serie Miami Vice. Pero, ao mesmo tempo, comportábase como un filántropo, que prestaba cartos aos veciños máis necesitados, daba traballo aos parados e triunfaba co Juventud de Cambados, equipo ao que levou da Rexional Preferente ata a fase de ascenso a Segunda División ou de xira futbolística polo Panamá do xeneral Noriega.

“O clan de “Sito” funcionaba engraxado, sen fisuras. E contaba cun combustible esencial: a aceptación social”, explica o xornalista Nacho Carretero na súa aclamada obra “Fariña”, onde recorda que pagou “varias operacións cirúrxicas e tratamentos médicos a veciños que non os podían pagar”. E lembra tamén un dos episodios máis rocambolescos da súa vida, cando decidiu iniciarse na investigación científica: “Quixo ata patentar ideas delirantes, como unha suposta vacina contra o cancro. Non é broma: a Policía rexistrou varias conversas cun catedrático de Hungría co que negociaba a patente”.

Publicidade

Un xornalista colaborador de Miñanco foi detido regresando de Hungría 

A aventura farmacéutica de José Ramón Prado Bugallo comezou nun país colapsado. A República Popular de Hungría desaparecía como estado en 1989, mentres Sito Miñanco tentaba facer negocios nas súas ruínas. No difícil tránsito cara á Hungría post soviética, o contrabandista galego pensou que alí podía haber unha oportunidade. Así que contactou cun científico da Universidade de Budapest que anunciara importantes avances nunha vacina contra algúns tipos de cancro. E enviou a negociar a un dos seus colaboradores, o xornalista Pedro Galindo, quen traballara en Televisión Española ata que foi fichado por Miñanco como asesor de comunicación e outras encomendas.

No xuízo da Operación Nécora, o contrabandista explicaba o negocio, presentándose como un filántropo: “Quixen averiguar que había de verdade”, contoulle ao fiscal na sala de vistas, “porque, fíxese vostede o beneficioso que sería para o país poder distribuir esta vacina entre os enfermos”.

A operación non saiu ben. O 24 de xaneiro de 1991, o xornalista Galindo era detido no aeroporto de Barajas cando desembarcaba dun voo dende Hungría, acusado de colaborar co contrabandista. E así rematou a súa tentativa de introducirse no negocio da investigación farmacéutica. Como recorda Nacho Carretero: “Sito dicía que era o negocio que o ía retirar”. Pero nada resultou como el pensaba. O pasado 5 de febreiro de 2018 Miñanco foi detido por enésima vez, desta volta nunha operación en Alxeciras. E a acusación, unha vez máis, tiña a súa dose de ironía: un delito contra a saúde pública.

3 COMENTÁRIOS

  1. Non vin como se chamaba o cientifico de Hungria. En todo caso entendo que el non sabia nada do que lle financiaba as investigacions.

    • Que fora quen fora… creo bastante mais que el intentara buscar unha solucion que os mierdas de politicos e basura que temos representandonos e manejando a sanidad “privada” que temos.
      Atentamente un amante do grandissimo Sito Miñanco

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os casos de cancro de próstata duplicaranse en 2040

Un informe publicado na revista 'The Lancet' estima que en menos de dúas décadas haberá 2,9 millóns de pacientes con este tumor

“Con suficiente investigación, a maioría dos cancros poderanse tratar na década de 2040”

Jesús Sánchez, responsable de proxectos na Fundación CRIS, asegura que as terapias CAR-T foron unha revolución no tratamento dos tumores do sangue

O disruptores endócrinos poden aumentar o risco de cancro de endometrio

Observada unha asociación entre as mesturas de contaminantes ambientais e a maior probabilidade de desenvolver este tumor

Galicia rexistra 16.000 novos casos de cancro e 8.000 mortes cada ano

A Fundación CRIS reúnese con Sanidade para solicitar unha maior cobertura aos pacientes oncolóxicos que requiren de medicamentos CAR-T