Martes 19 Marzo 2024

Cando o colosal “Graf Zeppelin” voaba sobre Galicia

O Graf Zeppelin sobre o hotel Moderno de Vigo.
O Graf Zeppelin sobre o hotel Moderno de Vigo.

Sobre a torre de Hércules, sobre as illas Cíes, sobre o horizonte da catedral de Santiago. Da imaxe do Graf Zeppelin voando sobre Galicia case non hai fotos, pero quedan as crónicas xornalísticas. Nos anos 30 do século pasado, a nave orgullo de Alemaña, grande como tres Boeing 747, asombrou aos galegos nas súas travesías entre Europa e América. Entrementres, o proxecto dun enxeñeiro cántabro, Leonardo Torres Quevedo, pretendía enlazar Vigo con New York para correo postal cun dirixible propio, o Hispania. O plan fracasou. Pero a estampa de Galicia na Era Zeppelin quedou na retina de miles de galegos.

A maior aeronave do seu tempo podía transportar 60 toneladas e aínda ten hoxe o récord do maior número de horas de voo, con 600 viaxes e máis de 150 singraduras transoceánicas. Un ano logo da súa botadura, en 1928, comezou a voar sobre Galicia, como lugar de paso entre Alemaña e New York, Pernambuco ou Bos Aires. O verán de 1929, os galegos foron testemuñas da súa viaxe da volta ao mundo, a primeira da historia que completaba unha aeronave. O venres, 9 de agosto, o aeróstato sobrevoou Vigo a baixa altura, procedente de Lakehurst, en New Jersey, rumbo á súa base de Friedrichshafen, en Alemaña. Logo, proseguiría cara aos Urais, Siberia e Xapón, para rematar de novo nos Estados Unidos.

Publicidade

Os diarios da época falan do rosmar dos motores e da fascinación que espertaba o dirixible, que ao achegarse ás poboacións voa tan baixo que se observa a cabina de pasaxeiros. El Pueblo Gallego marabillábase nas súas crónicas da travesía: “Bautizado como un hotel aéreo, o Graf Zeppelin conta cun comedor que pode usarse como salón de baile”, afirma o xornal. Logo engade que o comandante Eckener, un heroe do seu tempo, transportaba “a 41 tripulantes, 20 pasaxeiros e 3 señoritas xaponesas”. Non se entende ben en que categoría situaba o xornalista ás señoritas xaponesas.

Prohibido fumar, permitido beber

Nunha viaxe de Berlín a New York, El Pueblo Gallego repasaba a vida a bordo: “Leva unha bodega ben fornecida e os seus restos, se quedan, serán botados ao mar antes de entrar no país da Lei Seca“. Estaba prohibido fumar, medida ben lóxica pois era unha gran bóla de hidróxeno, moi inflamable. O incendio do Hindenburg, en 1937, certificaría os riscos.

Trala volta ao mundo, as visitas a Galicia do Graf Zeppelin foron a cotío. Tamén La Voz de Galicia recollía a entrada do dirixible pola costa coruñesa o 3 de setembro de 1929. Desde Corcubión sobrevoou cabo Vilán e foi visto sobre a torre de Hércules ás 17.30 horas: “Os que o viron, decatáronse dalgúns detalles do colosal aparato”.

Os viaxeiros saudaban desde o dirixible ós vigueses asombrados

Outra viaxe con moita sona foi a de abril de 1930. La Voz de Galicia conta o susto que levaron uns mariñeiros de Bueu. “Ás sete da mañá pasou por esta vila, a escasa altura, o Conde de Zeppelin, causando o asombro do vecindario”. Pouco despois, aparece sobre Vigo, “a baixa altura por riba do monte do Castro”.

Leonardo Torres Quevedo.
Leonardo Torres Quevedo.

El Pueblo Gallego titula: “A conquista do aire: Pasou sobre Vigo o Conde Zeppelin“. E engade que a cidade quedou alarmada: “Ás 6.35 da mañá de onte, o formidable ruído duns motores espertou a gran parte da veciñanza, que sorprendida na súa meirande parte saía a fiestras e balcóns. Ía a moi pouca altura, podendo apreciarse desde terra todos os detalles e ata o nome da fermosa aeronave. Os viaxeiros saudaban á veciñanza viguesa cos seus panos”.

Outras visitas só deixaban unha imaxe no horizonte. O 12 de abril de 1932, o aeróstato é visto sobre as illas Cíes: “O dirixible xermano Graff Zeppelin, que se atopaba en viaxe de regreso de Sudamérica, pasou onte sobre as Cíes, ás dúas menos cuarto da tarde. Levaba marcha lenta e rumbo norte. O seu paso foi visto desde diversos puntos de Vigo por numerosas persoas”.

Consérvase unha foto do Graf Zeppelin sobre Vigo, realizada polo fotógrafo Pacheco, co aeróstato sobre o hotel Moderno. E está pendente revisar arquivos públicos e privados para saber se foi fotografado noutras ocasións. Nos xornais da época non aparecen imaxes.

Pero Galicia estivo a piques de ser algo máis que lugar de paso de dirixibles. Nos anos 20, o enxeñeiro Torres Quevedo deseñou o Hispania, un aeróstato que pretendía dar servizo con América. O proxecto entusiasmou ao Goberno, que construíu unha terminal de aeróstatos en Sevilla, para unha liña con Bos Aires. Alí cargou combustible nalgunhas ocasións o Graf Zeppelin. Pero a idea do Hispania non foi adiante, como tampouco unha segunda liña que enlazaría Vigo con New York para correo postal.

A liña postal con New York

Faro de Vigo daba por feito o proxecto: “A liña aérea, por medio de grandes globos dirixibles entre Sevilla e Bos Aires, camiña cara a unha próxima realidade e tras dela, virán outras. É preciso que a de Vigo-New York se presente xa. E si iso é así, aí estaría o aeroporto ao lado de acá, que por algo xa é Vigo o porto marítimo para a mesma travesía”.

O Hispania, de Torres Quevedo.
O Hispania, de Torres Quevedo.

No dominical do madrileño ABC chega a contarse o proxecto con moito detalle. Os emigrantes seguirán viaxando en vapores, pero as cartas irán polo aire. En 1930, o xefe de Aeronáutica, Alfredo Kindelán, dicía en entrevista en Galicia: “Poderá transportar tres toneladas de correspondencia en cada viaxe”. E todo, en pouco máis de tres días de travesía, fronte ao mes que investían os trasatlánticos.

Pero a historia do xenial Torres Quevedo é unha clásico en España. Os seus dirixibles foron construídos no Reino Unido e Francia pola casa Astra. Non lle quedou outra que vender a patente. No seu país, non pasaron dunha anécdota, case sempre en demostracións diante do rei Alfonso XIII. Non había capital nin interese verdadeiro do Goberno nas súas empresas. Presumir si, facer non.

Torres Quevedo patentou máquinas calculadoras e automáticas; un enxeño que xogaba ao xadrez; o “telekino”, un mando a distancia para enxeños teledirixidos; e o “Aerocar”, o primeiro teleférico do mundo, que estrearía nas cataratas do Niágara. Pero na súa casa, poucos anos antes, proclamara Unamuno: “Que inventen eles!…” Frase que ten un engadido menos coñecido, que o escritor lle fai dicir a un personaxe : “A luz eléctrica alumea aquí tan ben como alí onde a inventaron”.

Así que, con este panorama, non sorprende que fracasen os soños de Torres Quevedo. Non haberá liña postal aérea por dirixible desde Galicia a Estados Unidos. O país tívose que conformar con contemplar ao Graf Zeppelin, ata o seu retiro en 1937, pasar polos ceos como un coloso. Aqueles que o viron, endexamais esqueceron esa imaxe…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Galicia vivirá unha primavera “máis cálida do normal”

Segundo a AEMET, as temperaturas invernais estiveron 1,8 graos por enriba da media habitual para esta época do ano

▪️ As medusas chegan para quedar: “Cada vez haberá máis en Galicia”

Nos últimos días apareceron varios exemplares que puideron ser arrastrados polo temporal marítimo

Unha masa de aire subtropical elevará os termómetros en Galicia ata os 21 graos. Canto vai durar?

A partir do xoves agárdase a entrada de novas borrascas atlánticas que deixarán precipitacións no oeste da comunidade

Un asteroide troiano de Xúpiter pasará polo ceo de Galicia

En Santiago de Compostela hai un 34 % de probabilidade de observar a ocultación dunha estrela