O gravado atopado no ‘Sporting Dramatic News’ de 1886.

Cando Galicia exportaba vacas e bois en vivo para Inglaterra

Vacas galegas para Inglaterra. Vacas viaxeiras que se criaban nas pradarías de Galicia e embarcaban bradando polo mar adiante. Unha actividade económica que sostivo a economía do país durante moito tempo, pero que agochaba un drama económico: traballar arreo para criar os animais e vendelos en vivo sen obter nada do seu valor engadido.

Nas revistas ilustradas británicas do século XIX, facemos o achado dunha estampa inédita no porto de Vigo. O que vemos nestas viñetas do ‘Sporting Dramatic News’ é o embarque de gando bovino desde o porto do Berbés con destino a Inglaterra. O gravado está datado en 1886 e retrata unha actividade económica que chegou a ser vital para Galicia e que tivo consecuencias que chegan aos nosos días, en especial no que atinxe ao sector lácteo.

Na primeira estampa, vemos unha res cunha notable cornamenta que é izada a bordo dun barco cun guindastre. O pé da ilustración reza: “Embarcation. Vigo”. O máis interesante da imaxe é que vemos retratada a concatedral de Santa María e, ao fondo o monte do Castro. Aparecen tamén as vivendas do Casco Vello que ruben polo outeiro e unha torre, que podería ser a da Pulguiña, que estaba emprazada na actual rúa da Segunda República na cidade olívica. Con todo, foi demolida anos antes, cara a 1864, cando se desmantelaron as murallas. Unha explicación posible sería que o artista inglés non estivo en Vigo para facer o debuxo, senón que se baseou nunha obra anterior. Pero fai dubidosa esta hipótese o realismo do deseño, mesmo coas gaivotas sobrevoando o porto.

Na segunda viñeta, vemos o barco xa cargado e fondeado no medio da ría de Vigo, cos montes do Morrazo ao fondo. E, finalmente, na terceira escena xa vemos ao buque navegando, co gando perfectamente ordenado e capeando o temporal rumbo ás illas británicas.

Esta estampa retratada pola revista inglesa foi habitual en Galicia durante séculos. Sábese que xa durante o Antigo Réxime era común a comercialización de gando vacún fóra de Galicia. O investigador Antonio Eiras Roel, da Universidade de Santiago, conclúe nunha monografía que “se pode dicir que os principais axentes económicos do produto mercantil da Galicia do Antigo Réxime non foron os comerciantes foráneos establecidos nos portos coruñés e vigués, ou nos de Ferrol e Carril, senón os 315.000 produtores galegos que animan as feiras cos seus produtos, e os tratantes casteláns e doutras procedencias que trafican no que é con moito o primeiro artigo de exportación de Galicia, e superior en valor a calquera dos importados para o consumo, o gando vacún”.

Entre 1850 e 1882, saían desde Galicia cara a Inglaterra entre trinta mil e corenta mil cabezas de gando cada ano. Na súa maioría eran bois, quizáis como o representado no gravado inglés. Na última década do século XIX, este tráfico cae enormemente e Portugal pasa a ser o destino principal das vacas galegas, mentres medra o das reses que van parar en Madrid, que coa chegada do tren fai que se formen auténticos convois de reses cara á capital.

Entre 1850 e 1882, cada ano saían de Galicia cara a Inglaterra entre 30.000 e 40.000 cabezas de gando

A caída do comercio de vacún con Inglaterra estivo en parte sustentada polo desenvolvemento da produción americana. As vacas do novo continente van substituír ás das pradarías galegas.

Ademais, prodúcese unha especialización, xa que Galicia exporta carne mentres Asturias dedícase principalmente ao leite e os seus derivados. E esta situación tería consecuencias ata os nosos días no sector lácteo de ambas as dúas áreas.

Tamén nos fala da pobre industrialización de Galicia, cunha economía que se baseaba en engordar vacas para vendelas tal cal, sen aproveitar ningunha das plusvalías da industria transformadora. Os primeiros matadoiros industriais non aparecerán ata ben entrado o século XX.

Pola súa banda, The Illustrated Sporting and Dramatic News foi unha revista inglesa fundada en 1874 e que durou ata 1970, aínda que con distintos nomes. Entre os seus colaboradores ilustres cóntase o autor de ‘Drácula’, Bram Stoker, e a novelista Agatha Christie. Ademais de informar sobre acontecementos deportivos e teatrais, incluía gravados como o que protagoniza esta reportaxe. Data de 1886 e amosa unha escena inédita do embarque de gando no porto de Vigo. Unha actividade que marcou a historia da economía de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.