Antonio Novo Campelo, impulsor do termalismo

O catedrático da Universidad de Santiago foi un gran divulgador dos balnearios do país e dos beneficios da hidroterapia

Novo Campelo en 1922 en Cuntis recibindo a un grupo de médicos. Vida Gallega.

Foi unha das grandes figuras do termalismo en Galicia, que ademais de ser catedrático da USC e decano da súa Facultade de Medicina, chegou a dirixir os máis importantes centros balnearios do país: A Toxa, Verín e Baños de Molgas, ademais dos de Retortillo e Ledesma, en Salamanca. Nacido en Muros en 1878, Antonio Novo Campelo logrou en 1904, aos tres anos de terminar a carreira, o ingreso no corpo de Médicos de Baños, adxudicándose o número un.

A súa tese doutoral, lida en 1903, titulouse “Redución cruenta das luxacións traumáticas irredutibles” e, en 1907, gañou a praza de auxiliar numerario de Terapéutica e de Medicina legal da Facultade de Medicina de Santiago, obtendo a Cátedra de Terapéutica da Universidade de Zaragoza en 1909. Ademais, continuou coa súa formación internacional, ao ser pensionado pola Xunta para a Ampliación de Estudos (JAE) para unha estancia de oito meses en Berlín, no Instituto de Enfermidades Infecciosas baixo a dirección de Wassermann.

Novo Campelo.

Ao seu regreso, conseguiu a Cátedra de Terapéutica de Santiago e chegaría a ser decano da Facultade. A súa vida institucional universitaria non estivo exenta de polémicas, en especial con Roberto Nóvoa Santos, con quen mantivo unha longa e intensa discusión a conta da Cátedra de Patoloxía. Ademais, cedo adscribiu o seu ideario a unha radical militancia conservadora, á que ademais engadiu a súa loita contra a ‘galeguización’ do ensino na universidade compostelá, ata o punto de converterse en protagonista “da reacción máis furibunda” contra o galeguismo e o Estatuto, como sinala o investigador Rafael Sisto Edreira, nun aspecto que tamén puxo de manifesto o historiador Ricardo Gurriarán.

Neste sentido, o investigador Luís Rodríguez Mires, na súa monografía ‘Figuras galaicas do termalismo’, lembra que durante a súa etapa como catedrático, os seus alumnos da Universidade de Santiago dedicábanlle unhas coplas nas que castelanizaban o seu nome. “A pesar da súa recia personalidade e dos moitos merecementos e do respecto e admiración dos seus alumnos non se viu libre das pullas dos estudantes, os que lle dedicaron, castelanizando os seus apelidos, unhas rimas que comezaban así: Al doctor Nuevo Campito/ De una fama tan sonada/ Como la nariz de una vieja/ Que estuviese constipada.”, lembra esta biografía do médico muradán.

A súa principal obra de investigación publicada foi elaborada co seu colaborador Villarino Ulloa: o ‘Tratado de Farmacoloxía Experimental e Terapéutica’. Ademais, publicou numerosos artigos en revistas médicas e impartiu numerosos cursos sobre Hidroloxía Médica e Terapéutica Física na Facultade de Medicina.

Novo Campelo foi un gran divulgador do termalismo, de xeito que organizaba excursións nas que reunía a científicos de diversas áreas do coñecemento, especialmente da Universidade de Santiago, para visitar os grandes balnearios do país. A esta actividade corresponde a imaxe que encabeza esta reportaxe, tomada de revístaa ‘Vida Galega’ e na que visitan as termas de Cuntis en outubro de 1922, hai agora un século.

Neste sentido, Sisto Edreira, nunha monografía para o Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega, salienta “os numerosos cursiños de Hidroloxía médica e Terapéutica física desenvolvidos por Novo na facultade de Medicina, así como o seu enorme labor de divulgación neste campo, que inclúe, entre moitas outras, unha conferencia na Sociedad de Hidrología en Madrid, na que foi presentado por Rodríguez Pinilla e que acadou grande sona na prensa madrileña. Tamén presentou un estudo no Congreso Internacional de Hidroloxía de Budapest”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.