Xoves 25 Abril 2024

Cambiamos a nosa mente coas cousas que construímos ao longo da historia?

Un proxecto dirixido desde Galicia e financiado con 10 millóns de euros estudará ata 2027 a interacción entre materiais, coñecemento e pensamento

Arredor de 5.000 anos antes de agora, unha persoa doulle forma a un recipiente. Non lle chamaba recipiente, e con moita probabilidade, esta persoa non sabía que vivía no noroeste dunha gran península que despois chamarían Ibérica, nunha comarca que recibiría o nome da Terra do Xallas, un concello que se chama Mazaricos e unha aldea coñecida como Corveira. Pero algunha bagaxe cognitiva tiña que ter a mente daquela persoa para ser capaz de construír un recipiente. Cinco milenios despois, utilizando o coñecemento e a técnica acumulados despois do enorme progreso acadado por individuos da mesma especie, máis de 40 persoas intentarán indagar, nos vindeiros seis anos, como a mente daquel individuo, e a de moitos outros antes e despois del, foi adquirindo unha bagaxe a través das estruturas materiais que a rodeaban. Unha mente que, de paso, proxectábase nos recipientes que facía e así proxectábase actuando con outras persoas cara ó futuro. Cinco milenios despois, podemos reconstruír esa sucesión de interaccións e, de paso que aprendemos sobre as mentes do pasado, comprender como funciona a mente humana.

Hoxe, o dolmen de Corveira, tamén chamado Mina da Parxubeira, está nunha paisaxe que foi profundamente alterada polos humanos. Preto del pasan os coches pola estrada que une Muros e Santa Comba. Unha estrada, un vehículo, as vivendas da aldea próxima… todo configura na mente humana unha forma de entender a existencia e desenvolverse nesta realidade. Por iso, o cerebro dunha persoa que vivira na Corveira hai 5.000 ou 150 anos vaise nutrindo de coñecemento distinto ao que se nutre hoxe. E quen morrera hai un ano nunca procesaría na súa mente, por exemplo, a obrigatoriedade de levar unha máscara pola rúa, lavar as mans cada pouco e evitar achegarse demasiado a persoas descoñecidas por risco de contraer a Covid-19.

Publicidade

E o mesmo pasa con alguén que vive en Muros, e non en Mazaricos. “Facemos materiais que nos fan a nós”, resumen os impulsores do proxecto Mentes materiais, que conseguiu acadar 10 millóns de euros dunha das convocatorias científicas máis prestixiosas, a Synergy Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) para estudar como a elaboración de obxectos, ferramentas e contornas artificiais puido dar forma á mente humana. A iniciativa leva o acrónimo inglés XScapes, co que se pretende definir como moitos ambientes distintos (landscapes, cityscapes, seascapes, artefactscapes…), interaccionan para configurar a evolución da mente humana.

Mina da Parxubeira, en Mazaricos, un dos monumentos megalíticos estudados no proxecto. Foto: Xosé Calvo/Wikicommons.
Mina da Parxubeira, en Mazaricos, un dos monumentos megalíticos estudados no proxecto. Foto: Xosé Calvo/Wikicommons.

Preto de Mazaricos, desde Santiago de Compostela, Felipe Criado Boado, arqueólogo do Instituto de Ciencias do Patrimonio (Incipit) do CSIC, coordinará un equipo con catro investigadores principais, expertos en neurociencias, filosofía cognitiva e arqueoloxía. Será “o maior experimento ecolóxico de percepción visual activa xamais realizado en condicións naturais e sociais“, sostén o tamén galego Luís Miguel Martínez Otero, que desde o laboratorio de Analoxía Visual do Instituto de Neurociencias de Alicante, do CSIC, o maior centro dedicado integramente á investigación en Neurociencia en España, será outra das catro patas da investigación. Os outros investigadores principais son Andy Clark, dos Departamentos de Informática e de Filosofía da Universidade de Sussex (Reino Unido), e Johannes Müller, do Instituto de Arqueoloxía Prehistórica e Protohistórica da Universidade de Kiel (Alemaña).

“A nosa pregunta de investigación é moi ambiciosa e relevante científica e socialmente”, explica Felipe Criado Boado. “É posible que as estruturas materiais que construímos cambien os nosos patróns de pensamento e atención, de tal forma que a comprensión dos cambios nas formas materiais a través da historia permita entender a emerxencia e evolución da mente e racionalidade da especie humana?”, preguntarase o equipo, que integrará máis de 42 persoas. Desde Santiago, o Incipit, que recibirá 3,6 dos 10 millóns ao coordinar o proxecto, achegará a súa experiencia no campo da investigación fundamental sobre o patrimonio cultural e os procesos de patrimonialización desde perspectivas transdiciplinares na Península Ibérica, América do Sur ou o África subsahariana. Xunto ao de Johannes Müller, o equipo baseado en Santiago ocuparase de reunir para o seu estudo e contextualizar un amplo espectro de sociedades arqueolóxicas de diferentes países e condicións históricas e culturais. O equipo de Andy Clark, en conexión Luís M. Martínez Otero, ocuparase de facer os estudos de procesamento preditivo e modelado matemático do proceso cognitivo.

Arriba, Felipe Criado e Luís Martínez Otero; abaixo, Andy Clark e Johannes Müller. Son os catro investigadores principais do proxecto. Foto: Incipit.
Arriba, Felipe Criado e Luís Martínez Otero; abaixo, Andy Clark e Johannes Müller. Son os catro investigadores principais do proxecto. Foto: Incipit.

Para dar resposta á cuestión, o grupo quere comprobar a hipótese do cambio cognitivo baseado na materialidade empregando para iso unha metodoloxía que combina 41 casos de estudo coa máis avanzada neurociencia da visión e simulacións baseadas en axentes, a través de traballos de campo e experimentos de diferentes contextos arqueolóxicos e sociedades contemporáneas en Europa, a India, África e América do Sur.

Porque non todas as sociedades miraban igual a súa contorna, tampouco no pasado. “As paisaxes do Neolítico, por exemplo, teñen unha disposición que orienta a vista horizontalmente, como calquera persoa que visitara os Aliñamentos de Carnac na Bretaña Francesa puido confirmar. En cambio, monumentos máis tardíos, como o último Stonehenge, impoñen unha resposta visual máis vertical”, explican os investigadores principais do proxecto nun artigo para The Conversation.

A partir destes experimentos, buscarase “ofrecer as claves que permitan comprender os principios fundamentais que guían o cambio cognitivo baseado na materialidade e o mundo material; e presentar o primeiro marco integral para comprender os sistemas potentes, pero aínda non plenamente comprendidos, mediante os cales os humanos fan obxectos que, ao mesmo tempo, fan a nosa mente e fannos a nós”, engade Luís M. Martínez Otero.

Con esta combinación de materiais arqueolóxicos e experimentos neurocientíficos baseados en simulacións para recrear algúns dos artefactos prehistóricos, abordarase o “primeiro marco integral para comprender os sistemas potentes, pero aínda mal entendidos, mediante os cales os humanos fan e transforman as paisaxes, as prácticas e os artefactos culturais que, ao mesmo tempo, fan e transforman as nosas mentes”, resumen desde o Incipit.

Aliñamentos de Carnac, na Bretaña francesa. Foto: Myrabella/CC BY-SA 3.0.
Aliñamentos de Carnac, na Bretaña francesa. Foto: Myrabella/CC BY-SA 3.0.

Así, XScape “pretende iluminar os modos nos cales a materialidade afecta á cognición, así como as diferentes escalas de tempo e condicións sociais no que iso ocorre”. Ao mesmo tempo, expoñen os investigadores, “esperamos resolver o problema de como a evolución e cambio dos artefactos se correlaciona, aínda que non sempre cause, con cambios cognitivos profundos e duradeiros. O proxecto entende por ‘materialidade’ a cultura material, os artefactos culturais feitos polos humanos e que inclúen obxectos mobles, tanto como decoracións, construcións e paisaxes”, explican.

Traballos previos

Aínda que o proxecto non comezará ata 2021, as bases de XScape remóntanse anos atrás, con traballos como o publicado en 2019 pola revista Scientific Reports. Nel, os grupos de Felipe Criado e Luís Martínez describiron, a partir dun experimento con 113 voluntarios, como as persoas observaban obxectos cerámicos de diversos estilos e sociedades dun período de 4.000 anos da prehistoria de Galicia. Entre estas pezas estaban, por exemplo, reconstrucións do vaso campaniforme das Pontes de García Rodríguez, gardado na colección da Universidade de Santiago; o citado cacharro do Dolmen de Corveira (Mazaricos), outro dun poboado calcolítico de Chaves (norte de Portugal) e unha xerra do mundo castrexo do procedente do Castro do Neixón (Boiro) e característica do ben coñecido tipo “xerra Toraia”.

A fascinante conexión entre neuroloxía, cerámica e sociedade na prehistoria galega

Daquela, Luís Martínez explicaba: “No noso cerebro existen circuítos neuronais, ou mapas, que representan o noso espazo persoal e peripersoal. Estes circuítos determinan a maneira na que nos relacionamos socialmente e tamén co mundo que nos rodea. Con este tipo de experimentos, estamos a demostrar que estas representacións vense alteradas polo uso e deseño de ferramentas e outros artefactos culturais; o que estamos a descubrir é que se incorporan de maneira moi rápida a estes mapas neuronais pasando a formar parte do noso esquema corporal, como se falásemos dunha extensión do mesmo”.

Os resultados daquel traballo apuntaban xa a que o sistema de recoñecemento visual humano interioriza de forma moi activa o obxecto que observa, o que demostraría que existe un axuste da percepción entre os observadores e as estruturas materiais da súa contorna. “Por iso a percepción non pode separarse da forma. Desde esta perspectiva pode postularse que a forma dos obxectos (a cerámica neste caso) e o patrón de exploración visual que producen cambiaron ao longo da historia, e están conectadas co comportamento cognitivo da mesma forma que o están co ámbito social, incluída a complexidade social”, continúa Criado.

E este vínculo entre o pasado e o presente tamén se estende ao futuro, xa que o actual cambio tecnolóxico que están experimentando as sociedades na actualidade require igualmente dun estudo profundo. “Estímase que xa hai 100.000 millóns de sensores por todo o mundo captando información de todo tipo e procesándoa dixitalmente, todos conectados entre si e funcionando como un gran cerebro humano”, expoñía Felipe Criado. Deste xeito, “a investigación no campo dos procesos cognitivos e a cultura material ao longo da historia pode ser de utilidade no futuro, de maneira que poida mostrar a forma en que os humanos confían nas imaxes que lles axuden a formar un imaxinario colectivo”, conclúe o director do Incipit. Agora, con XScape, ábrese unha gran oportunidade para mergullarse nesta fascinante lagoa do coñecemento.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As feces dos osos da cordilleira Cantábrica falan… e teñen boas noticias

Un estudo no que participa a USC investiga o estado actual de saúde destes exemplares para impulsar a recuperación das poboacións

Descobren características do VIH compatibles coa súa curación

Científicos de Sevilla estudaron a persoas cuxo organismo é capaz de dominar o virus sen necesidade de tomar un tratamento antirretroviral

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte