Xoves 25 Abril 2024

“Braña” (1977), a primeira revista científica en galego

A finais dos anos 70 aparecía esta publicación impulsada por Francisco Díaz Fierros e a Sociedade Galega de Historia Natural

Foi a primeira revista científica en galego, nada en Compostela no ano 1977, antes do regreso da democracia. Impulsada pola Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), o seu primeiro director foi o investigador Francisco Díaz-Fierros, home de letras e ciencias, catedrático da Universidade de Santiago e membro sobranceiro da Academia Galega ou do Consello da Cultura. “Eramos un grupo de entusiastas que pensamos que era imprescindible contar a ciencia na lingua do país”, recorda case 45 anos despois de comezar aquela aventura.

A revista ‘Braña’ non tivo unha presenza constante. De feito, só chegou a sumar 18 números ata a actualidade e estivo décadas sen actividade. Pero abriu camiños para a ciencia en galego nun momento de enormes dificultades.

Publicidade

A publicación ía chamarse orixinalmente ‘Fisterra’, pero se descartou o nome porque podería levar a confusión cunha zona concreta de Galicia, en lugar do seu conxunto. Así, na reunión ordinaria da SGHN do 18 de febreiro de 1977, foron debatidas catro propostas, que cumprían os requisitos marcados: que fosen palabras de dúas  sílabas e que tivesen cinco letras. “Pareceunos que aquilo daría un nome claro, conciso e directo”, explica Díaz-Fierros. As candidatas derrotadas para a cabeceira foron ‘Furna’, ‘Campa’ e ‘Lubre’. E a triunfadora aparecía ese mesmo ano no número 1 de ‘Braña’, a primeira revista científica en galego.

Francisco Díaz-Fierros.

Segundo a Real Academia Galega, unha ‘braña’ é un “terreo  moi  húmido que pode ser prado  ou monte  baixo”. A palabra encaixaba por tanto no universo científico do fundador e primeiro director da revista, Francisco Díaz-Fierros, reputado investigador dos solos cunha brillante traxectoria como catedrático de Edafoloxía e Bioloxía Vexetal da Universidade de Santiago. Súa foi a proposta, en 1978, de que no  galego común se denominase ‘solo’ ao obxecto de estudo da edafoloxía. Este termo substituíu dende entón no dicionario ao de ‘chan’ para aplicalo a esta ciencia.

A temática de ‘Braña’ céntrase no medio natural, os xacementos xeolóxicos, o mundo vexetal, o mundo mariño, os minerais etc. ‘Braña’ nace “como resultado da vontade colectiva dun fato de xente que se propuxo xa hai catro anos o estudo sistemático da realidade galega”, di no seu Limiar, no que ofrece “acoller todos aqueles traballos que dentro dunha axeitada dignidade metodolóxica teñan o medio natural galego como o seu ouxectivo principal”.

Cabeceira do primeiro artigo de ‘Braña’.

Nun primeiro intre, pensouse en dividir a revista en seccións como ‘Xeoloxía’, ‘Bioloxía’ ou ‘Antropoloxía’, pero se decidiu finalmente dar cabida a todos os contidos e ir “correxindo os erros que o seu rodaxe vainos poñer diante”.

“Sai entón ‘Braña’ á rúa, coa timidez da sá inesperencia, máis coa seguranza de que os seus uoxetivos recollen o sentir de moita xente que dalgunha u outra maneira quixéralle adicar os seus esforzos ó estudo do medio natural dunha terra como é a galega”, conclúe o limiar do primeiro número, no que proclaman que “un bó coñecemento do medio pode ser alicerce seguro pró desenvolvemento socio-económico do País”.

O índice xa deixa claro o carácter aberto da revista, que se abre cun artigo en castelán titulado “Introducción al estudio del hórreo en Galicia”, asinado por la historiadora Begoña Bas López. Continúa un traballo xa en galego sobre ornitoloxía dos investigadores Juan Rodríguez Silvar e Andrés Bermejo, da propia Sociedade Galega de Historia Natural. Este artigo será o único en lingua galega do primeiro número, xunto a outro titulado ‘Lista patrón de aves de Galicia’, asinado por Carlos Pedreira e José Manuel Penas. O resto, sobre solos, aves acuáticas ou o pinus pinaster, serán en castelán. Pero que a lingua vehicular da revista e algúns dos seus contidos sexan en galego xa é todo un fito histórico para este ano 1977.

A partir do terceiro número, de 1978, xa os artigos en galego serán sempre maioría na revista. Nesta data, ademais, aparece o famoso texto de Díaz Fierros titulado “Precisións semánticas sobor do emprego en edafoloxía das verbas ‘chan’, ‘solo’ e ‘terra’”, asinado xunto a Antón Santamarina, e clave como apuntabamos no cambio de criterio no dicionario da Academia.

“Eramos un grupo de entusiastas que pensamos que era imprescindible contar a ciencia na lingua do país”

A primeira andaina de ‘Braña’ rematou co número 10, publicado en 1980. En 1989, publicouse un monográfico dedicado ao I Congreso Galaico-Luso de Macromicoloxía. En 1994 e 1966 apareceron dous números con artigos diversos e, no 2006 e 2010, uns monográficos sobre os censos de aves acuáticas invernantes en Galicia. Pero a revista como tal foi recuperada 33 anos máis tarde, coa aparición no ano 2003 do número 11, coa súa versión versión electrónica de acceso libre, que chegaría ata o seu número 18, editado no pasado 2020, sempre pola Sociedade Galega de Historia Natural.

Os seus directores foron Francisco Díaz-Fierros (1977-1979), Marisa Castro Cerceda e Luis Freire García (1989), Xoan Rodríguez Silvar (1994-1996), Serafín González Prieto e Bernardo Carrión Velasco (1996-2001), Xose Lois Rey Muñiz e Serafín González Prieto (2010) e Xose Lois Rey Muñiz e Álvaro María Rodríguez Pomares (desde 2013).

Todos eles fixeron posible ‘Braña’, a primeira revista de ciencia en galego, nada en Compostela en 1977.

Aquí podes descargar a versión dixital do primeiro número de ‘Braña’ de 1977

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Detectado o virus de Crimea-Congo en carrachas do Bierzo: “Probablemente xa estea en Galicia”

Os expertos advirten que a enfermidade hemorráxica parece estar propagándose polo noroeste peninsular e urxen medidas para freala

O festival científico CinVigo encheu a Porta do Sol de ciencia e ilusión

Participaron máis de 220 alumnos de Secundaria, Bacharelato e FP que presentaron 58 proxectos na feira celebrada na cidade olívica

Os Prismas convocan unha categoría sobre océanos polo 25 aniversario do Aquarium

Os traballos deben presentarse antes do 3 de xuño. Os galardóns están impulsados polo Concello da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses

Volven as Líridas: como ver esta chuvia de estrelas dende Galicia

O fenómeno astronómico, que se poderá ver ata o xoves 25 de abril, será pouco visible a causa da lúa chea