Confirman a existencia dun bisneto vivo de Touro Sentado a través de ADN da súa cabeleira

Un científico danés lidera unha investigación que utilizou o ADN antigo para constatar o parentesco do xefe sioux con Ernie LaPointe

Touro Sentado (esquerda) e o seu bisneto, Ernie LaPointe. Fonte: David F. Barry/Lundbeck Foundation.
Touro Sentado (esquerda) e o seu bisneto, Ernie LaPointe. Fonte: David F. Barry/Lundbeck Foundation.

Tatanka Iyotake (Touro Sentado) é un dos símbolos da resistencia dos nativos norteamericanos fronte ao voraz avance dos colonos europeos polo continente no marco da expansión dos Estados Unidos. No ano 1876, na batalla de Little Big Horn, foi un dos líderes que comandou a vitoria dos indios contra o Sétimo de Cabaleiría, acabando coa vida do xeneral Custer. Cando no 1890 foi asasinado polas tropas estadounidenses, un médico colleu, sen permiso, un guecho da cabeleira e unhas polainas de Touro Sentado, que acabarían anos despois na man do instituto Smithsonian ata que en 2007 foron devoltos a descendentes do líder nativo. Máis de 130 anos despois, a análise do ADN presente neses cabelos acaba de confirmar que Ernie LaPointe, nacido en 1948, é o seu bisneto.

Os resultados da análise, realizada durante anos, e publicados na revista Science Advances, poñen fin, en parte á incerteza que rodea aos restos mortais de Touro Sentado: descoñécese o paradoiro real dos seus restos, que poderían estar en Fort Yates (Dakota do Norte), onde foi enterrado nun primeiro momento, ou en Mobridge (Dakota do Sur) onde os seus familiares trasladaron posiblemente os seus restos en 1953. Os dous lugares son venerados como lugar de culto para os seguidores do xefe.

Isto é clave porque involucrou a Ernie LaPointe, que xa era considerado como devanceiro, aínda que obviamente sen confirmación xenética. Os parentes de Touro Sentado, entre os que está LaPointe, cren que os restos do seu devanceiro están en Mobridge, pero para determinar a tumba oficial e así protexela, debían demostrar con probas xenéticas que o xefe sioux era familia súa.

Grazas á análise de ADN do guecho conseguiuse confirmar o vínculo. É a primeira vez que se utiliza ADN antigo para confirmar unha relación familiar entre persoas vivas e históricas. Noutros casos aplicouse sen éxito a tecnoloxía existente. “O que acontece é que nos restos nos que se intentou facer isto, como a famosa cabeza momificada que podería pertencer ao rei francés Enrique IV ou o presunto sangue de Luís XVI, o resultado foi negativo. É dicir, é a primeira vez que un traballo de xenética forense histórica dá positivo”, declara á Axencia SINC Carles Lalueza-Fox, experto en ADN antigo do Instituto de Bioloxía Evolutiva (CSIC-UPF), que non participou na investigación.

Análise de fragmentos de ADN antigo

A diferenza doutras análises xenéticas anteriores, baseados en marcadores uniparentais, a confirmación do parentesco foi posible grazas a un novo método de análise de liñaxes familiares mediante fragmentos de ADN antigo.

A técnica foi desenvolvida por un equipo de científicos dirixido por Eske Willerslev, da Universidade de Cambridge (Reino Unido), e o Centro de Xeoxenética da Fundación Lundbeck (Dinamarca), que tardou 14 anos en atopar o modo de extraer o ADN do anaco duns seis centímetros de pelo.

Guecho da cabeleira de Touro Sentado. Foto: Lundbeck Foundation.
Guecho da cabeleira de Touro Sentado. Foto: Lundbeck Foundation.

O método, que pode empregarse con datos xenéticos moi limitados e mesmo deteriorados como neste caso (ao levar un século a temperatura ambiente no museo), céntrase no ADN autosómico –herdado ao 50 % do pai e da nai e que permite comprobar as coincidencias xenéticas tanto se o antepasado é ao lado paterno ou materno– que incorporan os fragmentos xenéticos extraídos da mostra corporal.

Ao comparalo con mostras de ADN de Ernie LaPointe e outros sioux lakotas, os científicos conseguiron determinar que LaPointe é o bisneto de Touro Sentado e o seu descendente vivo máis próximo. “O ADN autosómico é o noso ADN non específico de xénero. Logramos localizar cantidades suficientes deste ADN na mostra de pelo de Touro Sentado e comparámolo coa mostra de ADN de Ernie Lapointe e outros sioux lakota, e alegrámonos de que coincidise”, recalca Willerslev, admirador do líder sioux.

Ata a realización deste estudo, a relación familiar entre LaPointe e Touro Sentado baseábase en certificados de nacemento e defunción, unha árbore xenealóxica e unha revisión dos rexistros históricos. Esta nova análise xenética proporciona unha liña adicional de probas para reforzar o seu parentesco.

Análise dos propios restos de Touro Sentado e debate ético

A confirmación deste vínculo podería axudar a que os restos do líder sioux poidan ser localizados con moita maior certeza. LaPointe, preocupado pola posible comercialización e atención da tumba, espera poder enterrar os ósos de Touro Sentado no lugar que lle corresponde. Segundo el, o emprazamento actual en Mobridge non ten ningunha conexión significativa para o líder sioux nin coa cultura que representaba. Pero antes do seu posible traslado, os restos do cemiterio terán que ser analizados de forma similar á mostra de pelo para garantir a coincidencia xenética con Touro Sentado.

Con todo, o estudo non está libre de consideracións éticas que o poñen en cuestión. Segundo os autores do artigo, este tipo de traballos achandan o camiño para levar a cabo probas de ADN parecidas sobre o parentesco entre moitas outras figuras históricas falecidas hai tempo e os seus posibles descendentes vivos. Porén, para realizalas, deberíanse ter en conta os límites éticos no estudo do ADN antigo, advirten algúns expertos, como o grupo que asinaba a semana pasada un artigo sobre este asunto en Nature.

Neste sentido, a análise do ADN antigo non contou co consenso da comunidade nativa norteamericana, e só se solicitou a aprobación de LaPointe e outros descendentes próximos. Aínda que os autores do artigo en cuestión defenden a integridade do estudo, outros investigadores de orixe indíxena non pensan o mesmo. Así, algúns científicos nativos consultados por Science, como Joseph Yracheta ou Nanibaa’ Garrison, consideran que debería haber un acordo maioritario antes de proceder con este tipo de pesquisas.


Referencia: Identifying a living great-grandson of the Lakota Sioux leader Tatanka Iyotake (Sitting Bull). (Publicado en Science Advances).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.