Martes 16 Abril 2024

Bibiano Fernández: científico, galeguista e alto directivo da ONU

O biólogo pontevedrés foi alcalde e deputado, exiliado en México tras a Guerra Civil e destacou como alto funcionario na FAO

Bibiano Fernández Osorio-Tafall puido ser o presidente ‘provisional’ da Xunta de Galicia na Transición democrática. Así llo propuxo Adolfo Suárez, nunha operación similar á de Josep Tarradellas en Barcelona, pero o eminente científico e político galeguista rexeitou a invitación. A anécdota reflicte con todo a enorme autoridade dun pontevedrés brillante que, co seu exilio en México tras a Guerra Civil, chegou a ser un alto funcionario internacional das Nacións Unidas.

Bibiano Fernández nacera en Pontevedra en 1902. Doutor en Ciencias Naturais, conseguiu a cátedra de Agricultura no Instituto de Ensino Medio da capital do Lérez. Tamén foi secretario da Misión Biolóxica de Galicia, fundada en 1921 pola Xunta de Ampliación de Estudos (JAE) e actualmente pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O director deste importante centro científico era daquela Cruz Gallástegui, quen nunha carta da época comentaba: “Bibiano debátese entre a política e a Bioloxía, temo que se decidirá pola política. Síntoo polas patacas!”

Publicidade

Bibiano Fernández Osorio-Tafall.

Porque, en efecto, Fernández Osorio foi un sobranceiro investigador en bioloxía mariña e en fitopatoloxía. Nesta última disciplina, destacan os seus traballos sobre as diferentes viroses que afectaban ás patacas en Galicia, nos que propuxo diversas solucións mediante selección xenética. Para profundar nesta temática, conseguiu unha bolsa da JAE, coa que se desprazou a Alemaña, ao prestixioso Kartoffeln Institute de Berlín. De feito, é da súa autoría o primeiro traballo publicado en España sobre enfermidades de virus da pataca, que presentou no  XIV Congreso da Asociación Española para o Progreso das Ciencias, que se celebrou en Santiago de Compostela en 1934.

Pero a dimensión política atraía especialmente a Bibiano Fernández Osorio- Tafall, que era republicano reformista e galeguista. Como membro da ORGA, foi elixido alcalde de Pontevedra aos 28 anos, máis tarde exerceu como presidente da Deputación Provincial e foi dúas veces elixido como deputado nacional en Cortes, en 1931 pola Federación Republicana Galega e en 1936, por Esquerda Republicana.

Nestes anos, participa na redacción do proxecto do Estatuto de Autonomía de Galicia, que sería aprobado en Cortes en 1936, pero que non entraría en vigor pola Guerra Civil. Tamén ocupou cargos institucionais como as subsecretarias de Traballo e de Gobernación, pouco antes da guerra, mentres que posteriormente, en 1928, sería nomeado Comisario Xeral de todos os Exércitos no goberno de Negrín.

Coa ditadura franquista viuse obrigado ao exilio, onde relanzou a súa carreira como científico. Foi profesor da Universidade Nacional Autónoma de México do Instituto Politécnico Nacional e do Centro de Estudos Internacionais do Colexio de México. Nesta época, publicou varios traballos sobre a potencialidade alimenticia e a produtividade do fitoplancto do Mar de Cortés. Os detallados ensaios que realizou sobre os recursos naturais da plataforma continental, conduciron á modificación do artigo 27 da Constitución mexicana, co obxecto de incluír esta como parte da nación. Hai que sinalar que, como biólogo mariño, Bibiano Fernández xa fora un dos impulsores da Estación de Bioloxía Mariña de Marín, onde iniciara xa traballos sobre o plancto.

En 1943 foi nomeado asesor técnico de Guanos e Fertilizantes de México, coñecida logo como Fertimex, colaborando na localización de enclaves de interese na Baixa  California coa fin de estudar a produtividade de  guano anual que ditas explotacións podían producir, así como outros aspectos técnicos.

Impartindo unha conferencia en 1935.

Foi colaborador do Banco de México e da Nación Financeira, así como membro da Sociedade Mexicana de Historia Natural e doutras moitas sociedades.

Pero o seu maior impacto internacional chegaría a partir de 1948, cando como funcionario das Nacións unidas inicia unha intensa axenda de actividades. En Santiago de Chile ocupou a dirección da oficina da Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) para América Latina en 1949; pasou logo a Indonesia en 1959, onde exerceu de director dos Programas de Fondo Especial. Posteriormente ocupou distintos cargos no continente africano: en Mali e Guinea en 1959; en Exipto en 1961 e representante no Congo entre os anos 1964 e 1967. Por último, foi representante especial do secretario xeral da ONU en Chipre entre 1967 e 1974.

En xuño de 1974 abandonou a súa actividade política para regresar a México, onde asumiu o posto de asesor da Dirección Xeral da Planificación Rexional da Secretaría da Presidencia e exerceu a docencia no Centro de Estudos Internacionais.

Foi en 1977, xa xubilado, cando Adolfo Suárez sopesou facer con Bibiano Fernández unha operación similar á de Tarradellas en 1977 en Catalunya, nomeándoo ‘presidente provisional’ no seu caso de Galicia. Pero o prestixioso científico e político rexeitou, sobre todo polo forte arraigamento que alcanzara en México, a pesares de que desde o regreso da democracia, fixo numerosas viaxes á súa Pontevedra natal. En 1987, a Real Academia  Galega de Ciencias concedeu a Bibiano Fernández a súa Medalla de Ouro. Un ano máis tarde, a Xunta de Galicia outorgoulle a Medalla Castelao. E, en 1989, foi designado doutor ‘honoris causa’ pola Universidade de Santiago de Compostela.

O pontevedrés  Bibiano Fernández Osorio-Tafall faleceu na cidade de México o 13 de agosto de 1990.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Guía para ver a eclipse solar dende Galicia

O fenómeno poderase observar a partir das 21:02 horas, sete minutos antes do ocaso na zona da Coruña