Imaxe do xacemento de Idanha-a-Velha, onde se localiza o baptisterio. Foto: Pedro Carvalho.
Imaxe do xacemento de Idanha-a-Velha, onde se localiza o baptisterio. Foto: Pedro Carvalho.

Científicos galegos datan o baptisterio cristián máis antigo da Península

Investigadores das universidades de Vigo, A Coruña e Coimbra publican novos resultados sobre o xacemento de Idanha-a-Velha, ao leste de Portugal

Un equipo de investigadores da universidades de Vigo, Coimbra e A Coruña veñen de datar o baptisterio cristián máis antigo da península Ibérica, tal e como recolle un estudo publicado na revista Archaeological and Anthropological Sciences. Nel revélase a data de construción dos dous baptisterios paleocristiáns do xacemento de Idanha-a-Velha, localidade histórica que se atopa na rexión da Beira Baixa, ao leste do país, xa preto da fronteira con Cáceres.

Os investigadores Pedro Carvalho e Adolfo Fernández. Foto: Duvi.
Os investigadores Pedro Carvalho e Adolfo Fernández. Foto: Duvi.

Segundo explican os responsables do estudo, baseándose en análises físico-químicas e arqueolóxicas foi posible situar a construción dunha das piscinas bautismais de Idanha-a-Velha na segunda metade do século IV, cando o territorio pertencía ao Imperio Romano. “Este baptisterio é, ata o momento, o máis antigo que se coñece na península Ibérica, sendo un dos sinais máis antigos e importantes da presenza do cristianismo no territorio actual portugués”, explican Adolfo Fernández e Pedro Carvalho, dous dos autores do estudo e investigadores, respectivamente, da Facultade de Historia da Universidade de Vigo, e da Universidade de Coimbra.

Estas novas análises permitiron descubrir que “os baptisterios teñen unha data anterior á proposta en función da súa tipoloxía construtiva”, polo que se xerará “un cambio no paradigma establecido para este tipo de construcións na península Ibérica”, expón o artigo.

Baptisterio, o antecedente das pías de bautismo

Construídos a carón das primeiras igrexas, os baptisterios, indican os responsables do traballo, eran espazos onde se levaba a cabo o sacramento do bautismo por inmersión, antecedente das pías bautismais que xurdirán posteriormente na Idade Media, concretamente no século XI. Idanha-a-Velha, a antiga Egitania romana, engaden, foi sede episcopal durante o período suevo-visigodo, nos séculos V ao VII despois de Cristo, sendo un dos xacementos arqueolóxicos máis importantes de Portugal.

O estudo foi realizado no ámbito dun proxecto de investigación arqueolóxica levado a cabo en Idanha-a-Velha encabezado por investigadores das universidades de Coimbra e Nova de Lisboa coa colaboración de investigadores das universidades de Vigo e A Coruña, encadrándose nun protocolo entre as dúas universidades portuguesas, o Municipio de Idanha-a-Nova, no que se sitúa o achado, e a Direção Regional de Cultura do Centro.

Asinan o traballo, ademais de Fernández e Carvalho, os investigadores José Cristóvão, Jorge Sanjurjo-Sánchez e Patrícia Dias.

Referencia: Dating the early Christian baptisteries from Idanha-a-Velha—the Suebi-Visigothic Egitania: stratigraphy, radiocarbon and OSL (Publicado en Archaeological and Anthropological Sciences

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.