Venres 19 Abril 2024

Atopan planos inéditos de Mondoñedo tras as inundacións de 1760

Os investigadores do Campus Terra da USC que están a traballar no proxecto ‘Mondoñedo dixital: cidade histórica e patrimonio’, unha actuación promovida polo Centro de Estudos de Historia da Cidade da USC en virtude dun convenio asinado co Concello de Mondoñedo, está a atopar múltiple información descoñecida ata a data respecto do patrimonio cultural, histórico e incluso referido ao desenvolvemento urbanístico da cidade mindoniense, tal e como é caso duns planos inéditos da cidade datados na segunda metade do século XVIII e relativos ás recomendacións das actuacións urbanísticas que cómpre realizar para evitar a repetición de episodios como o da inundación rexistrada en 1760 no núcleo urbano mindoniense por mor da inundación provocada pola chea do río O Sixto.

planos mondoñedo

A directora do Centro de Estudos de Historia da Cidade da USC, a profesor Ana Goy Diz, e o coordinador do proxecto ‘Mondoñedo dixital: cidade histórica e patrimonio’, o tamén profesor na Facultade de Humanidades da USC, Gonzalo Francisco Fernández Suárez, descubriron este venres este planos inéditos da trama urbana mindoniense no marco dos traballos de dixitalización das actas e acordos plenarios municipais conservados desde o século XVI que están a desenvolver nesta primeira fase do proxecto, unha actuación que comezou hai uns meses que está previsto rematar a comezos de 2017.

Publicidade

A relevancia destes documentos urbanísticos achados é importante, segundo afirmou Ana Goy, quen explicou que os planos descubertos ofrecen información detallada do emprazamento e das características arquitectónicas dos edificios públicos e de relevo existentes na cidade de Mondoñedo na segunda metade do século XVIII (trazado das rúas, casas, edificios principais, fontes, cursos de auga, perímetro amurallado, vías de acceso…), ao tempo que aportan datos respecto as actuacións urbanísticas adoptadas, así como á súa maior ou menor incidencia cara o futuro.

Os planos amosan os edificios públicos de relevo no século XVIII

O achado destes planos súmase á xa ampla información rescatada dos arquivos municipais no proceso de dixitalización das actas municipais e acordos plenarios, un labor minucioso no que están a traballar varios egresados da Facultade de Humanidades, como o son Diana Dúo Rámila, Paula Mouriz Rosendo, Adrián Pérez Lago, Jessica Belmonte, ademais da colaboración dos profesores Carlos Baliñas e Antonio Rodríguez Colmenero, o investigador mindoniense Carlos Andrés González e un técnico.

Goy Diz, quen cualificou de “apaixonante” o traballo que están a desenvolver en Mondoñedo, explicou asemade que o proceso de dixitalización non se reduce a fotografar documentos e libros, se non que tamén implica a realización doutras tarefas parellas, como o son a descrición, transcrición e clasificación dalgunhas grafías que conteñen estes documentos e cuxa temática abrangue desde cuestións urbanísticas, actos sociais e populares, fitos históricos para a cidade como o son a chegada dun novo bispo

161118Mondo2

O estudo do patrimonio cultural mindoniense a través do recurso ás fontes documentais conservadas no arquivo municipal constitúe un primeiro paso dun longo traxecto que ofrece a posibilidade de rastrexar novas e informacións que se puideran localizar, entre outros, no Arquivo do Reino de Galicia, Arquivo Histórico Nacional, Arquivo da Chancillería de Valladolid e mesmo no Arquivo Militar de Segovia, sinalou Ana Goy, para logo engadir que unha vez compilada toda a información o proxecto contempla a súa estrutura ordenada en aras a facilitar a súa localización e tamén as posibilidades de uso.

A directora do Centro de Estudos da Historia da Cidade da USC entende que o proxecto que se está a desenvolver en Mondoñedo logo do convenio asinado co Concello, un acordo vixente ata 2018 e cun financiamento de 180.000 euros, abre unha nova vía de traballos e colaboracións para o Centro de Estudos da Historia a Cidade da USC, ao tempo que constitúe un novo nicho de emprego para os titulados en Humanidades e Ciencias da Cultura egresados da Facultade de Humanidades da USC.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Gciencia celebra o Día da Lingua Materna cun relatorio sobre a divulgación en galego

A xornalista Laura Filloy abordou a importancia de trasladar o coñecemento científico á sociedade nun acto celebrado no Campus de Lugo da USC

Atopado o talón de Aquiles da rata toupa, a praga que azouta a montaña luguesa

O estudo do órgano vomeronasal deste mamífero subterráneo avala o uso de químicos para diminuír a súa poboación e frear o seu impacto na agricultura

Os cubículos e corredores reducidos nas granxas de Lugo afectan a produción de leite

A tese de Sonia Verdes Gil conclúe que as superficies incómodas prexudican a saúde e a hixiene das vacas

As escavacións na necrópole de Combarro descobren un forno de posible orixe altomedieval

O achado apunta cara a un tipo de asentamento que vai máis alá do uso exclusivamente cemiterial que se lle atribuía ao comezo dos traballos