Atopan nunha bolsa milenaria cinco drogas dos indios americanos

O estudo realizado en Bolivia amosa cocaína, benzoilecgonina, o alucinóxeno bufotenina e os dous principais ingredientes da ayahuasca

A bolsa coas drogas atopada en Bolivia que protagoniza o estudo de PNAS.

Algúns pobos indíxenas de Sudamérica preparan unha bebida chamada ayahuasca, a base de compostos psicoactivos que provocan efectos alucinóxenos. Un novo estudo demostra agora que nas cerimonias chamánicas de fai uns mil anos xa se usaba esta beberaxe. A análise química dos restos orgánicos dun bolso ritual revelou a presenza de polo menos cinco drogas.

Dende hai milenios, os pobos precolombinos utilizaron varias especies de plantas orixinarias de Sudamérica polas súas propiedades curativas e psicoactivas que alteraban os estados de conciencia. Con todo, ata agora, só existía evidencia arqueolóxica do consumo de psicotrópicos, como o alcol ou a cafeína. O uso doutras substancias psicoactivas foi máis difícil de documentar.

Un novo estudo, publicado hoxe na revista PNAS, proporciona a primeira mostra química do uso ritual de múltiples plantas psicoactivas na Bolivia precolombina, grazas á análise dun conxunto de obxectos duns mil anos de antigüidade, recuperados nunha cova nas terras altas dos Andes, ao suroeste de Bolivia.

Os científicos neozelandeses, estadounidenses e colombianos analizaron a composición química dos artefactos atopados no bolso ritual: unha gran bolsa de coiro cun par de táboas de madeira talladas para o rapé (tabaco en po), un tubo de aspiración, un par de espátulas de óso de llama, unha cinta de tea, fragmentos de talos de plantas secas unidas por cordas de la e fibra, e tres bolsas unidas realizadas con fuciños de raposos.

Os resultados, obtidos por cromatografía líquida en tándem de espectrometría de masas, revelan a presenza de polo menos cinco compostos psicoactivos: cocaína, benzoilecgonina, harmina, bufotenina e dimetiltriptamina.

Detalle da bolsa ritual. Foto: PNAS.

“Polo menos tres plantas que conteñen estes compoñentes formaban parte do aparato chamánico que se remonta a hai 1.000 anos. Ata a data, é o maior número de compostos recuperados dunha única peza nesta zona do mundo”, recalcan os autores da Universidade do Estado de Pennsylvania (EUA), a Universidade de Otago (Nova Zelandia) e a Universidade Maior de San Andrés (Bolivia), entre outras.

Segundo os investigadores, a presenza de cocaína suxire que a bolsa contiña follas de coca, e a pegada de bufotenina apunta a que as sementes de vilca ou cebil (Anadenanthera colubrina) foron transportadas en bolsas fabricadas cos fuciños de raposos para ser moídas nas táboas de madeira e inhaladas co tubo de aspiración.

A aparición de harmina, abundante no yage (Banisteriopsis caapi), e dimetiltriptamina, atopada na chacruna (Psychotria viridis), amosa que se poden usar múltiples plantas para facer ayahuasca.

As plantas poden ser consumidas como un composto de tabaco ou elaboradas nunha potente bebida, polo que o consumo de ayahuasca en rituais chamánicos xa debía producirse hai un milenio.

“Ningún dos compostos psicoactivos que atopamos provén de plantas que crecen nesta zona dos Andes, o que indica a presenza de redes de intercambio elaboradas ou o movemento deste individuo en diversas contornas para obter estas plantas especiais”, dixo a arqueóloga Melanie Miller, da Universidade de Otago. Dalgún xeito, podemos concluír que xa existía o tráfico de drogas nesta época.

O traballo indica que os chamanes tiñan un sofisticado coñecemento botánico na época precolombina e que as múltiples plantas que se empregaban procedían de áreas ecolóxicas dispares e distantes en América do Sur.

1 comentario

  1. Interesante artigo, aínda que é bastante arriscado utilizar a denominación “drogas” —que na actualidade ten un sentido moi específico e cargado de moitos matices de carácter legal, moral e social (e xeralmente non moi positivos), alleos aos contextos nos que naceu o seu uso— para referirse a esas substancias, nun contexto tan diferente. Máis próximo sería quizais, seguindo as denominacións que se lles seguen a dar nas comunidades que manteñen o seu uso desde hai milenios, falar de “plantas de coñecemento”, “plantas sagradas” ou outras denominacións que reciben tradicionalmente por parte dos seus usuarios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.