Sábado 20 Abril 2024

Atopan no castro de Viladonga unha machada de bronce de hai 2.300 anos

A peza, duns 13 centímetros, apareceu nas escaleiras de acceso ao alxibe descuberto recentemente no xacemento, situado en Castro de Rei

Hai ano e medio, as escavacións no castro de Viladonga, en Castro de Rei, un dos xacementos máis salientables de Galicia, revelaban un alxibe monumental, datado arredor do século III a.C., que supoñía un importante avance no coñecemento deste enclave. E agora coñécese, segundo anunciou este mércores a Consellería de Cultura, que nas escaleiras de acceso ao depósito apareceu unha machada votiva de bronce, asociada a rituais de sacrificio, e que se enmarca nunha cronoloxía semellante á do alxibe. Ten uns 13 centímetros de longo e pesa uns 22 gramos.

A peza apareceu xunto a outros materiais, principalmente cerámica, ósos e restos de carbón, e as análises do material orgánico recollido na campaña anterior confirmaron que se trataba dunha construción castrexa prerromana do século III a.C., anterior, polo tanto á construción da muralla do poboado. A Consellería xa avanzou que a peza poderá ser contemplada en breve no museo do castro de Viladonga.

Publicidade

Segundo os expertos que participaron no achado e análise da machada, supón unha “gran descuberta pola escaseza destas pezas e a súa profusa e complexa decoración”. Lembran que xa se encontrara algunha machada semellante en Galicia, en lugares como Cariño, Lalín, Mondoñedo ou Cervo. Porén, “a dicir dos expertos, esta é probablemente a machada votiva cunha decoración máis rica”, expón a Consellería de Cultura no comunicado co que informou do descubrimento.

No colgante, engade Cultura, “desenvólvense moitos dos elementos comúns a estas pezas, como a propia machada, os sogueados ou o torques, ademais dun prótomo de touro, un xabaril na zona mesial, e un prótomo de carneiro na zona distal”. O elemento estaría deste xeito “relacionado con ritos de sacrificio que se desenvolvían na segunda Idade de Ferro no noroeste peninsular e enriquece o material ergolóxico do Castro de Viladonga”. Destacan desde a Consellería que, “tanto a machada como o alxibe recentemente descuberto son novas atraccións para o visitante nun xacemento cada vez más rico e espectacular que, campaña tras campaña, ofrece novos achados.

Atopan un alxibe no castro de Viladonga que amosa a enxeñería dos galaicos

O castro de Viladonga é un dos xacementos máis coñecidos e recoñecidos de Galicia. O conxunto sitúase no cumio dun monte desde o que se contempla a Terra Chá lucense e as serras de Monciro, de Pradairo e Meira. Desde o comezo das escavacións, no ano 1971, o castro foi acadando unha gran relevancia, tanto pola monumentalidade e diversidade das estruturas descubertas como pola cantidade e calidade dos materiais recollidos.

O xacemento é un exemplo de asentamento destacado, sobre todo entre os séculos II e V d.C., moi importante para o coñecemento, estudio e comprensión do mundo castrexo trala conquista romana. No castro continúan de forma periódica os traballos arqueolóxicos tanto de escavación como de limpeza e consolidación.

O museo, aberto en 1986, dedícase á interpretación e explicación do xacemento e á custodia e a exposición dos materiais procedentes das sucesivas escavacións. Está situado entre as dúas últimas murallas do lado sueste do Castro, moi preto da súa croa.

Aquí podes velo desde o aire:

O espectacular castro de Viladonga a vista de drone

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos

Así se conserva o ‘Titanic’ galego: “Parece que se afundiu onte”

O obxectivo da investigación Ría de Viveiro I é comprender como vivían as entidades poboacionais e a influencia do mar na súa evolución