Sábado 20 Abril 2024

Atopan en Ourense dous valiosos manuscritos da época de Afonso X

O achado no Arquivo Histórico Provincial ourensán é unha obra haxiográfica de Bernardo de Brihuega

O Arquivo Histórico Provincial de Ourense (AHPOu) garda na súa colección de pergameos un valioso manuscrito, recentemente identificado, da obra haxiográfica de Bernardo de Brihuega, estreito colaborador do rei Afonso X (1252-84). Trátase de dous fragmentos –un bifolio e unha folla solta– en castelán das Vidas y pasiones de los Apóstoles, datables a finais do século XIII ou comezos do XIV, que constitúen o testemuño máis antigo conservado desta obra, da que até agora só se coñecían algunhas copias tardías (desde segunda metade do XIV até comezos do XVI) en latín, castelán e portugués.

Os fragmentos en cuestión teñen o valor engadido de pertenceren a un códice haxiográfico moi coidado, seguramente de procedencia rexia, en que se copiaría a tradución castelá íntegra do libro II de Bernardo de Brihuega sobre a vida e as paixóns dos apóstolos. Neste caso, o contido conservado nos dous fragmentos correspóndese con varios capítulos da vida e paixón de Santo Tomás, San Marcos e San Andrés.

Publicidade

É moi relevante, ademais, que o bifolio fora reutilizado como capa dun libro de apeo dos bens do convento feminino de Santa Clara de Allariz, único mosteiro galego de fundación real, pois permite reconstruír o itinerario cultural do códice desde a corte castelá até o territorio galego e a súa eventual difusión ao reino portugués nas primeiras décadas do século XIV.

A colección haxiográfica de Bernardo de Brihuega, compilada baixo o mecenado do rei Sabio, estaba composta por cinco libros sobre a historia da Salvación e dos seus protagonistas a partir do Novo Testamento: a vida de Xesús e de Santa María (libro I), as vidas e paixóns dos apóstolos (libro II), as paixóns dos mártires (libro III), as vidas dos confesores (libro IV) e as vidas das virxes (libro V).

Fonte principal da ‘General estoria’

A tradución desta obra ao castelán, realizada polo propio de Brihuega, ademais de circular como unha obra independente, como demostra o fragmento do AHPOu, tería sido empregada como fonte principal para a composición dalgunhas seccións da compilación universal de Afonso X, a General estoria. Desde finais do século XIII e durante as centurias seguintes, a obra vernácula de Brihuega tería sido difundida e traducida no Occidente peninsular, como demostra o fragmento do AHPOu e as diferentes versións portuguesas hoxe conservadas.

Os fragmentos do AHPOu foran descritos nun principio por Antonio Odriozola como parte da General estoria, mais o recente estudo de Ricardo Pichel (Universidade de Alcalá), quen prepara actualmente unha edición e estudo completo do manuscrito, permitiu identificalos coa obra haxiográfica de Bernardo de Brihuega e afinar a súa datación a cabalo dos séculos XII e XIV.

Nesta ligazón podes ler unha primeira aproximación ao estudo destes textos

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Nas ‘Cantigas de Santa María’ aparecen centos de nomes propios: consúltaos aquí

Un dicionario e unha base de datos dixital recompilan os antropónimos e topónimos que figuran na obra de Afonso X O Sabio

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Alerta por 19 positivos por tuberculose en Ourense: estes son os seus síntomas

Un infectado contaxiou a case unha vintena de alumnos do IES Julio Prieto Nespereira que, de momento, non desenvolveron a enfermidade