Venres 29 Marzo 2024

As terrazas do Baixo Miño, un libro aberto cun millón de anos de sedimentos

O científico Eduardo Méndez Quintas lidera un estudo publicado pola revista "Quaternary International" que analiza un espazo de gran relevancia prehistórica

A revista Quaternary International publica un estudo liderado polo investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo Eduardo Méndez Quintas, no que se recolle a secuencia sedimentaria cuaternaria “máis completa de Galicia”, protagonizada polas terrazas fluviais da conca baixa do río Miño. A investigación, detalla o seu coordinador, “sinalan a existencia dun importante rexistro sedimentario, que abrangue, cando menos, o último millón de anos, no que é un rexistro único a escala galega”.

O artigo está asinado por un grupo de investigadores de diferentes centros e universidades estatais e internacionais. Segundo recolle o texto, a conca do río Miño representa unha das principais concas fluviais que drenan a vertente atlántica da península ibérica. “Os extensos depósitos sedimentarios desta conca xa foron documentados desde o século XIX, pero a súa investigación foi limitada e o rexistro cuaternario da conca permaneceu case inédito ata fai pouco”, indican os autores do estudo. Neste contexto, o traballo presentado agora recolle “parte dos resultados das investigacións xeolóxicas e arqueolóxicas desenvolvidas nos últimos anos na conca do río Miño ao seu paso pola provincia de Pontevedra”, explica Eduardo Méndez. A investigación levada a cabo durante a última década na marxe galega do río Miño, engade, ten permitido unha clasificación e mapeo máis detallados das principais formas fluviais, así como a datación numérica de algúns dos depósitos, especialmente os asociados a lugares con ocupación paleolítica.

Publicidade

Modelo sintético dos niveis de terrazas fluviais na conca baixa do río Miño coa súa proposta cronolóxica. Foto: Eduardo Méndez.
Modelo sintético dos niveis de terrazas fluviais na conca baixa do río Miño coa súa proposta cronolóxica. Foto: Eduardo Méndez.

Segundo comenta o investigador do GEAAT, estes sedimentos “organízanse en terrazas fluviais, que non son outra cousa que as antigas beiras do río Miño penduradas ao longo dos laterais do val, desde as máis altas e antigas ata as máis baixas e recentes”. Estas formas xeolóxicas, engade, “son o resultado de diferentes procesos xeolóxicos (cambios no nivel do mar, levantamento da cortiza terrestres…) e no artigo preséntase a súa cartografía en detalle, a súa caracterización sedimentaria e un modelo cronolóxico baseado no desenvolvemento dun ambicioso e novidoso programa de datacións numéricas”. Esta secuencia de terrazas fluviais da conca baixa do río Miño, subliña Méndez Quintas, “é polo tanto a secuencia sedimentaria máis completa de Galicia, e en xeral do todo o noroeste peninsular, para reconstruír a historia biolóxica e ambiental do último millón de anos”.

No artigo, os investigadores sintetizan o rexistro fluvial cuaternario existente para a conca e presentan novas análises xeoespaciais e cronolóxicas para a conca baixa do río. “O noso último exame permitiu a identificación de nove niveis de terrazas fluviais e outras formas sedimentarias rexionalmente significativas (por exemplo, abanicos aluviais) formados en resposta á tectónica, aos cambios do nivel do mar e aos cambios climáticos globais”, detallan os autores do traballo. Os datos cronolóxicos e as taxas de incisión calculadas, engaden, indican que as diversas terrazas fluviais formáronse durante todo o Plistoceno. “Atopáronse numerosos sitios paleolíticos en asociación cos niveis medios de terraza (entre +40 e +13 metros sobre o nivel actual do río). Principalmente, estes sitios arqueolóxicos conservan xacementos caracterizados por ferramentas de tipo acheuliano de grandes lascas, aínda que tamén se documentaron varios sitios do Paleolítico medio”, recóllese no artigo. A datación directa destes sitios xunto coas correlacións morfoestratigráficas a través do sistema de terrazas, engaden os investigadores, “suxiren que a conca foi ocupada amplamente por poboacións humanas durante os últimos 300.000 anos”.

Rexistro do poboamento

“Estes depósitos fluviais non son unicamente importantes para reconstruír aspectos paleobiolóxicos ou xeolóxicos, senón que tamén conservan o rexistro máis completo e antigo do primeiro poboamento humano de todo o noroeste ibérico”, comenta o historiador. Asociados aos mencionados depósitos sedimentarios, engade, “temos un abondoso número de xacementos arqueolóxicos paleolíticos”. Así, detalla Eduardo Méndez, “a primeira presenza humana data de algo máis de 300.000 anos e ten en xacementos como Porto Maior (As Neves) os seus principais referentes. Asemade, en cronoloxías algo máis recentes (duns 210.000 anos) estes xacementos conservan un escenario de ocupación único a escala eurasiática caracterizado por unha extensa e deliberada acumulación de grandes utensilios, unicamente con paralelismos no continente africano”.

O poboamento humano, engade o investigador do GEAAT, “consolídase a partir deste primeiro intre e ata uns 150.000 anos por toda a rexión constátase unha intensa ocupación humana con tecnoloxía acheuliana (baseada na produción de grandes utensilios de pedra, entre os que destacan os bifaces) e forte raigame africana como a observada no propio xacemento de Porto Maior ou en enclaves veciños como Gándaras de Budiño (O Porriño) ou Arbo”. Segundo afirma Méndez Quintas, “en cronoloxías algo máis recentes, por volta dos 100.000 anos, aparecen as primeiras testemuñas do poboamento neandertal, que estarán presentes na rexión ata probablemente os 40.000 anos. Da presenza dos primeiros grupos de humanos modernos do Paleolítico superior aínda non temos evidencia directa na rexión pero parece cuestión de tempo atopalas”.


Referencia: A multidisciplinary overview of the lower Miño River terrace system (NW Iberian Peninsula) (Publicado en Quaternary International).


Consulta a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Descuberta unha casa castrexa na cidade romana de Armea

Durante a última campaña arqueolóxica no xacemento de Allariz atopáronse os primeiros vestixios dun poboado da Idade de Ferro

O segredo da illa de Sálvora: unha fábrica de salgadura de peixe da época romana

Un equipo da UVigo publica un estudo sobre o xacemento de Areal dos Bois, datado no século I a.C.

As pinturas prehistóricas de Pala de Cabras, un enigma por resolver

O equipo de Sputnik Labrego enfronta o reto de documentar e explicar o maior conxunto de arte esquemática do país

Un equipo da UVigo estuda a capacidade de planificación e anticipación do ‘Homo erectus’

Os arqueólogos Eduardo Méndez e Andrea Serodio participan nun proxecto internacional no xacemento de Simbiro III, en Etiopía