Exemplo de ferramentas líticas acheulianas de grandes dimensión do xacemento de Porto Maior.

As ferramentas do Paleolítico conectan Galicia con África

Unha investigación de Eduardo Méndez, da Universidade de Vigo, revela os 'fortes vínculos' da fachada atlántica ibérica co continente africano

“Ao longo de toda a fachada atlántica ibérica constátase unha notable estabilidade tecnolóxica durante os últimos 400.000 anos. As comunidades humanas asentadas nesta ampla rexión empregaron de xeito constante a tecnoloxía acheuliana, encamiñada á produción de grandes lascas e grandes obxectos cortantes como bifaces. Esta forma de fabricar ferramentas amosa fortes vínculos co continente africano”. Esta é unha das principais conclusións recollidas nun artigo publicado no último número da revista Journal of Paleolithic Archaeology e realizado por un equipo liderado por Eduardo Méndez, investigador do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo.

Segundo explica o investigador, o texto, titulado The Acheulean technocomplex of the iberian atlantic margin as an example of technology continuity through the Middle Pleistocene, “supón unha síntese e discusión actualizada do coñecemento do poboamento humano durante o Paleolítico antigo na fachada occidental da península ibérica”.

Acumulación de grandes utensilios de fai 210.000 anos no xacemento de Porto Maior. Foto: E. M.

Nel conflúen os traballos desenvolvidos polos investigadores participantes en diferentes xacementos situados á beira do río Miño, tanto na ribeira portuguesa como na española. Os datos recollidos no artigo, sinala Eduardo Méndez, “indican que a primeira presenza humana, ben caracterizada, desta rexión efectuouse en torno aos 400.000 anos, se ben é probable que sexa moito máis antiga, en consonancia co coñecido noutros puntos da península ibérica”.

Nesta rexión, detalla o investigador, “identifícase un cuantioso número de xacementos arqueolóxicos, especialmente nas bacías dos ríos Miño e Texo, os cales adoitan estar en relación con ambientes fluviais”.

Poboamento africano da península ibérica

Unha das principais conclusións do artigo, subliña o seu coordinador, “é a notable estabilidade tecnolóxica desenvolvida ao longo dos últimos 400.000 anos, onde o xeito de fabricar ferramentas apenas sufriu cambios” na zona estudada. Así, detalla Eduardo Méndez, a tecnoloxía lítica empregada polas comunidades humanas asentadas nesta ampla rexión foi a acheuliana. “Este xeito de fabricar ferramentas, típico do Paleolítico antigo, encamiñase á produción de grandes lascas e obxectos tallados cortantes como bifaces”, comenta o investigador da Universidade de Vigo.

Esta tecnoloxía, salienta o historiador, amosa “fortes vínculos co continente africano e marca unha notable diferencia coas técnicas de fabricación de utensilios amosada polas comunidades humanas de rexións europeas máis setentrionais”. Este e outros datos, destaca, “levan a postular a existencia dun poboamento eminentemente africano da península ibérica durante o último medio millón de anos. Estes grupos humanos non acadaron unha expansión efectiva moito máis alá dos Perineos, pero coexistiron con outras poboacións “indíxenas” europeas da liña dos neandertais, herdeiras das primeiras vagas do poboamento continental”.

O investigador da UVigo Eduardo Méndez.

“Todos estes datos fan desta rexión, e especialmente da conca do río Miño, un foco de primeiro orde para o estudo das dinámicas poboacionais e culturais durante o Paleolítico antigo do suroeste de Europa. Isto vén tamén mudar a tradicional visión que existía sobre a Prehistoria antiga galega, baseada nun discurso sobre o anacronismo e atraso cultural rexional con respecto a outras zonas próximas”, comenta Eduardo Méndez.

A cronoloxía na que se sitúan os xacementos referenciados no artigo, segunda metade do Pleistoceno medio e primeira parte do Pleistoceno superior (fai entre 120.000 e 400.000 años), e as características dos utensilios de pedra tallada recuperados permiten, indican os responsables do artigo, establecer estreitos paralelismos con outras rexións da península ibérica e descartar que o noroeste peninsular tivera experimentado calquera desfase nesas etapas, como se ten proposto con anterioridade.

O artigo publicado en Journal of Paleolithic Archaeology apunta como algúns dos xacementos escavados polos investigadores, en particular o xacemento acheuliano de Porto Maior (As Neves, Pontevedra), teñen achegado singulares conxuntos de grandes utensilios, bifaces e fendedores, que contribúen de forma moi destacada a reforzar as afinidades africanas da tecnoloxía acheuliana da península ibérica e do suroeste de Europa, en contraste cos conxuntos acheulianos identificados en zonas europeas máis setentrionais, nos que as características tecnolóxicas particulares do acheulianense africano chegan de maneira máis difuminada.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.