Venres 19 Abril 2024

As cantigas de Martín Códax regresan en outubro á ría de Vigo

Entre os meses de outubro de 2017 e marzo de 2018 o Pergamiño Vindel, documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martin Codax, regresará a Vigo, a cidade que o inspirou hai oito séculos. A obra, que xunto ás sete cantigas de amor de Dom Dinis é a única mostra atopada ata o momento da canción profana galego- portuguesa, será o eixo central da exposición Berce da nosa cultura que terá lugar no Museo do Mar de Galicia en Vigo durante cinco meses, nos que en paralelo se desenvolverá un completo programa de actividades académicas, culturais e de divulgación da época e da obra do trobador.

O Museo do Mar de Galicia, en Vigo.
O Museo do Mar de Galicia, en Vigo.

O documento orixinal das cantigas de Martin Codax exporase no Museo do Mar situado en Alcabre, nunha furna climatizada, deseñada expresamente para a ocasión, que se localizará nunha sala de 200m2, na que se realizará a obra necesaria para garantir a conservación e a seguridade do pergamiño, garantindo ademais as óptimas condicións espaciais e lumínicas. Ademais de acoller o Pergamiño Vindel o Museo do Mar disporá dun espazo especialmente acondicionado no que se desenvolverá a exposición Berce da nosa cultura, comisariada polo historiador Francisco Singul, con obras vencelladas ao documento, ao mar, aos trobadores galegos, a súa obra e a súa época. Eventos académicos, musicais e de divulgación, especialmente dirixidos ao estudantado de ensino primario e secundario, conformarán o programa de actividades que se desenvolverán ao fío do regreso do Pergamiño a Vigo. “Este é un proxecto aberto e inclusivo. É unha festa para Galicia e queremos que todos se impliquen”, asegurou o reitor, que confirmou que se buscará a complicidade de todos os axentes sociais e económicos de Galicia para participar nun evento que, segundo o conselleiro de Cultura Román Rodríguez “marcará un fito na cultura galega”.

Publicidade

A UVigo mantivo dous anos de negociacións coa Morgan Library

Atrás quedan máis de dous anos de negociacións entre os responsables do Morgan Library Museum e a Universidade de Vigo, que fixo súa a suxestión da asociación cultural viguesa Pertenza para que o Pergamiño Vindel puidese ser exposto na cidade olívica, o que suporía algo que ata entón nunca ocorrera: a saída do pergamiño do museo do que é propiedade desde a década de 1970.

Ao longo do proceso de negociación, liderado polas vicerreitorías de Estudantes e de Extensión Universitaria e Relacións Internacionais, a institución académica atendeu as demandas do Morgan que estableceu como primeira condición para permitir a exhibición da obra fóra das súas instalacións que o préstamo se realizase a unha institución académica e a partir de aí estableceu unha serie de esixencias loxísticas sobre o lugar de exposición do cancioneiro relativas, tanto a medidas de seguridade, como de contextualización da mostra. Unha vez que os responsables do Morgan Library Museum confirmaron a solvencia da Universidade de Vigo decidiron acceder ao préstamo do pergamiño.

Román Rodríguez e Salustiano Mato.
Román Rodríguez e Salustiano Mato.

O conselleiro de Cultura asegurou que “non hai mellor lugar que o Museo do Mar, un edificio fantástico, para poder disfrutar desta xoia da cultura galega”, e dunha exposición, de acceso gratuíto para a cidadanía, “que será un gran marco para avaliar un período histórico moi rico para Galicia, que nesa época estaba na vangarda europea da cultura coa tríada formada polo propio Martín Codax, Johan de Cangas e Meendinho”.

Datado a finais do século XIII ou principios do XIV, o Pergamiño Vindel é o documento orixinal das sete cantigas de amigo de Martin Codax no que o trobador galego canta a Vigo e ao seu mar. A primeira columna do pergamiño contén cinco pentagramas, seis a segunda e a terceira e catro a cuarta. Ondas do mar do Vigo; Mandad’ei comigo ca ven meu amigo; Mia yrrmana fremosa treides comigo; Ay Deus se sab’ora meu amado; Quantas sabedes amar amigo e Ay ondas que eu vin veer, son as seis cantigas do pergamiño con notación musical, mentres que En o sagrad’e Vigo, carece dela. A súa estrutura musical é sempre idéntica, formada por dúas frases musicais, a segunda derivada da primeira, e un retrouso que inclúe unha terceira frase, cuxo material melódico se relaciona en moitas ocasións coas anteriores.

Será a primeira vez dende 1970 en que a obra abandona Nova York

Escrito por unha soa cara a catro columnas con 26, 24, 23 e 17 liñas respectivamente e cunha dimensión de 34 x 45 centímetros, nada de soubo da obra de Martin Codax durante séculos ata que en 1914 o comerciante madrileño de libros antigos Pedro Vindel atopouno na garda interior dun exemplar do século XIV, aínda que encadernado no XVIII, do libro De officiis de Cicerón. O diplomático e musicólogo Rafael Mitjana comprou o pergamiño con intención de estudar a súa música e despois da súa morte foi adquirido polo bibliófilo Otto Hass e posteriormente posto á venda en Londres, onde foi adquirido pola J. Pierpont Morgan Library, onde permanece desde o ano 1977 coa sinatura MSM.979, a disposición dos estudosos que desexen traballar con el.

O texto, no que o nome de Martin Códax aparece na parte superior, foi escrito en tinta negra e os pentagramas en vermello, mentres que as iniciais están ornamentadas en vermello e azul.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Como de accesible é a rúa na que vives? Compróbao neste mapa

A aplicación 'City Access Map' permite comprobar que servizos están a menos de 15 minutos camiñando nas cidades e areas metropolitanas de Vigo e A Coruña

Transcriben todas as cantigas da lírica profana galego-portuguesa

Unha base de datos creada por investigadoras da USC, pioneira en todo o mundo, recolle os textos tal e como están copiados nos cancioneiros

Este mapa amosa as conexións entre autores da lírica galego-portuguesa

A investigadora da USC Déborah González crea un portal con información literaria, histórica e biográfica de trobadores e xograres

O Simposio Nacional de Oncoloxía de Precisión insta ao impulso da terapia en Galicia

O evento acolle en Vigo a máis de 40 expertos os días 22 e 23 de febreiro