Martes 23 Abril 2024

As antigas poboacións de Galicia estiveron contaminadas por mercurio

Investigadores da USC estudan a presenza deste metal en restos óseos arqueolóxicos a partir da colección de esqueletos da necrópole da Lanzada

A investigadora da USC Noemi Álvarez Fernández, en colaboración con outros dous membros do grupo EcoPast, Antonio Martínez Cortizas e Olalla López Costas, acaba de analizar o impacto da exposición crónica ao mercurio en poboacións antigas.

O artigo, publicado na revista Journal  of  Archaeological  Science, avanza entre as súas conclusións que as poboacións romana e  tardoantiga que viviron na Lazanda entre os séculos I e VII  d.C. estiveron expostas de forma crónica a niveis relativamente baixos de contaminación atmosférica por  mercurio, o cal contrastaría con investigacións previas, centradas no estudo de altas concentracións deste metal relacionadas principalmente con ritos de enterramento, tratamentos médicos ou mesmo envelenamento.

Publicidade

O traballo levado a cabo a partir da colección de esqueletos da necrópole da Lanzada permitiu estudar a exposición á contaminación atmosférica por mercurio nun  lapso de tempo ininterrompido de 700 anos que, ademais, abarca dous períodos moi diferentes no que a contaminación atmosférica se refire. Trátase do período romano (s. I – IV  d.C.) e tardoantigo (s. V – VII d.C.), o que lles permitiu observar como afectan os cambios na interacción humano-ambiente nas propias poboacións humanas.

Noemí Álvarez Fernández.

Este traballo profunda en como se transfire o  mercurio ao noso esqueleto utilizando restos arqueolóxicos. “Vemos por exemplo que todos os ósos están igualmente afectados cando a exposición é crónica, mentres que en contactos puntuais pero graves o esqueleto reflícteo con diferenzas entre os seus ósos: unha costela tería máis  mercurio que un fémur”, explican os investigadores. A investigación tamén permite entender cal é o alcance poboacional da exposición a metais tóxicos, xa que os nenos están igualmente afectados que as persoas adultas. Con todo, os pequenos son moito máis sensibles a esta exposición podendo desenvolver problemas de saúde graves. “As poboacións antigas son unha fonte inesgotable de coñecemento porque nos permiten entender a contaminación por mercurio nunha gran diversidade de escenarios que doutra maneira non sería posible”, continúan.

Explotacións mineiras e contaminación atmosférica

Durante o período romano, a Península Ibérica foi a gran mina do imperio, sobre todo no relativo ao mercurio. Cando o imperio romano cae, afúndese tamén con el esta intensa explotación de recursos mineiro-metalúrxicos. As consecuencias deste cambio vense reflectidas nos rexistros ambientais, que mostran niveis de contaminación atmosférica moi diferentes para estes dous períodos. Grazas a esta investigación, constátase a pegada do impacto da explotación intensiva dun recurso natural nas propias poboacións humanas.

Esta pegada que quedou rexistrada nos ósos dos seus habitantes, permite extraer unha lección do impacto que ten a contaminación ambiental sobre a poboación, especialmente cando se fala dun metal cunha toxicidade tan elevada como a do  mercurio. Ademais, durante a antigüidade, este metal tivo diversos usos culturais; entre eles o seu emprego con fins medicinais ou a utilización do  cinabrio –un mineral de cor vermella brillante, con alto contido en mercurio– en rituais funerarios ou na elaboración de pigmentos como o vermillón. Outras das aplicacións habituais do  mercurio é o seu uso na extracción de ouro ou na fundición doutros metais como a prata, o que podería conformar o detonante do incremento da súa presenza atmosférica na época de maior explotación mineira.

“Neste estudo demostramos que a contaminación crónica por mercurio xa era un problema no período romano, como un prezo que tiñan que pagar pola intensa actividade mineira e metalúrxica na Península Ibérica. Hispania era a mina de Roma e como consecuencia os seus habitantes estaban contaminados por  mercurio mesmo en áreas tan illadas como A Lanzada”, explica Noemi Álvarez. A contaminación atmosférica ten estado presente ao longo de toda a historia humana. Estudos como o de EcoPast permiten constatar as consecuencias directas que tivo a explotación da contorna sobre o conxunto da poboación a través da contaminación atmosférica, unha contaminación do aire que se foi incrementando considerablemente ao longo dos séculos.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Os antepasados dos pontevedreses tiñan desgaste dental severo polo consumo de peixe

Un equipo da USC demostra a relación entre dieta e saúde bucal despois de analizar restos óseos de 34 individuos que viviron entre os séculos XIII e XVII

A temperatura do mar, entre as posibles causas da aparición de carabelas portuguesas en Galicia

Estes organismos con apariencia de medusa foron detectados en múltiples areais e picaron a varias persoas
00:00:21

A Lanzada volve cubrirse de navallas mortas durante outra subida da temperatura do mar

O anterior episodio ocorreu hai tan só un mes e a Consellería do Mar apunta que as augas cálidas poden ser a causa desta perda de marisco
00:05:09

Comer peixe, na súa xusta medida

Do mercurio ao plástico, o seu consumo pode ser un asunto espiñoso á mesa. Lonxe das ideas feitas, recoméndase comelo varias veces á semana