Histagra depositou a colección no AHUS para a súa correcta custodia. Foto: Santi Alvite.
Histagra depositou a colección no AHUS para a súa correcta custodia. Foto: Santi Alvite.

Un arquivo reunirá a historia do movemento estudantil na USC entre 1960 e 2000

O fondo DOAME recolle pasquíns, discursos, follas voandeiras, gravacións, fotografías ou adhesivos que o grupo Histagra compila desde hai anos

O movemento estudantil arredor da Universidade de Santiago de Compostela foi un elemento clave na oposición á dictadura franquista en Galicia nos seus últimos anos. Para recoller e ordenar toda a documentación xerada naquel tempo, desde 1960 e despois, ata o ano 2000, nace o fondo ‘Documentación da Oposición Antifranquista e Movemento Estudantil da Universidade de Santiago’ (DOAME), que se presentou este martes na universidade.

O proxecto recollerá, entre outros elementos, pasquíns, notas de prensa, discursos, apuntes varios, follas voandeiras, gravacións, fotografías e adhesivos que desde hai anos vén recibindo o grupo de investigación Histagra da USC, materiais, todos eles, enmarcados na loita estudantil levada a cabo tanto durante a época franquista como na transición e na posterior etapa democrática. A iniciativa impulsarase agora para poñer a disposición das persoas interesadas “toda a información pública e privada xerada polo movemento estudantil entre 1960 e 2000”, segundo expuxo este martes o investigador principal de Histagra, Lourenzo Fernández Prieto.

O reitor Antonio López, e a directora do Arquivo Histórico Universitario da USC (AHUS),  Désirée Domínguez Pallas, acompañaron a Fernández Prieto nun acto público que serviu para dar a coñecer os materiais cos que conta este fondo documental e que permanece aberto a futuras doazóns. O reitor quixo subliñar na súa intervención que DOAME constitúe “unha riqueza e un patrimonio fascinante”.

Na actualidade, cinco fondos nutren a DOAME, entre eles, o Fondo Rodríguez Holguín que conta con material das asembleas dos Comités Abertos da Facultade (CAF) dos anos oitenta e principios dos noventa. Pola súa parte, o Fondo Martínez Rivas consta de documentación dos CAF e das eleccións da USC; mentres que o Fondo Monterroso Devesa está conformado por documentos políticos e de propaganda do Partido Socialista Galego (PSG). O Fondo Fernández Prieto con documentación dos anos oitenta relativa a Confederación Xeral de Traballadores Galegos (CXTG), Comisión Intersindical Galega (CIG), Sindicato Galego do Ensino ea Investigación (SGEI), Adiante e CAF; e o Fondo García del Río con xornais clandestinos de oposición do Partido Comunista de Galicia (PCG), completan o material depositado en DOAME.

Proceso aberto

Atendendo á importancia da documentación recibida, Histagra depositou a colección no AHUS para a súa correcta custodia, organización e conservación, así como a súa posta a disposición como fonte de investigación histórica. Con todo, este é un procedemento aínda aberto xa que as persoas interesadas en doar materiais poden poñerse en contacto con Histagra, que será o receptor da documentación cedida para despois de inventariada cederlla para a súa custodia e acceso público ao AHUS, garante da non dispersión do fondo así como facilitador das consultas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.