A exposición recolle documentación de institucións como o Hospital Provincial ou o do Rebullón. Na imaxe, sala hospitalaria na década dos anos 50 do século XX. Foto: Arquivo da Deputación de Pontevedra.
A exposición recolle documentación de institucións como o Hospital Provincial ou o do Rebullón. Na imaxe, sala hospitalaria na década dos anos 50 do século XX. Foto: Arquivo da Deputación de Pontevedra.

Así se loitou contra o cólera na Galicia do século XIX

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra impulsa unha exposición virtual cos expedientes sanitarios da época

Dentro dun tempo, cando comece a analizarse con perspectiva a actual pandemia da Covid-19, poderemos ver con claridade os cambios que a crise sanitaria causou en todo o planeta. A vacinación e outras as medidas de tratamento e prevención conseguiron (aínda coa gravidade do SARS-CoV-2, que xa causou polo menos de 4 millóns de mortes desde finais de 2019) que a cifra de falecementos fose moito menor ca noutras pandemias, como as de gripe, cólera ou varíola que tanto mal fixeron ata hai apenas un século. Precisamente sobre o cólera xira unha exposición virtual que acaba de poñer a disposición do público o Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra. “Pandemias do século XIX” percorre, a través dos expedientes que dan conta daqueles tempos, como se abordou a xestión sanitaria naquel entón. Unha xestión moito máis limitada polos recursos existentes e, sobre todo, porque se descoñecía que era o que causaba a enfermidade. Ata o ano 1884 non se descubriría o Vibrio cholerae da man de Robert Koch.

Traslado de cemiterios, corentenas e remedios

Ademais de coñecer os expedientes, a exposición permite a descarga dos arquivos para a súa consulta. Un percorrido polos mesmos dá conta da crueza das situacións vividas, principalmente, en dúas crises moi relevantes: as de 1833, coa chegada do patóxeno a Vigo, dando pé a unha epidemia que causou 300.000 mortes en España en pouco máis dun ano, e a de 1853-1855, impulsada polas malas colleitas e a conseguinte fame. De novo esta vaga entrou por mar a través de Vigo.

Esta nova crise acentuouse pola negativa das autoridades e os poderes fácticos a asumir a contaxiosidade da doenza. A pesar dos esforzos e evidencias recollidas por médicos como Nicolás Taboada Leal, os ‘anticontaxionistas’, unha sorte de negacionistas da época, puxeron paos nas rodas da ciencia e dificultaron a contención da penosa epidemia.

Galicia nos tempos do cólera

Un dos feitos que recollen os arquivos e que evidencian a gravidade da crise sanitaria refírese aos cemiterios. A exposición amosa como houbo que sacar os camposantos do centro das vilas por mor do perigo para a saúde pública que supoñía. Na Cañiza, Redondela, Mos, Meaño, Vigo, Aldán ou Lalín quedou rexistro de permisos de construción e ampliación ou traslados de cadáveres.No caso de Pontevedra, a Deputación xogou un importante papel coa creación e no mantemento do Hospital Provincial e do Hospital Psiquiátrico do Rebullón.

Orde que insta a afastar os soterramentos das áreas poboadas. Fonte: Arquivo da Deputación de Pontevedra.
Orde que insta a afastar os soterramentos das áreas poboadas. Fonte: Arquivo da Deputación de Pontevedra.

A mostra achega a modo de introdución 11 documentos dixitalizados para a ocasión, relacionados sobre todo coa epidemia do cólera morbo. Neles abórdanse as comunicacións de Reais Ordes relativas á rama de sanidade; o branqueo de vivendas nos concellos para combater a epidemia do cólera morbo na provincia de Pontevedra; información sobre estado sanitario da provincia a raíz desa epidemia; as medidas a adoptar nos diferentes concellos e distritos da provincia; as medidas sanitarias de prevención; as relacións con Portugal pola epidemia; os recoñecementos de méritos aos médicos para a concesión de pensións, gratificacións e condecoracións; o expediente relativo a cemiterios e enterramentos en varios concellos; ou a reclamación do cargamento dun barco que foi queimado no Lazareto de San Simón, entre outros.

Os documentos sobre San Simón son bastante detallados para achegarse á dureza das condicións no enclave. O expediente sobre a queima de trapos no ano 1855, en plena epidemia, trata da reclamación do empresario coruñés Antonio Fernández á Xunta de Sanidade de Vigo: Fálase dun “olor hediondo, que non ten nome en ningún idioma”, entre outras frases aínda máis crúas.

Nicolás Taboada: un médico galego fronte ós ‘anticontaxionistas’

Ademais, existen moitas referencias nas actas e noutros documentos aos centros asistenciais cos que se contaba ou aos que se protexía ou axudaba no seu labor de protección da saúde no decurso dos séculos pasados (Instituto Provincial de Hixiene, Instituto Vacinóxeno, Instituto Antirrábico e Antidiftérico, Instituto Antiapestoso, Sanatorio Gil Casares, Sanatorio da Lanzada, e centros doutras provincias que lle prestaban asistencia á veciñanza de Pontevedra). E tamén se poden atopar referencias ao labor pedagóxico e de difusión de traballos e estudos para coñecer os especialistas e a propia cidadanía.


Pode accederse á exposición a través desta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.