Arqueólogos galegos descobren factorías de salgadura nun xacemento marroquí

Os investigadores da UVigo participaron nunha expedición internacional onde tamén se atoparon numerosos restos materiais e unha mostra de peixe

Vista aérea das factorías III e IV, que centraron esta primeira intervención, tras o traballos realizados. Foto: DUVI
Vista aérea das factorías III e IV, que centraron esta primeira intervención, tras o traballos realizados. Foto: DUVI

Marrocos. Unha factoría de salgadura romana e un xacemento, o de Tahaddart. Unha campaña arqueolóxica internacional que busca afondar no coñecemento desta antiga estrutura e, tamén, no comercio na fachada atlántica marroquí durante a época romana. Foron 17 días dunha expedición integrada por un equipo de 30 persoas, do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) da Universidade de Vigo e do Intitut National des Sciences de l’Archeologie et du Patrimoine (INSAP) e doutras institucións marroquís. De feito, esta campaña supón a primeira misión arqueolóxica internacional da institución galega, que permitiu descubrir novas factorías de salgadura romanas e numerosos restos materiais.

Colaboración frutífera

O xacemento de Tahaddart sitúase no norte de Marrocos, a uns 20 quilómetros ao sur da cidade de Tánxer, nunha lingua de area entre o océano Atlántico e unha gran lagoa interior. Trátase dun complexo de época romana en moi bo estado de conservación no que destacan as súas grandes fábricas de salgadura de peixe. A primeira actuación de campo no xacemento marroquí arrancou o pasado día 29 de outubro e prolongouse durante 17 días, sendo codirixida polo arqueólogo do GEAAT Adolfo Fernández e polo profesor e vicedirector do INSAP M. Kbiri-Alaoui e pola profesora da Universidade de Kenitra Meriem Hansali.

O equipo da UVigo que traballou en Tahaddart estivo formado por nove persoas, persoal investigador e profesorado da Facultade de Historia do campus de Ourense, e un profesor da universidade lusa de Coimbra colaborador habitual deste equipo. A parte marroquí estivo formada por profesorado e alumnado de diferentes universidades e doutras institucións (como a Direction du Patrimoine Culturel) e 15 obreiros. “A colaboración entre nós foi moi frutífera, estamos moi satisfeitos co traballo desenvolvido conxuntamente. A experiencia foi fantástica. Superáronse as dificultades do inicio e os vindeiros anos todo será moito máis sinxelo”, comenta Adolfo Fernández.

Foto de grupo da misión hispano-marroquí que interveu na primeira campaña en Tahaddart. Foto: DUVI
Foto de grupo da misión hispano-marroquí que interveu na primeira campaña en Tahaddart. Foto: DUVI

Os resultados

Sobre os resultados acadados, o arqueólogo da UVigo sinala que son moi positivos. “Cando se chega por primeira vez a un xacemento sempre é difícil, e máis en casos coma este, que é un xacemento que leva sen escavarse desde o ano 1960 e a súa fisionomía cambiou moito desde entón, estando agora cuberto por unha fraga con árbores de grandes dimensións”, explica. Por este motivo, a intervención arrancou coa limpeza das zonas onde se localizaban os vestixios arqueolóxicos. Tamén, a busca daqueles restos que se coñecían do xacemento polas publicacións existentes sobre a intervención que nos anos 60 levaron a cabo en Tahaddart M. Tarradell e M. Ponsich. “Grazas a esta limpeza conseguimos localizar todas as zonas de intervención localizadas nos anos 60”, sinala Adolfo Fernández. Alén desta limpeza, globalmente tamén se fixo unha xeolocalización do xacemento, para ter unha base topográfica coa que traballar durante os vindeiros anos do proxecto.

Factorías número III e IV

Das seis factorías coñecidas de Tahaddart, a intervención deste ano, explican os seus responsables, centrouse nas factorías número III e IV. “Fixemos unha limpeza do perímetro dos seus edificios para recuperar as súas plantas e foi moi satisfactoria porque deixamos a planta da fábrica III practicamente descuberta e a IV parcialmente”, comenta Adolfo Fernández. Esas descubertas permitíronlles corrixir as plantas plasmadas por M. Ponscih, que froito dos procedementos de traballo daquela época contiñan información errada.

“Fixemos unha limpeza de perímetro dos seus edificios para recuperar as súas plantas”

Igualmente, o equipo tamén realizou dúas sondaxes nesta zona, unha no corredor que separa a factoría III da IV e outra sondaxe na factoría IV, para recompilar datos novos en zonas non escavadas nos anos 60. “Deste xeito conseguimos recadar moita información novidosa da evolución dos edificios e da cronoloxía dos mesmos e recuperamos unha gran cantidade de material arqueolóxico que vai ser estudado no museo de Lixus, un xacemento que está a uns 40 quilómetros de Tahaddart onde o material quedou depositado”, explica o arqueólogo do campus de Ourense. Acorde coas grandes dimensións das factorías, durante a intervención na factoría IV descubríronse once píos de grandes dimensión e na factoría III máis de dez, que poderían ser ata 13 cando remate a exhumación de toda a fábrica.

Píos de salga

A sondaxe do edificio IV tamén incluíu a escavación dun pío de salga, que non fora escavado antes, e “os resultados foron importantes porque recuperamos unha mostra completa de pescado“. Adolfo Fernández explica que a mostra, que vai ser estudada na Universidad de León polo especialista e profesor Carlos Fernández, “é moi importante porque a pesar de que na Tingitana se teñen escavados centenares de píos de salgadura en ningún caso se estudou o peixe. Había noticias de que algúns tiñan restos de ictiofauna pero non se recolleu nin se analizou naqueles anos”.

A intervención de campo prolongouse durante 17 días. Foto: DUVI
A intervención de campo prolongouse durante 17 días. Foto: DUVI

Por este motivo, indica o arqueólogo, “non se coñece practicamente nada do tipo de produtos que se facían nestas factorías de salga da costa marroquí en época romana”. Con esta mostra, subliña, “imos ter un primeiro dato, completamente novidoso, sobre que tipo de produto que estaban producindo estas factorías. Sempre se falou de que traballarían con atún, por estar preto do estreito de Xibraltar, pero probablemente ademais do atún estivesen traballando con outros pescados pequenos. Así, a primeira vista, a mostra que recollemos é de pescado pequeno”.

Outras actuacións

Durante a campaña, o equipo da UVigo tamén realizou unha intervención no edificio VI buscando a necrópole pero non atoparon restos de tumbas. Si localizaron nela dúas novas factorías de salgadura das que escavaron dous píos, que non tiñan restos de peixe pero si moita cultural material. Nunha segunda sondaxe atoparon parte dun edificio “moi interesante que cremos que non se trata dunha factoría senón que pode ser unha zona xa habitacional relacionada coa zona industrial”.

Así, detalla Adolfo Fernández, “ata o de agora o que tiñamos en Tahaddart eran fábricas; faltábannos restos de onde vivía a xente e parece que esta zona, máis afastada da lagoa, podería ser esa parte habitacional onde residiría a xente que traballa nas fábricas de salgadura”. Por último, tamén se realizou parte da limpeza da factoría I, a mellor conservada, pero aprazouse ao vindeiro ano a intervención nela debido a que as dimensións das árbores que medraron no interior do edificio esixen unha diagnose estrutural ante a ameaza de derrube dos muros. Si se levou acabo nela a limpeza e rexistro de dous píos máis.

Prospección da lingua de area

A campaña deste ano tamén incluíu unha prospección de toda a lingua de area que hai entre a lagoa e o océano, e, indica Adolfo Fernández, “conseguimos situar practicamente unha vintena de sitios con material arqueolóxico en superficie que poderían estar indicando que o xacemento é moito máis grande do que aparentemente se pensaba“. Froito dos traballos realizados, o equipo recuperou todo tipo de material datante, como moedas, ánforas, vaixelas finas, etc.

“O xacemento é moito máis grande do que aparentemente se pensaba”

“Cando estudemos todo isto, teremos unha secuencia estratigráfica e unha cronoloxía moi afinada de todo o xacemento”, comenta Adolfo Fernández, que lembra que ao longo da lingua de area “hai materiais prehistóricos, da Idade do Ferro, romanos e islámicos”. Por último, tamén comezou o desenvolvemento do estudo sobre o comercio e a economía da costa atlántica da provincia romana da Mauritania Tingitana, realizándose unha análise de material de Tahaddart e de Lixus e a localización de materiais de interese de xacementos importantes na parte norte desta costa, como os de Cotta.

O proxecto, que ten unha duración de cinco anos, realízase ao abeiro dun convenio de colaboración en materia de patrimonio cultural asinado entre a Universidade de Vigo e o INSAP, do Ministerio de Cultura do Reino de Marrocos. Ademais, a campaña arqueolóxica en Tahaddart deste ano está financiada polo Ministerio de Cultura de España, a través da súa convocatoria para escavacións no exterior, e o estudo do comercio en época romana na costa marroquí está financiado para o período 2021-2025 pola Xunta de Galicia, a través da convocatoria para proxectos de persoal investigador con traxectoria excelente.


Podes ler a noticia do DUVI na seguinte ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.