Venres 19 Abril 2024

Os arqueólogos buscan novas vivendas no castro de Armea

Este luns arrancou no xacemento de Armea, no Concello de Allariz, a quinta campaña arqueolóxica que desenvolve nel o Grupo de Estudos en Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (Geaat). Con financiamento do Concello de Allariz, un ano máis as e os arqueólogos volven á Cibdá de Armea co obxectivo nesta ocasión do completar a descuberta da coñecida como a zona da atalaia. Un equipo de case unha vintena de persoas participará ata finais de xullo nesta intervención.

“O obxectivo desta campaña é rematar de exhumar as estruturas na finca da atalaia, de propiedade municipal, para que as domus norte e sur da cidade queden completamente visibles e visitables”, explica Alba Rodríguez, arqueóloga do Geaat encargada este ano da dirección das escavacións. Ademais, engade, “continuaremos coa sondaxe na finca cedida polo señor Manuel, a persoas que descubriu as estruturas de Monte Señoriño, onde se atoparon muros que poderían estar relacionados cunha ocupación na parte alta da ladeira”.  Neste primeiro día de traballo, detalla Alba Rodríguez, os traballos consistiron “na limpeza da zona para empezar a traballar, na retirada de follas, pedras e outros restos” coa pretensión de comezar esta semana xa a escavar.

Publicidade

Traballos de escavación no castro de Armea. Foto:Duvi.
Traballos de escavación no castro de Armea. Foto:Duvi.

Seguindo a dinámica de anos anteriores, o equipo que realiza a intervención está composto por arredor de 20 persoas. Liderado por investigadores e investigadoras do Geaat e estando Adolfo Fernández como director científico da campaña, o grupo conta ademais de coa participación en prácticas de alumnado da Facultade de Historia do campus de Ourense con estudantes de varias universidades.

Os traballos da intervención, que se prolongarán ata o 13 de xullo, decorrerán pola maña e pola tarde realizaranse prácticas de traballo de laboratorio, onde os alumnos e alumnas aprenderán o tratamento básico do rexistro de materiais arqueolóxicos. Tamén se levarán a cabo saídas para visitar xacementos da contorna.

Ademais do equipo técnico que participa na campaña e dos estudantes, o Concello de Allariz achega á intervención varios obreiros municipais que levarán a cabo tarefas de apoio, entre eles dous canteiros que participarán tamén na campaña de conservación e restauro, que se levará a cabo as dúas últimas semanas de xullo, unha vez rematadas as escavacións.

Afirman que Armea é un dos xacementos romanos máis importantes de Galicia

Unha edición máis tamén se levarán acabo as actividades divulgativas, con obradoiros arqueolóxicos xestionados por Xeitura para nenos e nenas e visitas guiadas. Tralo traballo de campo no mes de xullo, a actividade continuará no campus de Ourense co procesado dos materiais e a realización de publicacións científicas.

Sobre a importancia de continuar un ano máis traballando neste xacemento, Alba Rodríguez, que ten dirixido as dúas campañas arqueolóxicas desenvolvidas polo Geaat no xacemento de San Salvador dos Penedos, tamén en Allariz, salienta como este enclave pode considerarse “un dos xacementos romanos máis importantes de Galicia”.

Cunha ocupación romana datada arredor dos séculos I e II despois de Cristo, “estamos falando do xacemento dunha auténtica cidade romana cunhas estruturas moi ben conservadas, nunha contorna privilexiada e na que se desenvolve un proxecto arqueolóxico moi sólido”, subliña.

Ademais, recalca a arqueóloga, estas campañas destacan pola súa apertura á cidadanía, “xa que nos poden visitar en calquera momento para ver o traballo que facemos”, e por ser “unha das poucas escolas de campo para os estudantes de arqueoloxía que hai en Galicia”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos