Anselmo Arias Teixeiro, un alquimista do Carballiño no século XVIII

Este fidalgo publicou máis de trescentas follas en latín falando da produción do viño, a natureza da luz ou a obtención de ouro e de prata coa alquimia

O Alquimista. Cadro de Pietro Longhi.

Aínda ben entrado o século XVIII, cando a Ilustración chamaba ás portas de Galicia, un fidalgo do Carballiño experimentaba coa Alquimia, a práctica protocientífica que na Antigüidade e na Idade Media combinaba química, física e astroloxía para tentar comprender o universo ou tentar fabricar ouro empregando a pedra filosofal. Pero Anselmo Arias Teixeiro non chegaba tan lonxe nos seus obxectivos, e aínda que se defendía alquimista, e seguidor das ensinanzas de Ramón Llull, publicou tratados sobre asuntos tan diversos como as técnicas para a produción de viño ou as propiedades da luz.

O gran investigador da figura de Anselmo Arias Teixeiro, e do seu irmán Antonio, é o historiador da ciencia Miguel Álvarez Soaje, que lle dedicou no ano 2012 a súa tese doutoral, lida na Facultade de Física da USC. Neste traballo estuda a obra do alquimista carballinés, fillo maior dunha familia de fidalgos, que dedicou toda a súa vida a manter e administrar o patrimonio do pazo de Fondodevila, en Cabanelas (O Carballiño).

Consérvanse tres centos de follas manuscritas en latín de Arias Texeiro.

Aínda que se desconoce de onde lle viña o seu interese pola alquimia, queda unha importante obra escrita de Anselmo Arias Teixeiro, que consta de máis de trescentas follas escritas en latín, datadas entre 1723 e 1756, no que fai continuas citas a textos de Ramón Llull, algúns deles apócrifos, especialmente os dedicados á alquimia. Pero as súas referencias científicas non serán só medievais, senón que o autor carballinés semella estar ben informado de avances máis recentes para a súa época, como os traballos do químico Robert Boyle, ao que cita en varias ocasións. Si, falamos do autor da famosa Ley de Boyle-Mariotte que relaciona volume e presión nun gas a determinada temperatura.

Miguel Álvarez Soaje ten investigado tamén sobre as longas elucubracións de Arias Teixeiro con descricións de procesos alquímicos destinados á obtención do Sol e da Lúa, e dicir, o ouro e a prata, por medio dunha serie de destilacións. E, tamén, para obter diversos presuntos medicamentos.

Seguindo o exhaustivo traballo do historiador, recollido tamén no Álbum da Ciencia do Consello da Cultura Galega, estas son as obras de Anselmo Arias Teixeiro:

Sobre o lume: Fala da orixe da chama e das súas propiedades. Refírese as opinións de Plinio e Ambrosio Calepino sobre a capacidade dos corpos de intercambiar e conservar a calor. Describe as exhalacións nocturnas e analiza a súa orixe e similitude cos cometas e lóstregos.

Sobre a luz e a visión: Describe as propiedades da luz, así como diferentes artefactos ópticos, entre eles, un espello “ustorio” que pode dirixir un único feixe de luz solar cara un determinado obxectivo.

Sobre as tinturas: Apuntamentos sobre a natureza de varias substancias denominadas “tinturas”, algunha das cales atopábanse preto de Cabanelas. Presenta unha teoría propia sobre a súa orixe, a cal deriva de tres sustancias fundamentais: arenosa, talchitina e glutinosa. As tinturas xéranse en sitios pechados e fora do contacto coa luz, polo que as fontes termais poden ser zonas axeitadas para a súa formación. Sobre a orixe dos metais, defende que tanto a terra como a auga son elementos esenciais para a súa formación.

Sobre Ciencias Naturais: Presenta diferentes temas, como a posibilidade do movemento continuo, a influencia da gravidade sobre os obxectos, as condicións atmosféricas, a orixe das nubes e o seu efecto sobre o contorno de Cabanelas. Fala da densidade dos diferentes corpos e do “impulso” que os move e os mantén unidos. Por último, formula a posibilidade de crear un medicamento que puidera modificar e corrixir a falta de paixón ou forza dos corazóns febles. Defende a utilidade da Ciencia e “mas la costumbre ordenada y aun forzada del conocimiento”.

Sobre a elaboración e conservación do viño: Manuscrito de 150 cuartillas no que se describen diferentes teorías sobre o tratamento do viño na zona do Ribeiro, baseándose en experiencias propias e informacións recibidas de diferentes colleiteiros. Achega reflexións sobre as técnicas máis axeitadas para unha correcta fermentación dos caldos, o xeito da súa conservación, o deseño e orientación das adegas e o estudo dos diferentes axentes atmosféricos que poidan intervir no proceso de fermentación, como as treboadas e os excesos de frío e calor, humidade e horas de sol. Informa, tamén, de curiosas técnicas de conservación e aclarado do viño.

Sobre os humores e os temperamentos: Fala sobre os constituíntes naturais do corpo humano nun breve estudo no que relaciona estes constituíntes cos catro elementos tradicionais, que se presentan como calidades do corpo humano e que caracterizan o seu temperamento. O texto está baseado na obra de Diego Antonio Robledo, Compendio cirurgico, útil y provechoso.Ten interese a defensa da capacidade xenerativa de vida dos procesos de putrefacción, que describe con diferentes exemplos.

Recetario médico: Neste manuscrito, ao par de incluír datos biográficos, describe corenta receitas médicas nas que se inclúen colirios, emplastos, enxaugaduras, xaropes, zumes, solucións, ungüentos, aceites, infusións, destilados e diferentes remedios vexetais e animais. Algunhas receitas semella telas extraído do famoso Dioscórides.

En resumo un asombroso caso entre a ciencia e a alquimia na Galicia do século XVIII. Protagonizado por un carballinés fidalgo, Anselmo Arias Teixeiro, cuxas elucubracións non poderían resistir a luz da Ilustración.

Aquí podes acceder á investigación de Miguel Álvarez Soaje no repositorio Minerva da USC

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.