Ángeles Alvariño da nome a un buque oceanográfico do IEO.
Ángeles Alvariño da nome a un buque oceanográfico do IEO.

Ángeles Alvariño, unha ferrolá pioneira da Oceanografía

Aínda que faleceu no ano 2005, Ángeles Alvariño segue a navegar. Porque aínda da nome a un buque oceanográfico, como tantos nos que se embarcou ao longo da súa carreira. Oceanógrafa, profesora e mesmo escritora, deixou fonda pegada polos seus traballos. Nada en Serantes (Ferrol) en 1916, xa desde cativa tiña inquietudes intelectuais. Rematou o bacharelato coas súas disertacións: “Insectos Sociales” e “Las mujeres en El Quijote”. En 1934, comeza a carreira de Ciencias Naturais en Madrid. E, tras o paréntese da Guerra Civil, licénciase, imparte clases e remata o doutorado. En 1950, obtén praza no Instituto Español de Oceanografía en Vigo.

Tres anos máis tarde, en 1953 obtén o “pasaporte” cara ó prestixio internacional: recibe unha bolsa do British Council para investigar en Plymouth (Inglaterra) e comeza a participar en expedicións científicas polo Atlántico e o Pacífico en buques oceanográficos de EEUU, España, Reino Unido e México. No ano 1956, pasou a investigar no Instituto Oceanográfico Woods Hole en Massachusetts. Máis tarde, no Instituto Scripps de Oceanografía, en La Jolla (California); e tamén no Servizo Nacional de Pesca Marítima dos EEUU.

Atopou 22 novas especies

Ó longo da súa carreira, Alvariño descubriu doce novas especies de quetognatos e nove de sifonóforos. Os uns e os outros, cos seus nomes raros, son minúsculos depredadores que forman parte do plancton. Tamén describiu unha nova especie de medusa. En total, Ángeles Alvariño atopou 22 novas especies para a ciencia.

Foi membro da San Diego Society of Natural History, así como da Biological Society of Washington e da Asociación Hispanoamericana de Investigadores en Ciencias Mariñas. Ademais do seu labor como investigadora, Alvariño tamén dedicou moito tempo a educar aos futuros biólogos mariños, impartindo clases na Universidade Nacional Autónoma de México en 1976, na San Diego State University de 1979 a 1982 e, despois, na Universidade de San Diego, de 1982 a 1985.

Foi tamén profesora visitante na Universidade Federal de Paraná, en Brasil en 1982 e no Instituto Politécnico Nacional de México, desde 1982 a 1986. Xubilada oficialmente en 1987, Alvariño dedicou os últimos anos da súa vida á historia da ciencia. Retomaba así o seu gusto, que viña de cativa, pola lectura e a escritura. Levou a cabo unha intensa investigación sobre a Expedición Malespina, a primeira científica oceánica, que viaxou polo Atlántico e o Pacífico, de 1789 a 1794. Ángeles Alvariño faleceu en 2005 en La Jolla, en California. Desde febreiro de 2012, un buque oceanográfico do Instituto Español de Oceanografía leva o seu nome.

1 comentario

  1. Grazas por espallar tanta ciencia criada en Galicia. Algunha dela só publicada, ou polo menos atopada por min en inglés, non accesible a moita poboación.
    Parabéns polo voso labor.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.