A ánfora romana de Cortegada foi fabricada nun taller do norte de África

Investigadores da UVigo acaban de identificar con precisión a peza, entregada ao Parque Nacional das Illas Atlánticas en 2014 por un veciño de Carril

A ánfora foi atopada hai varias décadas en augas próximas á illa de Cortegada. Foto: Duvi.
A ánfora foi atopada hai varias décadas en augas próximas á illa de Cortegada. Foto: Duvi.

No marco da colaboración existente entre o Parque Nacional das Illas Atlánticas de Galicia, dependente da Xunta, e a Universidade de Vigo, investigadores do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEAAT) acaban de identificar con precisión unha ánfora pertencente á época romana e que foi atopada hai varias décadas en augas próximas á illa de Cortegada. Trátase dunha ánfora de tipo Dressel 2-4, un dos máis comúns producidos ao longo de todo o Mediterráneo desde o século I a.C. ata finais do século I d.C.

A peza, da que se conserva a parte superior completa, colo e boca pero non as asas, gardouna durante anos o veciño de Carril responsable do achado ata que en 2014 decidiu entregarlla ao Parque Nacional, que, á súa vez, a derivou á Universidade de Vigo para o seu estudo e análise no marco do convenio de colaboración existente entre ambas entidades. O traballo da Universidade de Vigo, realizado polo arqueólogo e membro do GEAAT Adolfo Fernández, permitiu determinar que a peza recuperada en Cortegada foi fabricada nun taller oleiro do norte de África, no actual sur de Tunisia e oeste de Libia, e se usaría, probablemente, para transportar viño africano, como demostra o interior resinado que aínda conserva.

As análises determinaron que a peza foi fabricada nun taller oleiro do norte de África, no actual sur de Tunisia e oeste de Libia. Foto: Duvi.
As análises determinaron que a peza foi fabricada nun taller oleiro do norte de África, no actual sur de Tunisia e oeste de Libia. Foto: Duvi.

Trátase, segundo o responsable da identificación, da primeira ánfora deste tipo fabricada en África e documentada en territorio galego, onde as pezas deste tipo máis habituais son as producidas no golfo de Nápoles e que servían para exportar o afamado viño de Campania. Tal e como indica Adolfo Fernández, a identificación nestes casos adoita ser difícil, non tanto á hora de determinar a tipoloxía senón máis ben o seu lugar de produción dado que a pasta cerámica da que están feitas adoita estar moi modificada tras pasar séculos mergulladas no océano. No caso concreto da ánfora localizada preto de Cortegada, porén, engade, púidose establecer con seguridade o tipo e lugar de procedencia, datos moi importantes para reconstruír a ruta comercial e o produto que chegou ás costas galegas en época romana.

Este achado, realizado hai décadas pero que non se puido identificar ata agora, reforza segundo os investigadores do GEAAT a importancia de Cortegada na época romana, algo que impulsou varias actuacións arqueolóxicas, especialmente na contorna de Punta Fradiño, ao noroeste da illa. O obxectivo, indican, sempre foi localizar un posible pecio romano afundido na zona e de cuxo cargamento se foron recuperando durante anos ánforas e outras cerámicas por parte de pescadores, buzos e ao abeiro de varias intervencións arqueolóxicas, como a levada a cabo nos anos 80 polo Museo de Pontevedra e a Comandancia Militar de Mariña de Vilagarcía e cuxos achados se atopan depositados no museo provincial.

Adolfo Fernández arqueólogo da UVigo encargado de realizar a identificación. Foto: Duvi.
Adolfo Fernández arqueólogo da UVigo encargado de realizar a identificación. Foto: Duvi.

A pesar de non terse localizado restos do navío, os arqueólogos indican que a cantidade de ánforas completas e a homoxeneidade cronolóxica das pezas recuperadas apuntan á posibilidade real dun naufraxio romano datado no século I d.C., unha cronoloxía similar á doutro pecio romano galego localizado na zona de Cabo de Mar, na ría de Vigo. A ánfora africana Dressel 2-4, sinalan, reforza esta hipótese ao contar cunha cronoloxía que se enmarca perfectamente na que se tiña para o resto de ánforas. Ademais, engaden, amosa unha imaxe máis precisa do cargamento, onde se combinan diversos produtos (viños, aceite, salgaduras…) de diferentes zonas do Mediterráneo e do Océano Atlántico. Así, tal e como indican desde o GEAAT, o máis probable é que este barco partise dun porto do sur de Hispania cargado con produtos principalmente desa rexión pero con outros procedentes de zonas máis afastadas, que chegarían ao sur da península a través dalgunha das rutas marítimas do Mediterráneo.

Non obstante, entre todos os materiais recuperados na zona de Cortegada, comentan por último os investigadores, existen tamén pezas que non se encadran nestas datas polo que hai que pensar que, ademais dun posible naufraxio, a contorna da illa tamén se empregou como zona de desembarco das actividades comerciais que se levaban a cabo na ría de Arousa durante toda a Antigüidade.


Podes ver a noticia do DUVI nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.