Andrés Antelo, o reloxeiro da Berenguela

O enxeñeiro ferrolán renovou técnicamente o Arsenal de Ferrol e deseñou reloxos monumentais de deseño revolucionario

Reloxo situado na torre da Berenguela na catedral de Santiago.

Foi un mestre da reloxería, autor tanto de sofisticadas pezas para salón como de monumentais reloxos como o que loce na torre da Berenguela da catedral de Santiago. Tamén un enxeñeiro notable, que dirixiu importantes seccións do estaleiro de Ferrol ou dirixiu a fábrica de moeda de Xuvia. Pero o galego Andrés Antelo Lamas foi sobre todo un inventor, un investigador consagrado ao avance da tecnoloxía da súa época.

Publicidade

Nacido en Ferrol en 1773, era fillo de Domingo Antelo, un ferreiro do arsenal, o que lle permitiu ingresar como aprendiz de cerraxería aos dez anos para converterse con 24 anos en mestre de bombas de vapor, ademais de estar encargado das chaves dos canóns e  obuses. En 1811, xa estaba considerado unha autoridade e era nomeado enxeñeiro extraordinario de Mariña, con fitos como o perfeccionamento das bombas dos estaleiros departamentais, onde ata a súa chegada os diques tardaban cincuenta horas en baleirarse, tempo que el conseguiu reducir ata as sete horas, axilizando así os traballos de reparación dos cascos dos buques. Estas bombas de vapor que Antelo incorpora son as primeiras que se instalan nun estaleiro en España.

Ademais, cóntase que entre os seus inventos están uns electróforos, que son quinqués dun tipo especial, máis eficaces e económicos, ademais de mesas musicais e dun autómata que sacou de paseo polas rúas de Ferrol, asombrando aos seus conveciños.

Durante dous períodos da súa vida, será nomeado director da fábrica da moeda de Xuvia, en Neda, instalación que comezou como Fábrica Nacional de Cobrería para forrar os barcos construídos no estaleiro de Ferrol, pero que tamén cuñou moeda entre 1812 e 1868.

Pero Andrés Antelo quedará para a historia máis popular por ser o autor do reloxo da torre  Berenguela, na catedral de Santiago. Semella que  recibiu o encargo do arcebispo Vélez, despois de que gañase fama construíndo en 1813 o reloxo do mosteiro de Sobrado dos Monxes e, en 1817, o da catedral de Lugo. En Santiago, Antelo construíu un reloxo con catro esferas dunha  única agulla, que foi montado en 1831 na torre Berenguela, a emblemática mole de granito de 72 metros de altura cuxa base románica foi encargada polo bispo  Berenguel de Ladoira e que, no seu aspecto actual, foi deseñada polo arquitecto Domingos de Andrade no século  XVII.

Torre da Berenguela na catedral compostelá.

O reloxo da  Berenguela marca a hora nas catro caras da torre e está coroado pola estatua de Santiago.

En Lugo, ademais do reloxo da catedral que se instalou en 1817, tamén construíu e axustou o pararraios. E tamén realizou o reloxo para o hospital da Mariña de Ferrol, que actualmente se atopa na igrexa de San Xiao. Ademais, atribúenselle os reloxos monumentais dos mosteiros de Celanova, de Betanzos e de Sobrado dos Monxes.

Tamén foi o inventor ferrolán un notable autor de reloxos de sala, dos que se conservan dous en Madrid. Un deles é de caixa alta con boa ebanistería, con oito esferas máis as fases da lúa, indicando días da semana e do mes, horas, minutos e segundos, a sonería ten sete pezas. O outro, de caixa curta, con esfera gravada e prateada, ten segundeiro, calendario, rexistro e música. O investigador Alejandro Anca Alamillo publicou nun estudo en 2009 na revista ‘Ferrol Análise’ na que destaca que o Museo de Pontevedra conserva un reloxo de  péndulo de seis esferas que ademais das horas e minutos sinala as mareas, con horas e cuartos de pleamares e baixamares. Tamén rexistra a saída e a posta do Sol, as fases da lúa e os días da semana e do mes. Trataríase doutra das alfaias deseñadas e construídas por este formidable inventor ferrolán, que asinaba as súas obras cun conciso ‘Antelo/Ferrol’

Andrés Antelo Lamas faleceu na súa casa de Ferrol o 25 de maio de 1844. O  Concello de Ferrol dedicoulle unha rúa no barrio de Esteiro e a Armada puxo o seu nome o ano 1905 a un remolcador de altura.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.