Olimpia Valencia foi a primera galega en licenciarse en Medicina. E a primeira en abrir consulta propia, como xinecóloga en Vigo. Doutorouse en Madrid, vivindo na Residencia de Señoritas, onde coincidiu con María de Maeztu ou Sofía Novoa. E as figuras da Residencia de Estudantes, como Dalí, Lorca ou Buñuel.
Fixo campaña para o Partido Galeguista, pediu o voto para Castelao e apoiou o Estatuto de Galicia. E pasou pola cadea e foi represaliada por iso. A súa é a historia dunha loitadora e dunha valente. Que a xornalista Ana Fuentes non podía deixar pasar. Porque, ademais de vivir fascinada coa súa historia, ten relación familiar con esta pioneira. Agora, tras unha exhaustiva investigación, publica o libro: “Olimpia Valencia“, editado polo Instituto de Estudos Vigueses e xa nos andeis das librarías.
-Por que esta obra?
-Cúmprense 100 anos dende que Olimpia Valencia ingresou na facultade de Medicina. Así que era unha data redonda para publicar este libro no que levaba tanto tempo traballando.
-Ademais, Olimpia era da súa familia…
-A miña avoa e ela eran primas. Así que é unha historia familiar que xa coñecía, pero non coa dimensión que atopei logo. Que vai moito máis alá do feito de que Olimpia é a primeira galega que se licencia en Medicina en Santiago.
-Que fontes explorou para esta investigación?
-No libro hai varias fontes documentais. Está a primeira biografía feita por Maricarmen Pérez Pais, que falou con ela nos anos 80. Eu pescudei no arquivo do Concello de Vigo, no arquivo de Galicia no Gaiás, e nas fundacións Ortega y Gasset e Gregorio Marañón, onde están os documentos da Residencia de Señoritas, onde viviu en Madrid. Tamén falei coa xente que a coñecía e achego fotografías que atesouraba a miña familia, porque eran da miña avoa.
-Vostede era unha nena cando morreu Olimpia… agora non bota de menos tela tratado máis?
-Encantaríame ter coñecido agora mesmo a Olimpia. Pero cando morreu, no ano 1987, eu tiña 17 anos e só ves unha señora maior, unha tía que visitas os domingos.
-Olimpia foi unha muller represaliada….
-Castigárona totalmente. De non ser así, non sabemos onde podería ter chegado Olimpia Valencia. Ves o seu expediente e hai 18 matrículas de honra. É a primeira galega que se licencia en Medicina. E ten milleiros de referencias nos xornais da época, onde era todo un personaxe. Por exemplo, hai unha entrevista que lle vai en 1924 Cotarelo Valledor, na que se nota a admiración que lle produce esta muller.
-E tamén viviu atrancos por ser muller…
-Todos os atrancos. Hai un discurso dela que se conserva, titulado “Autobiografía dunha universitaria dos anos 20”. E fala dos problemas daquela época coas mulleres. Por exemplo, tiña que entrar na aula sempre a primeira. E moitos profesores puñan unha cadeira á beira do estrado para ela, para que non estivese cos homes.
-Foi máis castigada polo feito de ser muller ou por ser galeguista?
-Pola política. Ela mesma falou diso nunha entrevista en Faro de Vigo coa xornalista Sara Caldero. Dixo que como muller non tivo ningún problema en exercer a súa profesión, pero que tivos todos os problemas do mundo por ser do Partido Galeguista. Aunque, en realidade, nunca chegou a estar integrada. En 1931, firma un manifesto a favor de Castelao, pedindo o voto cando en realidade as propias mulleres non podía votar. E ademáis asina o manifesto en 1936 a prol do Estatuto de Galicia.
-De feito, foi á cadea…
-En 1937 é detida e pasa 4 días presa no cuartel da Garda Civil. E isto marca un antes e un despois na súa vida. De ser un personaxe público, pasa a vivir no anonimato. A Guerra Civil e a ditadura truncaron moitas vidas, entre elas a súa. E decidiu refuxiarse no exilio interior… pechouse na súa casa, non puido participar máis na vida pública, como fixera antes… Nunha entrevista chega a comentar que nin sequera ía ao cine, porque non quería ver o NO-DO ou ter que levantar o brazo.
-Era xinecoloxía a súa especialidade preferida, ou tivo que a escoller por ser a máis ‘feminina’?
-A xinecoloxía dábaselle especialmente ben, pero ela prefería medicina interna. Interesáballe moito a neumoloxía, porque daquela estaba en auxe a tuberculose, pero algún profesor, e a súa familia, consideraron que sería mellor que estudase as chamadas ‘doenzas da muller’. Era unha especialidade máis acaída para unha señorita. Por sorte, estudou co mellor da súa época, o doutor Sebastián Recaséns, en Madrid, cando aínda vivía na Residencia de Señoritas.
-Na Residencia, conviviu cos mellores…
-Pois si. Estivo alí tres anos. E coincidiu con María de Maeztu ou coa música galega Sofía Novoa. Con grandes mulleres e os grandes homes tamén da Residencia de Estudiantes, como Dalí, Buñuel ou Lorca, porque ambas residencias pertencían á Institución Libre de Enseñanza.
-Foi a primeira muller con consulta propia?
-En Vigo había odontólogas, da familia Kuper, de orixe rusa. Pero ela foi a primeira muller que se instalou en Galicia como médica en solitario.
-Cre que co tempo se lle deu o recoñecemento que merecía?
-Creo que merecería máis. Hai dúas placas que a lembran na rúa do Príncipe, en Vigo, e ten unha rúa ao seu nome na parroquia de Canido. Tamén leva o nome de Olimpia Valencia un edificio da UVigo. Pero creo que se ela fora un home, tería maior recoñecemento hai máis tempo.
-Pero en Vigo si foi moi coñecida na súa época a nivel popular, de rúa…
-En Vigo, foi moi coñecida. Tamén porque trouxo ao mundo a milleiros de nenos. Nos anos 60 conseguiu unha praza na Seguridade Social, supoñemos que porque había poucos xinecólogos, non porque lle levantaran o castigo.
-Tras esta investigación e o libro… que valora máis de Olimpia Valencia? Que admira dela?
-A súa valentía e a súa audacia. Foi un exemplo de muller valente. Imaxino cando, en 1917, lle dixo ao seu pai que quería estudar medicina. Tiña que ser unha persoa con moita personalidade e moi segura dos seus obxectivos na vida. Creo que Olimpia Valencia viviu nun mundo que non estaba preparado para darlle o que ela por dereito reclamaba.
Olimpia Valencia y Xohan Carballeira: Estampa frente a frente (médicos y periodistas gallegos represaliados en el franquismo)
https://diariodeunmedicodeguardia.blogspot.com/2015/04/olimpia-valencia-y-xohan-carballeira.html