Xoves 25 Abril 2024

Algúns dos dinosaurios máis veloces do mundo vivían na Rioxa

Podían correr 45 kilómetros por hora, segundo o recolle un estudo da Universidade de La Rioja que analizou varias pegadas fósiles

Podían correr 45 kilómetros por hora. Eran carnívoros que avanzaban con rapidez sobre dúas patas. E non só eran algúns dos dinosaurios máis veloces do mundo, senón que habitaban máis preto de nós do que imaxinabamos: no que hoxe é A Rioxa. Así o establece un estudo que acaba de ser publicado en Scientific Reports por investigadores da Universidad de La Rioja. Para achar estes resultados analizaron as pegadas fósiles destes terópodos e determinaron que tiñan unha das velocidades de carreira máis rápidas calculadas ata a data. Todo a partir do estudo das súas pisadas.

Os rastros fósiles analizados localízanse en dous xacementos ubicados en Igea e datan do período Cretácico Inferior, aquel de hai entre 145 e 100 millóns de anos. Un deles, o denominado La Torre 6A, contén cinco pegadas e o outro, La Torre 6B, sete. Todas elas son pisadas con tres dedos e máis longas que anchas. “Aínda que non é posible determinar a especie que as deixou, cremos que foron feitas por dinosaurios carnívoros de tamaño mediano (uns dous metros de altura e entre catro e cinco metros de lonxitude), posiblemente da familia dos espinosáuridos ou dos carcharodontosáuridos”, sinala o primeiro asinante do artigo, Pablo Navarro.

Publicidade

Ángulos e distancias

O equipo da Universidad de La Rioja baseouse nos ángulos e nas distancias entre as pegadas. Así, calcularon que un dos dinosaurios corría a unha velocidade de entre 23,4 e 37,1 kilómetros por hora. O outro era incluso máis rápido, acadando un rango de entre 31,7 e 44,6 kilómetros por hora. De feito, esta última está entre as tres velocidades máximas estimadas para os terópodos en todo o mundo.

Ademais da velocidade, a investigación permitiu confirmar a axilidade destes dinosaurios. Un dos trazos mostra un aumento suave e constante na velocidade, mentres que no outro se observa un cambio brusco de direción na carreira, no que os autores interpretan como proba de que o animal estaba maniobrando mentres corría. Por tanto, todo isto corrobora os estudos realizados nas últimas décadas mediante a análise de restos óseos e a aplicación de coñecementos de biomecánica.

“Permítenos detallar cada vez con maior precisión a forma na que os dinosaurios se desprazaban e vivían, achegando valiosa información sobre as súas capacidades e relación coa contorna“, apunta Navarro. Esta investigación forma parte da súa tese doutoral, dirixida por Angélica Torres, directora da Cátedra de Paleontoloxía da Universidad de La Rioja. Tamén colaboraron outros científicos da Universidad Complutense de Madrid, da Universidad del País Vsco, a Universidad Nacional de Río Negro (Arxentina) e do Centro de Interpretación Paleontolóxica de La Rioja.


Referencia: Fast-running theropods tracks from the Early Cretaceous of La Rioja, Spain. (Publicado en Scientific Reports).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Coellos de oito quilos: así eran os xigantes extintos das illas mediterráneas

Antes de que os humanos as invadiran, estaban poboadas por mamíferos de aspecto e tamaño insólitos, como pikas e ourizos xigantes

“As explotacións mineiras destruíron moitos restos fósiles en Galicia”

A investigadora da UDC Blanca Moncunill Solé pide maior conciencia social e un forte compromiso da administración coa paleontoloxía

As primeiras 48 horas tralo impacto do asteroide que acabou coa vida dos dinosauros

A colisión provocou un megatsunami cunha enerxía 30.000 veces maior ao do Índico en decembro de 2004, no que morreron máis de 230.000 personas

A humanidade xa camiñaba ergueita hai sete millóns de anos

Un estudo publicado en 'Nature' revela que 'Sahelanthropus' practicaba o bipedismo habitual