Punto da parroquia de Loureiro, no Irixo, onde se produciu a destrución dunha mámoa. Fonte: Seprona/Garda Civil.
Punto da parroquia de Loureiro, no Irixo, onde se produciu a destrución dunha mámoa. Fonte: Seprona/Garda Civil.

Bancos, tractores, barbacoas… oito aduanadas contra o patrimonio en Galicia

A sucesión de agresións a restos arqueolóxicos nos últimos días evidencia as dificultades da concienciación para garantir a conservación destes bens

Un banco a carón dun petróglifo en Noia. Unha churrasqueira nunha mámoa en Lousame, e outra mámoa aplastada polo paso de maquinaria pesada, igual que unha necrópole en Baleira. Tamén o proxecto do paso dunha liña de alta tensión sobre o castro Lupario de Rois. Nos últimos días acumúlanse as novas sobre danos contra o patrimonio en Galicia, un problema cíclico que evidencia as eivas na concienciación e no cumprimento da normativa que, en teoría, rexe sobre os espazos protexidos.

O caso do petróglifo no monte de San Lois, en Noia, difundido polo colectivo de arte rupestre A Rula, trascendeu debido a unha conxunción de factores que expón a complexidade de resolver o problema. En primeiro lugar, a instalación dun banco cualificado de “innecesario” por este colectivo, pero que desde o concello noiés viron oportuno para “sumarse á moda” deste tipo de mobiliario en miradoiros panorámicos de diversos puntos de Galicia, que funcionarían como reclamo turístico para tomar fotografías e compartilas nas redes sociais. Porén, para algúns é un paradoxo que neste monte de San Lois, preto dos dous bancos instalados, estea un castro nun estado de conservación moi deficiente e no que non se actuou para convertelo nun recurso turístico enfocado cara o patrimonio.

“Principio de precaución”

Así, diversos colectivos en defensa do patrimonio arqueolóxico reiteran, ante estes casos, a necesidade de contar co principio de precaución á hora de actuar en zonas susceptibles de albergar restos prehistóricos. No caso de San Lois, o Concello de Noia argumentou que o petróglifo “non estaba inventariado nin catalogado“. Porén, tal e como expuxo Luis Leclere, presidente de A Rula, “era obvio que podía pasar isto, porque en San Lois hai catalogado un castro coa súa faixa de protección, dentro da cal está un dos bancos, e non se fixo a consulta debida”.

Máis grave neste aspecto é o dano sufrido pola mámoa de Pedra da Cana, na parroquia de Tállara (Lousame), non lonxe do monte de San Lois. A pesar de levar anos catalogada, e por tanto protexida pola normativa, nada impediu que se convertera nunha churrasqueira.

Os traballos forestais son outra das fontes de destrución máis habituais destes bens. As críticas neste sentido adoitan apuntar cara á permisividade de determinadas actuacións con maquinaria pesada en espazos dos que consta a súa catalogación e protección. E por outra banda, os incendios forestais tamén contribúen a esta destrución. É o caso dun dos maiores lumes de outubro de 2017, na contorna de Nigrán, Baiona e Gondomar, que afectou a máis dun cento de bens catalogados.

Ante isto, resulta tristemente sinxelo facer unha compilación de aduanadas contra o patrimonio que tiveron lugar nos últimos anos en Galicia:

1. O banco sobre o petróglifo en Noia

Un “banco panorámico” enriba dun petróglifo en Noia

2. A churrasqueira nunha mámoa en Lousame

Converten en churrasqueira unha mámoa milenaria en Lousame

3. Unha mámoa de 6.000 anos no Irixo destruída por plantar piñeiros

Destrúen no Irixo tumbas neolíticas de 6.000 anos para plantar piñeiros

4. Sitios arqueolóxicos esnaquizados para plantar eucalipto

Os eucaliptos esnaquizan 40 sitios arqueolóxicos do norte de Lugo

5. Camiño Primitivo con cemento

Pavimentan con cemento tramos históricos do Camiño Primitivo

6. Impunidade para plantar kiwis

En 2010, unhas obras acometidas para unha plantación de kiwis destruíron restos romanos e petróglifos en Oia. A pesar da denuncia do Seprona, a Fiscalía arquivou a causa polo descoñecemento do ben por parte da empresa promotora e do Concello, a pesar de estar inventariados pola Xunta.

O naquel momento alcalde, Alejandro Rodríguez, declarou a La Voz de Galicia que “o único que pode paralizar a obra é o alcalde e non o fixen porque Oia ten que mirar ao futuro, non ao pasado, e unhas pedras non poden ser obstáculo”.

7. O castro engulido polo porto exterior de Langosteira

Castro do Cociñadoiro, en Punta Langosteira, antes do comezo das obras do porto exterior. Fonte: PNOA.
Castro do Cociñadoiro, en Punta Langosteira, antes do comezo das obras do porto exterior. Fonte: PNOA.

A construción do proxecto de Punta Langosteira froito das ‘compensacións’ debido á catástrofe do Prestige arrasou, sen tempo a recoller os suficientes datos, dun dos castros máis singulares de Galicia. A pesar de que se recolleron restos da zona antes da súa destrución, perdeuse unha oportunidade que, segundo describiu Manuel Gago no seu blog, sería unha interesante oportunidade para reescribir a prehistoria de Galicia. Para pechar a aduanada contra o patrimonio, prometeuse un ‘centro de interpretación’ que hoxe parece, como o castro, definitivamente soterrado.

8. A descatalogación do castro da Trindade

Castro da Trindade. Foto: adega.gal.
Castro da Trindade. Foto: adega.gal.

Hai menos dun ano, a denuncia de entidades como Mariña Patrimonio e Adega advertían de “irregularidades” respecto do castro da Trindade, entre Mondoñedo e Lourenzá, onde se teñen atopado restos da Idade do Ferro. Ambas asociacións expoñían probas de que ata seis informes distintos que coñecía a Xunta demostraban a existencia do castro, a pesar de que se tramitou a súa descatalogación para facilitar os permisos cara á construción da canteira que agora ocupa o lugar.

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.