Adeus a Emiliano Aguirre, o galego que abriu Atapuerca ao mundo

O científico, falecido o luns aos 96 anos, puxo en marcha as escavacións nun xacemento clave para comprender a evolución humana

Emiliano Aguirre, nunha foto de 2007.
Emiliano Aguirre, nunha foto de 2007.

No ano 1976, un enxeñeiro de minas, Trinidad de Torres, atopou restos humanos nunha das cavidades cársticas da serra de Atapuerca, na provincia de Burgos. Este investigador comunicoullo a Emiliano Aguirre (1925-2021), un paleontólogo nacido en Ferrol, que xa levaba tempo analizando restos paleolíticos na península, en xacementos da provincia de Soria ou as Gándaras de Budiño de Porriño. Aquel achado marcaría o punto de partida para as investigacións de Atapuerca, enclave convertido hoxe nun referente para o estudo da evolución humana. Aguirre faleceu o pasado luns aos 96 anos, o que supuxo numerosas condolencias no mundo científico.

Emiliano Aguirre Enríquez naceu en Ferrol o 5 de outubro de 1925, aínda que a súa familia residía de forma habitual en Madrid, e estivo tamén vinculado a Vigo, onde viviu algúns anos da súa nenez despois do comezo da Guerra Civil. Era un home cun coñecemento amplo e inmenso. Despois de acabar o bacharelato ingresou nos xesuítas. Quixo ser misioneiro, pero atopouse co rexeitamento dos superiores, tal e como conta a investigadora Lucía Villaescusa nunha reseña biográfica de Aguirre. Entra entón no seminario de Aranjuez (Madrid), onde estudou Humanidades e Filosofía, disciplinas que logo continuaría na Facultade Complutensis da igrexa en Chamartín, ata 1950. Continúa a súa formación na Complutense, onde se licencia en Ciencias Naturais en 1955 con Premio Nacional de Fin de Carreira, e na Universidad de Granada completa os estudos de Teoloxía.

A comezos dos anos 60 realiza as súas primeiras investigacións de campo, con traballos nos xacementos de Torralba e Ambrona (Soria), as Gándaras de Budiño ou a necrópole de Argin, en Sudán. En 1966 presenta a súa tese sobre o estudo de elefantes extintos, e ao ano seguinte realiza unha estadía en Sudáfrica para estudar os Australopithecus. Desenvolve igualmente unha intensa actividade internacional, participando en congresos e colaborando con institucións e publicacións vinculadas á paleontoloxía de todo o mundo.

Despois desta etapa de formación e investigación sobre o terreo, Aguirre comeza a impartir docencia en diferentes disciplinas, como xeoloxía, paleontoloxía ou antropoloxía, en diversas institucións de España e Latinoamérica. Pero é en 1976, co achado dos restos humanos na coñecida como Sima de los Huesos, cando se pon á fronte das pescudas de posibles novos achados en Atapuerca.

En 1978, Emiliano Aguirre elabora un proxecto de investigación que dá comezo ás primeiras excavacións da serra burgalesa. E permanece á fronte delas ata a súa xubilación, en 1991, no que cedeu o paso a unha nova xeración de científicos que continuaron o seu legado, como Juan Luis Arsuaga, José María Bermúdez de Castro (tamén de orixe galega) e Eudald Carbonell, vicepresidentes e fundadores da Fundación Atapuerca, que impulsa e divulga o traballo realizado neste enclave. En 1997, o equipo investigador de Atapuerca recibiu o Premio Príncipe de Asturias de Investigación Científica e Técnica. Na acta do xurado recoñecíase a exemplaridade de integración de varios grupos nun traballo pluridisciplinar fundado polo profesor Emiliano Aguirre. Desde aquel primeiro achado, 45 anos atrás, apareceron nas diferentes cavidades da serra restos da presenza de cinco especies de homínidos diferentes: Homo sp. (aínda por determinar, 1,3 millóns de anos antes de agora), Homo antecessor (850.000 anos), preneandertal (500.000 anos), Homo neanderthalensis (50.000 anos) e do Homo sapiens.

Trala súa xubilación, Aguirre continuou colaborando co traballo desenvolvido en Atapuerca, participando en actividades de divulgación e, nos últimos anos, cedeu o seu arquivo, que acumula decenios de traballos no xacemento, á Fundación Atapuerca, que actualmente traballa na catalogación e clasificación do mesmo.

O falecemento de Emiliano Aguirre xerou numerosas reaccións na comunidade científica de Atapuerca, como é o caso de Juan Luis Arsuaga ou a ourensá María Martinón, actual directora do Centro Nacional de Investigación sobre la Evolución Humana (CENIEH), e parte do equipo de investigación do xacemento burgalés.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.