Sábado 20 Abril 2024

O achado dun cuarto de escravos achega novos datos da vida cotiá en Pompeia

Os arqueólogos descobren unha habitación de 16 metros cadrados que fora sepultada polas cinzas do Vesuvio, con tres camas e diversos obxectos cotiáns

Case dous milenios despois, as ruínas de Pompeia sepultadas pola erupción do Vesuvio no ano 79 seguen achegando novos detalles de como era a vida dos habitantes romanos ata minutos antes de que o volcán conxelase a cidade no tempo. Desde 2017, as escavacións están a descubrir novos espazos descoñecidos ata o momento en Civita Giuliana, ao norte da vila, e mesmo restos humanos petrificados que ficaran ocultos todo este tempo. Desta vez, a finais da semana pasada, desde o Parque Arqueolóxico de Pompeia anunciaron o achado dunha habitación usada por escravos. O cuarto, duns 16 metros cadrados, apareceu na mesma zona onde nos últimos anos se descubriron un carro cerimonial e unha corte con cabalos (nun deles foi posible facer un molde).

A habitación dos escravos “ofrece unha vista extraordinaria a unha parte do mundo antigo que habitualmente fica na escuridade”, destacan desde a institución. No cuarto, cun “estado excepcional de conservación”, foi posible construír moldes das camas (dúas de 1,7 metros, posiblemente de adultos, e outra de 1,4, probablemente dun neno ou mozo) e outros obxectos que ficaron cubertos de cinerita, a rocha orixinada pola compactación das cinzas volcánicas. As bases das camas estaban feitas con cordas, cunhas pegadas distinguibles entre a rocha, e sobre elas colocáronse mantas de tea que tamén se conservaron e moldearon con xeso.

Publicidade

Imaxe do cuarto dos escravos.  Foto: Parque Arqueolóxico de Pompeia.
Imaxe do cuarto dos escravos. Foto: Parque Arqueolóxico de Pompeia.

Entre os obxectos destacan un cofre de madeira con obxectos de metal e tea, que poderían formar parte das monturas dos cabalos, o eixe dun carro apoiado sobre unha das camas e útiles persoais, como ánforas, xerras de cerámica e un penico. A habitación estaba iluminada por unha xanela superior e non parece que houbese decoracións nas paredes.

Ademais de ser usado como dormitorio deste grupo de escravos (probablemente unha familia), hai sinais de que era tamén un almacén de materiais, como demostran as ánforas amontoadas nun recuncho da estancia.

Investigación en resposta aos saqueos en Pompeia

O impresionante legado patrimonial de Pompeia é tamén obxecto de interese para obxectivos pouco nobres. E os roubos foron, precisamente, a razón destas novas pescudas na vila romana. A escavación na que se atopou o cuarto dos escravos forma parte do traballo do Parque Arqueolóxico en colaboración coa fiscalía da cidade de Torre Annunziata, moi próxima a Pompeia, para loitar contra as prospeccións ilegais no xacemento.

Os estudos impulsados desde 2017 están a achegar novos datos e achados, aos que se engade agora esta habitación. Con todo, a zona non se librou dos danos causados polos saqueos, que ascenden, segundo algúns cálculos, a case dous millóns de euros.

“Isto é unha xanela cara á precaria realidade da xente que rara vez aparece nas fontes históricas, escritas case exclusivamente polas elites, e que por tanto corren risco de ficar invisibles nos grandes relatos do pasado”, apuntou o director xeral do organismo pompeiano, Gabriel Zuchtriegel. Engadiu este responsable que o achado do cuarto “axuda a descubrir unha parte do mundo antigo que doutra maneira coñeceriamos pouco pero que, con todo, é sumamente importante”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As covas do Monte Pindo, o refuxio dos disidentes durante a represión franquista

Un proxecto galego recupera a memoria dos fuxitivos da Guerra Civil na Costa da Morte a través de 12 pezas documentais
00:03:05

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores

A pegada dos deuses prerrománicos nos topónimos de Galicia

O estudo das inscricións de seis aras votivas no noroeste peninsular axudan a entender a mobilidade xeográfica e o culto ás deidades

Os oito precedentes de Toconao: 2.070 toneladas de ‘pellets’ vertidas ao mar dende 2011

Un informe de Fauna & Flora International recolle os accidentes máis graves que ocasionaron o derramamento de bólas de plástico polo mundo