Xoves 18 Abril 2024

Un achado inesperado abre novas preguntas no castro da Saceda

Nun outeiro que ten aos pés a aldea da Saceda, en Cualedro, a uns 800 metros de altitude e ao sur da serra do Larouco, está un dos castros mellor conservados de Galicia. É, de feito, o único castro da provincia de Ourense que está declarado como Ben de Interese Cultural. Alí traballaron nas últimas semanas un equipo de arqueólogos e restauradores para acondicionar o lugar, facelo máis accesible aos visitantes e ofrecer unha visión máis didáctica do castro.

As datacións confirmaron unha antigüidade próxima aos 2.500 anos

Segundo conta Martiño Xosé Vázquez, arqueólogo e director do proxecto, o equipo está restaurando as cabanas e as murallas milenarias situadas no interior da fortificación. Con todo, como parte da actuación, era preciso realizar algunhas sondaxes arqueolóxicas para drenar as augas que se acumulan no recinto cando chove, xa que isto podería poñer en risco a conservación das estruturas.

Publicidade

“O equipo de restauración encomendounos deseñar unha saída de augas que evitara o encharcamento das cabanas que estaban a musealizar. Así foi que decidimos facer esa drenaxe na famosa Porta Ciclópea”, conta Vázquez. Optouse por este punto “porque a escavación arqueolóxica ía permitirnos identificar a muralla máis antiga do poboado, e confirmar os dous momentos de ocupación do castro que xa temos datados por Carbono-14 noutros sectores”.

As datacións permitiron confirmar que o recinto “ten unha antigüidade próxima aos 2.500 anos, e que un grande incendio obrigou aos seus habitantes a reconstruílo case na súa totalidade”, apunta Martiño Xosé Vázquez.

A sorpresa da Saceda

Porén, o castro da Saceda tiña gardada unha sorpresa para os investigadores. E estaba no lugar menos esperado, fóra do propio castro. O arqueólogo Foi Antonio Rodríguez Colmenero xa deixara caer que podería haber algo por descubrir: “Dende hai tempo apuntou a posibilidade de que fóra das murallas do Castro da Saceda existiran construcións; unha hipótese que confirmamos este ano ao atopar dúas cabanas circulares de grande diámetro, superior a calquera do interior do recinto fortificado. O seu tamaño e a existencia da única lareira lítica conservada apunta claramente a que estamos perante un lugar de habitación“, explica o director do proxecto.

Cabana atopada fóra do recinto fortificado e lareira. Foto: Xeitura.
Cabana atopada fóra do recinto fortificado e lareira. Foto: Xeitura.

Unha novidade que, “se ben é unha alegría para os investigadores, aos que se lles abre un novo campo de traballo, obrigará a reordenar os usos da contorna do poboado para garantir a súa conservación”, explican desde o equipo investigador.

E ademais, ábrense novas liñas de investigación sobre A Saceda. “Todo apunta a que estamos perante o verdadeiro poboado”, sinala Vázquez. Un achado que provoca que “todas as previsións que tiñamos agora saltan polos aires. Estamos en contacto con investigadores que traballan en Portugal e na Meseta, e que nos confirman que noutros castros da súa zona tamén sucede a mesma secuencia e están convencidos que descubriremos máis estruturas e incluso algo que levamos tempo buscando, fornos para forxa e fundición metalúrxica”, conclúe o arqueólogo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...

Un estudo da UVigo atopa en Etiopía os restos de Homo erectus máis antigos do mundo

Sitúan por primeira vez a aparición destes homínidos e da tecnoloxía achelense hai dous millóns de anos

Así se conserva o ‘Titanic’ galego: “Parece que se afundiu onte”

O obxectivo da investigación Ría de Viveiro I é comprender como vivían as entidades poboacionais e a influencia do mar na súa evolución