Martes 16 Abril 2024

A Misión Biolóxica de Galicia cumpre 100 anos

O sobranceiro centro de investigación agrícola e gandeiro está situado en Pontevedra e pertence ao Consello Superior de Investigacións Científicas

Este xoves, 1 de abril, cúmprense 100 anos da fundación da Misión Biolóxica de Galicia (MBG), un dos centros científicos máis sobranceiros de Galicia, especializado no eido da agricultura e a gandería. A MGB foi aberta por iniciativa da Xunta de Ampliación de Estudos e Investigacións Científicas (JAE), institución que tivo un papel básico no desenvolvemento científico e cultural de España ata a súa desaparición co golpe de Estado de 1936. Xa coa ditadura, pasou a depender do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) desde 1939.

O obxectivo fundacional da Misión Biolóxica de Galicia era realizar investigacións e traballos de bioloxía aplicados á agricultura e a gandería de Galicia. O seu primeiro director foi Cruz Gallástegui e nos seus primeiros anos o labor centrouse na obtención de variedades vexetais e gando porcino de boa calidade, así como na transmisión dos devanditos coñecementos ao sector agrario.

Publicidade

As súas primeiras instalacións estiveron en Santiago de Compostela, na Escola de Veterinaria, que en 1927 se trasladou a León. Nese contexto, Daniel de la Sota, presidente da Deputación de Pontevedra, xunto con outras personalidades da época, facilitou o traslado da MBG a Pontevedra: nun primeiro momento, á leira da Tablada e, posteriormente, á leira e Palacio de Salcedo, coñecido como “Pazo de Gandarón”, propiedade da Deputación e a súa sede actual.

A partir de 1930 os traballos da MBG centráronse na mellora xenética do millo e na obtención de variedades de castiñeiro resistentes á tinta (unha das súas principais enfermidades), esta última liña consolidada por Ernesto Vieitez.

A difusión en toda España da raza de porcina inglesa Large White foi outro dos obxectivos da MBG . E fundouse, por iniciativa de Miguel Odriozola, a piara, que pronto adquiriu gran desenvolvemento e difundiuse por todo o país para a mellora xenética do gando porcino. No período 1940-1950 a MBG consolidou as súas primeiras liñas de investigación sobre mellora xenética vexetal e animal e fisioloxía.

Entre 1960-1973 pecharon algunhas das liñas de investigación por xubilación ou traslado dos investigadores. Mantívose a sección de Química Agrícola, baixo a dirección de Benito Sánchez, que iniciou o estudo dos solos agrícolas das provincias de Ourense e Pontevedra. As investigacións sobre xenética vexetal sufriron un parón ata que, a partir de 1973, Amando Ordás retomou a liña de investigación de mellora xenética de millo, comezando a colleita de variedades locais de millo e o inicio de programas de selección e mellora.

A partir de 1980 abríronse novas liñas de investigación e incorporouse máis persoal, o que permitiu desenvolver novos programas baseados en máis cultivos de importancia para Galicia: os legumes, as brásicas e a vide. Colleitáronse e caracterizaron recursos xenéticos destas especies, conservadas no banco de xermoplasma da MBG. Estes materiais son a base das investigacións que, a día de hoxe, se realizan no centro e que permiten ampliar coñecementos teóricos sobre a xenética e mellora dos cultivos e desenvolver novas variedades resistentes a pragas ou enfermidades, mellor adaptadas e  tolerantes a diferentes estreses coma frío, seca, baixa fertilidade do solo, etc.

Na actualidade, a MBG dedícase fundamentalmente á investigación agraria e forestal, ocupándose dos principais cultivos, e especies leñosas e ornamentais de Galicia.  A súa liña de investigación global versa sobre os procesos xenéticos, bioquímicos, metabólicos, moleculares, ecolóxicos e evolutivos que son relevantes para facer máis sostible a agricultura e silvicultura, centrándose en diversas especies hortícolas, cereais e leñosas amplamente cultivadas. O enfoque é integrador, tentando abordar simultaneamente tres aspectos: resiliencia-produtividade-calidade.

Estrutúrase en dous departamentos: Xenética e Mellora Vexetal e Viticultura e Forestal) e oito grupos de investigación:

Bioloxía de Agrosistemas. Expón obxectivos e estratexias transdisciplinares para afrontar problemas globais das especies cultivadas e que poidan ser obxecto de transferencia horizontal de coñecemento e tecnoloxía, incorporando os recursos fitoxenéticos como fonte de estudos de diversidade e xenética , e realizando programas de mellora para o desenvolvemento de novas variedades xeneticamente melloradas. Estuda as interaccións das plantas e o seu agrosistema en leguminosas, hortícolas e ornamentais, incluíndo a microbiota do solo.

Xenética do Desenvolvemento de Plantas. Os obxectivos da súa liña de investigación son a arquitectura da planta, a floración, o desenvolvemento e maduración do froito e a dehiscencia da semente. Constitúen, á súa vez, fitos relevantes no actual marco conceptual da xenética e a xenómica vexetal.

Xenética, Mellora e Bioquímica de Brásicas. Estuda a calidade nutricional e resistencia a estreses e a súa aplicación na mellora dos cultivos de brásicas hortícolas, con especial énfase nos metabolitos secundarios e o seu papel na alimentación, saúde e resistencia a estreses bióticos e abióticos.

Xenética e Mellora de Millo. Estuda os mecanismos xenéticos que controlan a resistencia a estreses, a calidade e a produción do cultivo de millo para a aplicación á mellora do millo para a alimentación (animal e humana) e usos industriais e á conservación da súa biodiversidade.

Ecoloxía Evolutiva das Interaccións Planta-Herbívoro. Dedícase ao estudo dos procesos eco-evolutivos que afectan as interaccións planta-herbívoro, a predicir como o cambio climático influirá nas interaccións planta-herbívoro e ás estratexias de manexo en sistemas agroforestais.

Xenética e Ecoloxía Forestal. Estuda a xenética e ecoloxía da resistencia a insectos e patóxenos en especies forestais como determinantes da variación fenotípica en caracteres de resistencia e tolerancia a enfermidades e pragas. A liña de investigación busca coñecer as repercusións e determinar posibles aplicacións á sanidade e xestión forestal sostible.

Viticultura, Oliveira e Rosa. Dedícase á descrición botánica, histolóxica, agronómica e molecular de variedades autóctonas de vide e oliveira; á cuantificación da resistencia a enfermidades fúnxicas e mecanismos bioquímicos/fisiolóxicos de defensa da planta fronte a fungos; variabilidade intra/ intervarietal- terroir-novos manexos de cultivo e o aproveitamento de residuos vitivinícolas/oleícolas para obter novos produtos.

Adaptación e Sustentabilidade de Cultivos. Estuda a variación xenética e a resposta á selección en caracteres importantes para a adaptación dos cultivos ao ambiente (como son o vigor temperán, a floración e a senescencia).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O CSIC acha unha combinación de fármacos eficaz fronte ao SARS-CoV-2

A unión de ribavirina e remdesivir consegue eliminar de forma rápida o virus ao inducir un exceso de mutacións no seu xenoma que lle impiden multiplicarse con eficacia

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Máis do 90% das crías de pardela cincenta teñen plásticos no estómago

Un estudo en exemplares xuvenís de Canarias e Azores apunta a esta especie como un biomarcador de refugallos flotantes no Atlántico norte

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península