Fragmento de madeira de castiñeiro atopado e analizado no castelo de Pambre. Foto cedida por María Martín Seijo.
Fragmento de madeira de castiñeiro atopado e analizado no castelo de Pambre. Foto cedida por María Martín Seijo.

A historia do castelo de Pambre a través da leña que se queimou nel

Unha investigación analizou mostras de carbón na fortaleza de Palas de Rei, onde se observaron ata 17 especies distintas de plantas leñosas

Á beira do río Pambre, moi preto do límite entre as provincias da Coruña e Lugo, na parroquia do mesmo nome, no concello de Palas de Rei, érguese sobre un penedo o castelo de Pambre, un dos exemplos mellor conservados das fortalezas medievais galegas. Ao salvarse da revolta irmandiña, este castelo pervive en moi bo estado na actualidade, a pesar de que nas últimas décadas viviu un abandono que durou ata unha recente restauración. No marco destes traballos de rehabilitación realizouse unha intervención arqueolóxica dirixida por Santiago Vázquez Collazo, da empresa Tomos Conservación Restauración. Entre outros materiais, recolléronse máis de 800 fragmentos de carbón asociados aos restos de comida e relacionadas coa ocupación do castelo entre os séculos XV e XVI, que “permiten recuperar información sobre a leña utilizada no castelo no momento de transición entre a Idade Media e a Idade Moderna”, segundo explica María Martín Seijo, investigadora do laboratorio de Arqueobotánica do grupo de investigación GEPN-AAT da Universidade de Santiago de Compostela. No traballo tamén colaborou Carlos Fernández Rodríguez, do Laboratorio de Prehistoria da Universidad de León, que procesou os materiais recollidos.

Diversidade de especies

O período de análise é de gran interese xa que a época estudada coincide coa Pequena Idade de Xeo, especialmente no período do Mínimo de Maunder, entre 1620 e 1715, no que se rexistraron temperaturas ata 2ºC por baixo das medias actuais. Un dos resultados salientables da investigación foi a “gran diversidade de especies arbóreas e arbustivas utilizadas como combustible para o cociñado, ou incluso para a iluminación e calefacción das estancias do castelo”, explica María Martín Seijo. A análise dos carbóns arqueolóxicos permitiu identificar 17 taxons arbóreos e arbustivos: carballo-rebolo (Quercus sp. caducifolio), abeleira (Corylus avellana), castiñeiro (Castanea sativa), fabáceas tipo xesta-toxo (Fabaceae), urce (Erica sp.), prunos que inclúen especies como a cerdeira ou o abruñeiro (Prunus sp.), rosáceas-maloideas (Rosaceae/Maloideae), salgueiro-lamagueiro (Salix/Populus), carballo-castiñeiro (Quercus/Castanea), freixo (Fraxinus sp.), Quercus sp., aciñeira-sobreira (Quercus sp. perennifolio), sabugueiro (Sambucus sp.), sanguiño (Frangula alnus), xenebreiro (Juniperus sp.), nogueira (Juglans regia) e urces (Erica arborea/australis).

Os autores do traballo consideran significativo “o uso como leña de madeira obtida a partir de frutais silvestres e cultivados, tanto aqueles de porte arbóreo como os de porte arbustivo”. Aparecen así a abeleira (Corylus avellana), castiñeiro (Castanea  sativa), prunos (Prunus  sp.), rosáceas-maloideas (Rosaceae/Ma-loideae), sabugueiro (Sambucus sp.) e nogueira (Juglans regia).

Vista do castelo de Pambre desde o sur. Foto de Santiago Vázquez Collazo.
Vista do castelo de Pambre desde o sur. Foto de Santiago Vázquez Collazo.

Deste xeito, aínda que algunhas destas especies poden aparecer asociadas aos bosques mixtos de planocaducifolos, como a abeleira ou o sabugueiro, “hai outros que  podemos  agrupar  dentro da categoría de árbores fóra do bosque, tanto pola súa vinculación a prácticas de arboricultura como pola súa relevancia económica para as comunidades pasadas”, expón Martín Seijo, que dirixiu o proxecto “MATERIAL-Materiality and Material Culture: Wood and Other Plant-based Materials in Archaeological  Contexts” ao abeiro dunha bolsa de postdoutoramento da Xunta de Galicia Plan I2C na Modalidade B que finalizou no 2019.

É o caso do castiñeiro, o abruñeiro, as rosáceas ou a nogueira. “As árbores fóra do bosque serían aquelas que medran próximas ás áreas de habitación e fóra das masas boscosas”, explican os investigadores, aclarando que se trata dun “neoloxismo que se define en relación ao bosque e por defecto, agrupando ás árbores localizadas en terras que non pertencen á categoría de bosques ou terras forestais, nin a outras áreas boscosas, que poden ser espontáneas ou plantadas, xeralmente cultivadas e conservadas”. Así,atópanse en terras agrícolas, con construcións, nas marxes dos ríos e regatos dentro da paisaxe agrícola, ou en terras naturais nas que a cobertura arbórea é tan escasa que a vexetación non cumpre coa definición de bosque.

Para os autores do estudo, “esta categoría de clasificación é especialmente interesante nun momento no que as fontes escritas distinguen entre o culto e o inculto, estando o bosque  –silvae,  montae,  pascuae– nesta última categoría, mentres que este outro tipo de formacións forestais eran xestionadas e cultivadas como os  soutos,  as  devesas, os pomares, etc”.

No referente aos usos aos que se destinou esta leña, os autores expoñen que é complexo establecelo debido a que se atopan “asociados a restos óseos e a ictiofauna”, aínda que expoñen a posibilidade de que tiveran que ver co procesado de alimentos, “aínda que non podemos descartar completamente que puidesen ter sido usadas para a iluminación e calefacción dalgunha das estancias do pazo ou dalgunha construción do recitno fortificado, e que foran posteriormente mesturados con residuos de comida”.

As masas de árbores na Idade Media e Moderna

O castiñeiro (Castanea sativa) é xunto coa vide un dos principais cultivos nos terreos baldíos desde a Idade Media. “A expansión a gran escala da especie está documentada en diversas análises polínicas do noroeste peninsular desde a Idade Media, nunha  tendencia  que ten  paralelos  noutras  áreas  europeas”, continúa María Martín Seijo. É unha árbore “integrada nas  terras  cultivadas,  mesturada con todo tipo de cultivos, e hai referencias a esta árbore na documentación, cunha presencia predominante na paisaxe agraria”.

Isto vincúlase, entre outras razóns, a que “as castañas constituían unha achega nutritiva  básica, e o castiñeiro era incluso obxecto de sucesión testamentaria”, usando a madeira para a construción  de  apeiros, mobles domésticos e traballos artesanais, e a súa leña, ao mesmo tempo, consumíase nos fogares, fornos e cociñas. De  feito, apuntan os autores do traballo,  certos pagos en especie referidos nas fontes documentais refírense directamente a tarefas dos foreiros relacionadas coa arboricultura, como a poda e o enxerto do castiñeiro”.

Pola súa parte, o carballo, fronte ao castiñeiro e a outras árbores frutais como nogueiras, figueiras,  maceiras, pereiras ou cerdeiras, “ten nas referencias documentais unha importancia secundaria a pesar de ser o combustible predominante en todo tipo de asentamentos durante a época medieval e moderna”, explican os autores do traballo.

No caso de Pambre, a presenza de madeira de froiteiras, se temos ademais en conta que nas mostras predominaban pólas, podería estar relacionada co aproveitamento  dos  residuos de poda como combustible”. No caso de determinados taxóns, como as maceiras e pereiras ou as cerdeiras e abruños, “probablemente  procedían de árbores e arbustos situados no entorno inmediato ao lugar de habitación (cortiñas), xa que os seus froitos non podían ser almacenados e tiñan que ser consumidos de forma case inmediata”. A presenza de madeira de Prunus sp. é tamén relevante, xa que adoita aparecer de forma recorrente en contextos de cronoloxía medieval e moderna no norte peninsular.

Conclúen os autores que “a lexislación proteccionista sobre os bosques e as árbores, así como o retroceso das masas forestais, que é acusado neste momento tal e como está documentado nas secuencias palinolóxicas do noroeste peninsular, pode ser o motivo de que exista unha gran diversificación no aprovisionamento, incluíndo árbores froiteiras, e unha preferencia pola leña de mediano e pequeno calibre, fronte á preferencia de gran calibre que implicaría ter que abater árbores”.

O uso das pólas, incluíndo nalgúns casos a posibilidade da existencia de prácticas como a demouca ou o clareo, que permitirían asegurar unha renovación cíclica dos recursos, ou o aproveitamento dos residuos da poda no caso das froiteiras. O uso preferente desta leña de pequeno calibre tería probablemente implicacións no que respecta á organización e estacionalidade deste aprovisionamento, e incluso ao tipo de ferramentas utilizadas, fundamentalmente podóns fronte ao uso de machadas.


Referencia: Ad comburendum. El uso de la leña en el Castillo de Pambre (Palas de Rei, Lugo) durante los siglos XV-XVII. (Publicado en SPAL-Revista de Prehistoria y Arqueología).

1 comentario

  1. Ás veces as árbores non nos deixan ver o bosque !
    Investigar como encendían o forno para o pan na Idade Media oculta como o Castelo de Pambre costoulle a vida e a honra a un home bo e xeneroso (Vigués Distinguido) que morreu sen xuízo nin dereito a se defenden de falsas acusacións que pretendían expoliar aos galegos dos beneficios da venta do Castelo de Pambre á Xunta de Galicia.

    Chercher l´argent !
    Cicais outra investigación histórico-sociolóxica poda completar á paleobotánica.

    https://flic.kr/p/RboG8y

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.