Val do Cancelo e localización de Cova Eirós. Imaxe: Fábregas et al. (2020).
Val do Cancelo e localización de Cova Eirós. Imaxe: Fábregas et al. (2020).

A ‘Fisterra’ en Cova Eirós: o límite occidental da arte rupestre paleolítica

Unha investigación na que participa a USC afonda no coñecemento do xacemente lucense e abre a porta á existencia de enclaves semellantes en Galicia

Desde que en 2008 se comezaran a desenvolver os traballos arqueolóxicos en Cova Eirós, na localidade de Triacastela, o xacemento está a achegar de forma periódica novos datos sobre o seu papel na historia da arte rupestre paleolítica na península ibérica. O traballo dos investigadores do Grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste-Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (GEPN-AAT) da USC Ramón Fábregas e Arturo de Lombera Hermida, coa colaboración de científicos da Universidad Complutense de Madrid, a Universidade Rovira i Virgili de Tarragona e o Institut Català de Paleoecologia Humana i  Evolució Social (IPHES), que desde hai anos están afondando no xacemento, dá agora un novo paso cun artigo publicado na revista Journal of Archeological Science, onde demostran que as manifestacións artísticas de Cova Eirós amplían a distribución xeográfica e a continuidade cronolóxica da arte de tradición figurativa paleolítica.

É “unha verdadeira Fisterra” da arte paleolítica, segundo os científicos que asinan o artigo, pois con ela se estende o territorio desta arte “alén do núcleo tradicional franco cantábrico”. Eirós atópase a uns 125 quilómetros ao oeste da cova de Peña de Candamo, no val do Nalón (Asturias), que se consideraba o límite de distribución da arte rupestre no norte da península ibérica.

Máis xacementos en Galicia?

Pola composición dos seus solos, o territorio galego non é especialmente propicio para a formación de longas galerías subterráneas nas que se preserven mostras de arte rupestre. As formacións calcarias sitúanse, sobre todo, nas serras orientais, onde se sitúa Eirós. “O descubrimento deste xacemento é unha chamada de atención sobre a posibilidade de que outros xacementos en Galicia con arte parietal puideran pasar desaparcibidos ata hoxe, como noutras zonas nas que non se realizou un exame intensivo das paredes das covas. Así, a combinación de novas técnicas de estudo con novas prospeccións poderían conducir a aumentar o corpus de covas decoradas no noroeste de Iberia”, engaden os autores no artigo.

Ata hai poucos anos, segundo destaca a USC, as manifestacións artísticas dos derradeiros grupos de cazadores-recolledores consistían principalmente en mostras de arte moble (plaquetas gravadas), relata Arturo de Lombera, ao tempo que precisa que o conxunto figurativo de Cova Eirós, xunto co da Cova Palomera, en Burgos, convértense nas únicas cavidades da Península Ibérica con representacións pictóricas e datacións da arte do final do Paleolítico.

Localización dos paneis decorados en Cova Eirós. Imaxe: Fábregas et al. (2020).
Localización dos paneis decorados en Cova Eirós. Imaxe: Fábregas et al. (2020).

As representacións de animais na arte rupestre distínguense polas súas características xeométricas, formas esquematizadas e estilizadas, recheos de liñas internas, propias dunha tradición simbólica pan-europea coñecida como Estilo V, engade o investigador. O codirector dos traballos arqueolóxicos realizados en Cova Eirós sinala asemade que as características técnicas e estilísticas dos motivos e as datacións de Carbono 14 obtidas sobre as propias pinturas rupestres de Cova Eirós confirman unha antigüidade duns 9.500 anos.

Alén destas consideracións científicas xa probadas, o novo estudo amplía a persistencia da tradición figurativa da arte paleolítica e encadra a arte de Cova Eirós entre as últimas manifestacións simbólicas dos grupos de cazadores-recolledores, o que converte o enclave de Triacastela na Fisterra da arte paleolítica.


Referencia: Cova Eirós (Galicia, Spain): The ‘Finisterre’ of Paleolithic cave art (Publicado en Journal of Archaelogical Science).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.