Venres 19 Abril 2024

O verán dos mil mortos pola epidemia en Vigo

O abrocho de febre tifoide deixou en 1914 un total de 994 mortes nunha das crises sanitarias máis tráxicas da historia de Galicia

Ao longo da historia, Galicia enfrontou terribles brotes epidémicos, como a peste negra dende o século XIV, o cólera morbo asiático no século XIX ou a gripe de 1918. Porén, con moito menos nome e relevo histórico, hai pouco más de cen anos a contaminación das fontes públicas por unha bacteria provocou na cidade de Vigo unha devastadora epidemia, que deixou case mil mortos nun só verán. É unha cifra descomunal, nunha das máis grandes traxedias sanitarias que se recordan, pero que quedou esquecida. Foi o abrocho de febre tifoide de 1914 na cidade olívica, que foi atallado con medidas similares ás que hoxe vivimos co coronavirus.

Falamos de febre tifoide (ou febre entérica) e non propiamente de tifo, aínda que popularmente se usen ás veces os dous termos como se fosen semellantes. O que arrasou Vigo aquel infausto verán é o transmitido por variedades da bacteria Salmonella que contamina augas e alimentos. Non é o mesmo que o tifo clásico, provocado pola bacteria Rickettsia, cuxo vector é o piollo. Esta última doenza transmítese por estes parasitos, que poden levar a bacteria nas microscópicas feces que deixan na nosa pel mentres pasean entre os nosos capilares.

Publicidade

Nova en El Correo Gallego do 1 de agosto do 14.

Este tifo máis popular foi compañeiro dos soldados en moitas guerras. Por exemplo, esnaquizou ás tropas de Napoleón cando se enfrontaron en Rusia ao xeneral Inverno. E foi moi grave ata que, no período entre as dúas guerras mundiais, o médico polaco Rudolf Weigl desenvolveu unha vacina. Por certo, para conseguila tivo que introducir bacterias Ricketssia cunha agulla capilar polo ano dos piollos, un a un, para que as cultivasen no seu tracto dixestivo. Para que non valoremos o traballo dos científicos! Aínda hoxe moitos consideran unha grande inxustiza que non recibise o premio Nobel como recoñecemento a tanto esforzo.

Pero o ‘tifo’ que arrasou Vigo aquel verán do ano 1914 era o outro: a febre tifoide, que adoita transmitirse pola contaminación das fontes públicas. As variedades de Salmonella que o provocan infectan ao paciente, que as disemina polas feces e, finalmente, en condicións de escasa hixiene, propáganse entre a poboación, sobre todo se chegan aos mananciais.

Nicolás Taboada: un médico galego fronte ós ‘anticontaxionistas’

Ese mesmo ano, en Barcelona, un brote de febre tifoide deixou alí 25.000 enfermos e algo máis de 2.000 falecidos. Aquelo aínda hoxe é lembrado na Cidade Condal como unha das súas máis terribles epidemias. Pero aquelas cifras non resisten a comparación co que viviu Vigo, onde ese ano morreron polo brote 994 veciños. É certo que o dato é a metade. Pero Barcelona tiña entón máis de 600.000 habitantes. E Vigo, 45.000. Porcentualmente, faleceu aquí máis do 2% da poboación.

Foi grazas ao Laboratorio Municipal, o primeiro de Galicia e un dos pioneiros en España, que se puido conter aquel abrocho. Así, fixeron análises das doce fontes públicas que había no casco urbano, segundo o censo de 1908. E, aínda que había unha Sociedade Anónima de Abastecemento de Augas, que levaba a modernidade da billa aos fogares máis podentes do centro da cidade, a meirande parte dos vigueses seguía acudindo a coller auga cada día a mananciais como os da Baroca ou da Fonte do Galo. E moitos deles estaban contaminados.

El Correo Gallego pide ‘tomar medidas’ para evitar que chegue a Santiago ‘a peste de Vigo’. 1 de agosto de 1914.

Xa en 1910, o director do Laboratorio Municipal tiña advertido das malas condiciones da auga viguesa “pola presenza de colibacilos”. Pero foi no verán de 1914 cando se desatou a epidemia. E a investigación detectou que mesmo a subministración que servía a compañía de augas estaba tamén infectada porque se fornecía dos mesmos mananciais.

Nos xornais da época, xunto ao parte diario de mortos durante os meses de xullo e agosto de 1914, aparecían as recomendacións do Laboratorio Municipal. Entre elas, consumir a auga e o leite fervidas. E evitar tomar froita. Ademais sinalouse a orixe do brote: as leiras que rodeaban a cidade eran estercadas con feces recollidas dos veciños de Vigo, moitas delas contaminadas. A praga alimentábase a si mesma.

Cada día daquel verán fixéronse análise microbianos das augas. E acometeuse un esforzo de desinfección enorme. Abonda con dicir que nos dez días que van do 13 ao 22 de xullo de 1914, o Laboratorio Municipal desinfectou 194 vivendas da cidade olívica. A nova da ‘peste’ desatada en Vigo espallouse por toda España, ata o punto de que o presidente do Consello de Ministros, daquela o coruñés Eduardo Dato, manifestou en Madrid que estaba disposto a visitar a cidade olívica para dar ánimos aos seus veciños.

O presidente do Consello de Ministros, Eduardo Dato, propón visitar Vigo para dar ánimo á poboación. (El Correo Gallego, 28 de xullo de 1914)

Chegado setembro, o brote de febre tifoide remitiu, tras levar a vida de 994 vigueses en pouco máis de dous meses. Como comparación, a chamada ‘gripe española’ deixaría catro anos máis tarde menos de 600 mortos na mesma cidade. E se o comparamos coa actual pandemia do coronavirus e os datos de Galicia podemos facernos unha idea da magnitude daquela traxedia.

Nos veráns sucesivos, comezaron análises rigorosas da auga das fontes públicas e o servizo tivo por fin garantías sanitarias cando foi municipalizado o abastecemento en 1925. Pero aquel abrocho de febre tifoide pasou ao esquecemento tras a súa enorme devastación. Nunca tivo o prestixio da súa maxestade a Gripe  de 1918. Pero deixou un desastre en vidas humanas perdidas por unha praga que chegou pola auga.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023