Sábado 20 Abril 2024

A alfaia do pai da microbioloxía que acabou en Galicia a través de eBay

A Xunta tramita a declaración como BIC dun microscopio de Antony Van Leeuwenhoek, datado a finais do século XVII, adquirida na Internet por un doutor vigués

As canles que atravesan as cidades dos Países Baixos son un caramelo para os apaixonados ao coleccionismo e á arqueoloxía de todas as épocas. As dragaxes periódicas que se realizan en cidades como Amsterdam fan agromar moitos séculos de historia mesturados na lama. E unha delas, feita nos anos 80 na cidade de Delft, entre A Haia e Róterdam, desembocou nunha noticia coñecida esta semana: a Xunta de Galicia iniciou os trámites para declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) un microscopio do científico Antoni van Leeuwenhoek (1632-1723), considerado un dos pais da microbioloxía e unha das primeiras persoas en observar directamente bacterias, protozoos e espermatozoides. Esta xoia científica, hoxe en propiedade dun doutor vigués, estaba no medio daqueles lodos da dragaxe das canles de Delft, onde pasou a súa vida Van Leeuwenhoek. Que pasou neste tempo?

Un detector de metais, un portal de venda en liña e unha análise en Cambridge

É moi difícil indagar como acabou un dos microscopios de van Leeuwenhoek na canle. Hai quen manexa a idea de que, nunha arroutada ante a frustración dalgún estudo, o investigador golpease o aparello e o guindase á auga, porque a lente está danada e rota. Si se sabe con certeza que os fondos das canles de Delft aproveitáronse na construción dun parque da cidade. E houbo quen pensou en atopar algunha xoia na lama do lugar no que naceran, no mesmo ano (1632) van Leeuwenhoek e o pintor Johannes Vermeer. Armados con detectores de metais, algúns afeccionados rastrexaban o parque na procura dalgún sinal. En decembro de 2014, un aparello anunciou que algo había no aparentemente anódino chan do parque.

Publicidade

O autor do achado publica un anuncio en eBay, portal de Internet dedicado á venda en liña: cun prezo de saída de 50 euros, podían adquirirse, ademais do microscopio centenario, unhas moedas da antiga Compañía das Indias de Orientais, que tivo en Delft unha das súas sedes, e algúns aparellos médicos. Foi precisamente un doutor vigués, Tomás Camacho, responsable de análises clínicas no centro VithasLab, o que comezou a poxar. Camacho, xunto á otorrina Estrella Pallas, do Hospital Álvaro Cunqueiro, posúe unha das meirandes coleccións de microscopios do mundo, e caeu na conta de que aquel aparello era moi relevante. Non reparara no mesmo o seu descubridor, que puxo á venda o lote describíndoo como “instrumentos de pintura”.

Lote vendido en eBay e adquirido por Tomás Camacho. O microscopio está no centro, na parte de abaixo, coa placa xirada 90º. Fonte: Brian A. Ford (Laboratory News).
Lote vendido en eBay e adquirido por Tomás Camacho. O microscopio está no centro, na parte de abaixo, coa placa xirada 90º. Fonte: Brian A. Ford (Laboratory News).

Despois da primeira oferta, e diante da posibilidade de que se tratase dun obxecto prezado, Camacho elevou a poxa a 1.500 euros, segundo contaba esta semana a ElDiario.es. A compra péchase, pero ademais do primeiro comprador, hai máis xente que ve que naquel lote pode haber unha xoia. Segundo lembraba o doutor en varias entrevistas realizadas nos últimos anos, o vendedor comeza a recibir ofertas moito máis elevadas pola peza. Non andarían lonxe, seguramente, do medio millón de dólares que acadou outro dos microscopios de van Leeuwenhoek en Christie’s no ano 2009. Ofertas semellantes recibiría anos despois o propio Camacho.

Entón comezan as evasivas desde os Países Baixos. O vendedor di primeiro que perdeu o obxecto, que o botou sen querer ao lixo despois dunhas obras da casa. Pero Tomás Camacho xa tiña amarrada a compra, e asegurouse o asesoramento legal preciso para non perder a peza. Despois duns meses de litixios, recibiu o microscopio.

Para confirmar a súa valía, o doutor galego acode ao laboratorio Cavendish da Universidade de Cambridge. Un dos maiores expertos no legado de van Leeuwenhoek, Brian J. Ford, que dedicou máis de 40 anos de vida aos microscopios do científico holandés, comproba con detalle que o obxecto é auténtico.

Nunha análise en Nature publicada en maio de 2015O misterio do microscopio na lama, Ford confirma o valor real da alfaia, despois dos estudos realizados mediante difracción e raios X, espectrometría e microscopía electrónica. Apunta que “non pode ser unha réplica”, pois é “pouco probable” que fose producido con “métodos mecánicos modernos”, porque a composición do latón e as marcas que ficaban no aparello, entre outros sinais, se corresponden coa época na que viviu o científico holandés.

Na análise describíronse máis detalles: consta de dúas placas de metal, no medio das cales se atopa a lente, ademais dos correspondentes parafusos de axuste para a mostra. Posúe unhas dimensións de 39×19 mm e un aspecto moi similar a simple vista ao que, actualmente, se atopa no museo Boerhaave de Leiden, o único dos nove orixinais que ten buratos na base no parafuso, polo que se considera o seu “irmán mellizo”. Entre outras observacións, chamou á atención a importante abrasión que presentaba a superficie da lente. A partir disto, a reconstrución dos perfís da lente con base na superficie puída que sobreviviu, permitiu recrear a aparencia orixinal da lente.

Ao finalizar a análise, en xullo de 2015, Brian Ford viaxa a Vigo, onde se encontra con Tomás Camacho e o alcalde da cidade, Abel Caballero. Os tres presentan aos medios o minúsculo microscopio.

Exposicións e protección como BIC

Despois de que se confirmase o seu valor, a Tomás Camacho comezan a chegarlle un feixe de ofertas para expoñer o microscopio. Pasa por Madrid, París, Moscú, o Museo de Historia Natural da USC en Santiago ou o Museo da Evolución Humana de Burgos. Chega a oferta de máis de 500.000 euros. Pero o coleccionista vigués non o vende, e danse os primeiros pasos cara o seu recoñecemento institucional.

Tomás Camacho e Estrella Pallas, donos da colección de microscopios na que se inclúe o aparello de Antoni van Leeuwenhoek, na exposición realizada en 2016 no Museo de Historia Natural da USC. Foto: USC.
Tomás Camacho e Estrella Pallas, donos da colección de microscopios na que se inclúe o aparello de Antoni van Leeuwenhoek, na exposición realizada en 2016 no Museo de Historia Natural da USC. Foto: USC.

Agora, o ben quedará protexido publicamente unha vez se complete o procedemento para declaralo Ben de Interese Cultural (BIC) anunciado no Diario Oficial de Galicia do pasado luns 14 de xuño. Este paso levará á “máxima protección e tutela” do microscopio, para garantir “que non se poñan en perigo os valores que aconsellan a súa protección”. É o primeiro instrumento científico protexido patrimonialmente pola Xunta, segundo destaca o Goberno galego.

Deste xeito, a declaración como BIC supón o “deber de conservación” por parte do posuidor, o dereito de acceso para investigación e visita pública (isto é, permitir a exposición temporal ou permanente do obxecto), entre outros requerimentos que garantan a preservación do ben.

Os microscopios de van Leeuwenhoek

Os aparellos que permitiron a Antoni van Leeuwenhoek observar por primeira vez algúns microorganismos foron posibles grazas ao desempeño da súa profesión. Entre moitas outras cousas, foi comerciante de teas, polo que ideou un enxeño que lle servise para comprobar con exactitude a calidade do xénero.

Con este obxectivo, arredor de 1668 viaxou a Londres, onde conseguiu o libro Micrographia de Robert Hooke, unha das primeiras obras de referencia para o desenvolvemento de microscopios. Nas imaxes facilitadas pola Xunta vese unha primeira edición do libro, que tamén forma parte da colección de Tomás Camacho. A través dela, o comerciante aprendeu a técnica de construción de microscopios simples e comezou a producir os seus propios dispositivos, mesmo perfeccionando os existentes.

Primeira edición de "Micrographia", xunto ao microscopio de van Leewenhoek, que forman parte da colección de Tomás Camacho, expostos no MHN-USC. Foto: USC.
Primeira edición de “Micrographia”, xunto ao microscopio de van Leewenhoek, que forman parte da colección de Tomás Camacho, expostos no MHN-USC. Foto: USC.

Este fito dá conta da personalidade de van Leeuwenhoek, cunha enorme capacidade de observación, paciencia e minuciosidade coas que conseguiu (sen ter formación estritamente científica, por tanto autodidacta) pasar á historia como un dos pais da microbioloxía.

Para isto usou unhas lentes diminutas de gran calidade fabricadas en vidro, cristal de rocha ou diamante, que puía a man e fixaba entre dúas pequenas placas de metal perforadas. Consideraba que as lentes simples biconvexas, moi pequenas, dotadas dunha gran curvatura, e de curta distancia focal, eran preferibles aos microscopios compostos empregados nese momento. A clave do seu éxito residiu na iluminación de campo escuro, é dicir, nunha iluminación lateral dos obxectos que facía resaltar os contrastes contra un fondo escuro. Deste xeito acadou máis de 260 aumentos, moito máis cós creados por Hooke. A lente conservada en Galicia ten 180 aumentos, polo que é o  terceiro de maior calidade, despois dos do University Museum de Utrecht (266x) e o Planetarium Zuylenburgh de Oud-Zuilen (248x).

O exemplar adquirido por Tomás Camacho é o único microscopio orixinal do investigador holandés que se coñece en España. Consérvanse apenas nove en todo o mundo, feitos en latón ou prata. A peculiaridade do conservado en Galicia recae en que “é o irmán xemelgo do que existe no Museo Boerhaave de Leiden, ben que ten un aumento maior e, como aquel, presenta unha característica única: tres buratos no parafuso”, segundo explica a Xunta de Galicia.

Con todo, crese que durante a súa vida, o autor holandés chegou a facer máis de 500 aparellos. Pero gardouse moito de manter en segredo os seus avances. Apenas existe documentación sobre as técnicas de fabricación. Segundo destaca o microbiólogo Ignacio López Goñi, tardouse case 200 anos en desenvolver unha técnica equivalente. Engade que “probablemente van Leeuwenhoek destruíu moitos dos seus telescopios”. Crese que regalou dous deles á raíña María II de Inglaterra, que nunca se atoparon. Outros 26, cedidos á Royal Society de Londres, perdéronse xunto a documentación valiosa sobre eles nun incendio. Ao longo dos séculos, ata hoxe, boa parte do seu legado esvaeceuse. Pero en Galicia pervive, en 2021, un dos primeiros obxectos que axudou ao ser humano a observar o que durante moito tempo foi invisible aos ollos. E que resulta esencial, como é patente no tempo no que un minúsculo virus parou o mundo, para o avance e o coñecemento da humanidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Tres turistas entran en Cova Eirós e provocan un incendio de 5.000 metros no monte

É o xacemento de arte rupestre máis antigo de Galicia, que logrou salvarse grazas á colaboración dos veciños que deron a alerta do lume

O uso sen límites dos antibióticos mata

O crecente problema da resistencia bacteriana fai necesario que o uso dos fármacos antimicrobianos sexa responsable e proporcionado

Que bacterias hai na miña goma de mascar?

Un equipo español acaba de gañar un premio Ig Nobel, que recoñecen investigacións curiosas e graciosas, por analizar a microbiota presente nestes produtos