Sábado 20 Abril 2024

60 anos do ‘Janina’, a primeira marea negra de Galicia

Galicia non esquece o desastre do Prestige, do que este ano se cumpre o 15 aniversario. Tampouco, as do Mar Exeo (1992), Urquiola (1976) e Polycommander (1970). Pero poucos recordan a primeira marea negra do país: a catástrofe do Janina, da que se cumpren 60 anos.

Nova do Janina en El Pueblo Gallego.
Nova do Janina en El Pueblo Gallego.

En xaneiro de 1957, o incendio deste petroleiro francés abriu a lista negra, afectando ás Rías Baixas, con especial incidencia nas illas Cíes, nunha época na que os controis medioambientais eran menores e son poucos os datos sobre as consecuencias sobre o ecosistema.

Publicidade

Hai que destacar que son falsas todas as datas publicadas ata o de agora sobre o sinistro do Janina. Copiadas unhas doutras, mesmo o CEDRE francés ou a Wikipedia afirman que o seu naufraxio se rexistrou o 18 de xaneiro de 1957. Pero hai noticias dos diarios publicadas dende o día 16. Porque, en realidade, a data auténtica foi o 15 de xaneiro.

O Janina, construído en 1948, era un petroleiro francés que naquela viaxe de 1957 transportaba 10.000 toneladas de cru dende o porto soviético de Odessa ao seu destino en Finlandia. Non era pequeno para a súa época, pero non resistiría a comparación co Prestige, que naufragou con 77.000 toneladas, o que multiplicaba por 8 a capacidade de carga deste ‘tanker’ galo.

Os tripulantes do petroleiro foron rescatados e trasladados ao porto de Vigo

Un incendio foi a causa do desastre do Janina, que non se produciu en Galicia, senón fronte á costa portuguesa, aínda que a marea negra posterior chegase á costa galega. O lume comezou na tarde do martes 15 de xaneiro e a tripulación abandonou o barco esa noite, cando se viu incapaz de sufocar as chamas. Os náufragos foron recollidos por diversos buques e, na súa maior parte, foron trasladados ao porto de Vigo.

“O petroleiro francés ‘Janina’ arde á altura de Viana do Castelo‘, titulou El Pueblo Gallego na súa edición do mércores 16 de xaneiro de 1957. “Un barco alemán salvou a 19 dos tripulantes, pero se descoñece a sorte dos 38 restantes”, engadía o diario. A información detalla que o incendio se desatou no Janina a unhas corenta millas da costa de Portugal: “Segundo parece, o lume tomou gran incremento dende os primeiros instantes, e aínda cando a tripulación composta por 57 homes loitou co maior entusiasmo para dominalo, viuse precisada de dar chamadas de socorro en vista da inutilidade dos seus esforzos”.

Nova no 'Canberra Times'.
Nova no ‘Canberra Times’.

O barco alemán que acudiu no seu axilio era o ‘Johann Strauss‘, que conseguiu embarcar a 19 tripulantes do petroleiro incendiado, deixando abandonado ao Janina. Noutra información, dáse noticia da chegada a Vigo dos sobreviventes do petroleiro. “Dos vinte náufragos chegados a Vigo foron conducidos 16 polo mercante alemán Troyburg e os outros catro polo dragaminas inglés Barbican”, explica El Pueblo Gallego, que destaca que entre os sobreviventes “atópase o único español enrolado a bordo, chamado Juan Antonio Hernández Álvarez, natural de Málaga, quen relatou con todo detalle as incidencias do sinistro”.

Segundo este testemuño, o lume comezou á tardiña do martes 15 de xaneiro. A tripulación tentou sufocar as lapas pero, coa entrada da noite, a misión foi imposible. “Acudiu en primeiro lugar ás chamadas de auxilio do buque un mercante ruso, que parece ser se negou a prestarlles auxilio”, narra o xornalista. Ante o perigo do incendio, os mariñeiros do Janina abandonaron o buque en varios botes. Algúns destes homes foron rescatados polo mercante francés Nicole Chiaffin, que os levou directamente ao seu país. Pero a Vigo chegou o capitán do petroleiro, Henry Pelliet.

Tras o Janina chegaron o Yanxilas (1965), o ‘Spyros Lemnos’ (1968), o ‘Polycomander’ (1970), o ‘Urquiola’ (1976), o ‘Andrios Patria’ (1978), o ‘Mar Exeo’ (1992) e o ‘Prestige’ (2002). Esas foron as 8 mareas negras para Galicia. Cúmprense agora 60 anos da primeira. E levamos 15 anos dende a última, o período máis longo sen estas catástrofes dende que comezou a serie.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O buque que verteu fuel na Arousa deberá pagar unha fianza de 230.000 euros

O barco WEC Vermeer está retido no porto de Vigo e xa recoñeceu que soltou arredor de 150 litros de combustible ao mar

Aparecen “galletas” de chapapote en praias da Illa de Arousa

Salvamento Marítimo desprega un dispositivo na zona e un buque está retido no Porto de Vigo baixo a sospeita de ter verquido augas residuais

Atopan un fungo capaz de facer desaparecer o chapapote

Un novo método empregando Aspergillus niger conseguiría limpar as praias de verteduras accidentais de diésel