Ilustración de Willy Stower do afundimento dun buque aliado por un U-boot en 1915.

400.000 pesetas por ‘cazar’ un submarino

Na I Guerra Mundial, o submarino pasou de anécdota a se converter nunha arma decisiva. Os U-Boot alemáns foron un pesadelo para a frota mercante da Tripla Entente. E a caza dos somerxibles foi toda unha obsesión para os aliados. Cando estala o conflito, en 1914, o submarino xa é un artefacto ben coñecido. Isaac Peral botara o seu artefacto, de 20 metros de eslora e propulsado con enerxía eléctrica, en 1888, dez anos antes de que Sanjurjo Badía probase na ría de Vigo a súa máis rudimentaria “boia lanzatorpedos”. Pero xa existían unidades militares moito antes. En 1776, en plena Guerra de Independencia dos Estados Unidos, o “Turtle“, do enxeñeiro David Bushmnel, xa tentara afundir ao británico HMS Eagle na baía de Nova York.

U-boote alemáns en Kiel en 1914. Foto: Wikimedia.
U-boote alemáns en Kiel en 1914. Foto: Wikimedia.

En Dresde, consérvase ao “Brandtaucher“, o “Mergullador incendiario”, botado na baía de Kiel por Wilhelm Bauer en 1851. Na Guerra Civil estadounidense, houbo moitos submarinos en acción, como o “Alligator”, que colocaba minas detonadas eléctricamente nos barcos inimigos. Mentres que o exército confederado usaba o “Pionner“, de 9 metros de eslora, que tivo varias accións de combate en 1863. Un ano despois, o seu xemelgo “Hunley” afundía ao USS Housatonic na baía de Charleston. Máis tarde, en 1865, botouse en Suecia o “Nordenfelt”, de motor de vapor, armado cun torpedo e con autonomía para 240 quilómetros. E non esquezamos que o “Ictíneo II“, de Narciso Monturiol xa navegaba en 1864 por Barcelona, cos seus 17 metros de eslora.

Pero quizais o invento clave chegou 3 anos antes que a “boia lanzatorpedos” viguesa. Foi o submarino do inventor irlandés John Philip Holland, que por primeira vez incorporaba un motor de combustión interna en superficie e un motor eléctrico alimentado por baterías baixo da auga. Foi botado en 1895 e vendéronse varias unidades a Estados Unidos, Reino Unido, Rusia e Xapón. O que nos demostra que, cando o afundimento do acoirazado “Maine“, en Cuba, os norteamericanos xa posuían a arma submarina.

A caza dos U-boot alemáns converteuse nunha obsesión para os aliados

A creación do dobre motor, que permitía boa velocidade en superficie e longo tempo de inmersión co propulsor eléctrico, foi definitivo no desenvolvemento dos submarinos das dúas guerras mundiais. Especialmente, na primeira, cando Alemaña apostou pola arma mergullada para castigar á frota mercante da Entente. Os U-boot xermanos foron na Grande Guerra os grandes protagonistas da guerra naval, usados masivamente e temidos polos mercantes inimigos.

Así que a caza do submarino se converteu nunha obsesión. Que se desatou de forma especial en Galicia, cuxos portos eran base de repostaxe habitual para a frota alemá, ben que de xeito secreto. Axentes dun e doutro bando en conflicto traballaban para dar acubillo aos U-boot ou para sinalar posibles obxectivos; mentres os aliados tentaban sabotar estas operacións ou informar dos movementos dos somerxibles xermanos.

En Vilagarcía, por exemplo, a rede francesa de espionaxe estaba dirixida por un axente con nome en clave Maudit, que traballaba en colaboración co cónsul inglés, Reinaldo Cameron-Walker, e o cónsul francés, Eduardo Caamaño. Ambos tiñan como adversario ao empresario e cónsul alemán García Reboredo, navieiro propietario de varios transatlánticos que cubrían a ruta con América. Paralelamente, daba un importante apoio aos U-boot, aproveitando as súas propias infraestruturas portuarias.

Tripulantes dun somerxible.
Tripulantes dun somerxible.

En Vigo, o vicecónsul alemán Richard Kindling era un membro destacado da boa sociedade, mentres organizaba o abastecemento de somerxibles ou a espionaxe xermana. Vigo era un caso especial en Europa, porque mantiña retidos oito barcos mercantes alemáns, entre eles o Goeben, que coas súas 8.800 toneladas era a unidade máis importante da frota internada, e que chegou a ser utilizado como central de comunicacións por radio para a frota xermana.

A actividade principal dos alemáns era fixar obxectivos para os U-boot. “Había xente que estaba dedicada case en exclusiva a ver os barcos que entraban, o cargamento que levaban e como se chamaban”, como explica o investigador José Antonio Tojo Ramallo. A súa información era moi valiosa. En catro anos de contenda, case 400 buques foron afundidos en augas galegas.

Desde a cidade olívica, o sempre activo vicecónsul Kindling organizaba tamén unha base secreta para submarinos no porto da Guarda. Protexer ou loitar contra os submarinos alemáns converteuse, por tanto, na gran batalla da espionaxe en Galicia.

Corcubión tamén foi un porto importante na escala dos U-boot alemáns na Grande Guerra. Ata o punto de que, en 1917, o agregado naval Von Krohn propuxo que se concedese a Orde da Aguia Vermella ao vicecónsul neste porto coruñés, Manuel Miñones Barros, activo organizador do abastecemento a submarinos.

Submarino na I Guerra Mundial.
Submarino na I Guerra Mundial.

Os aliados chegaron a ofrecer fortes sumas de diñeiro por información que permitise afundir aos temibles U-boot. O historiador Eduardo González Calleja afirma que os franceses pagaban 75.000 pesetas a quen permitise interceptar un somerxible en pleno avituallamiento, cifra que se elevaba a 200.000 se era afundido e 400.000 se era capturado. Nin que dicir ten que falamos de toda unha fortuna naquela época.

Estas cifras pagábanse tamén en Galicia, que era o gran refuxio dos sumergibles alemáns durante a I Guerra Mundial. Algún espía, oficial ou espontáneo, que tamén estes últimos abundaron en España durante a contenda, puido facerse rico só con observar a costa e dar a voz de alarma aos axentes aliados.

Para comprobar que supoñían 400.000 pesetas de 1914 abonda ir aos prezos da época. Tomemos como exemplo o que custaba un gramófono, a última tecnoloxía da época, só apta para os petos máis podentes. No diario ABC atopamos un anuncio co formidable prezo de 282 pesetas, pagable en cómodos prazos de 11,82. Nin que dicir ten que a caza do submarino era un suculento negocio.

Malia o esforzo dos aliados para evitalo, e as fortes recompensas ofrecidas, o certo é que os submarinos U-boot alemáns repostaron en Galicia en numerosas ocasións e combateron fronte a estas costas, afundindo centos de buques mercantes inimigos. En ocasións, os espías viviron momentos de grande tensión, como cando o embaixador inglés Arthur Henry Hardinge denunciou, en maio de 1918, que o vapor “Niedenfelds”, bloqueado en Vigo, fixera sinais e abastecera a un U-boot no medio da ría.

Pero estas queixas diplomáticas, que provocaban malestar no propio goberno español, non impediron o apoio de axentes xermanos nos portos galegos. Anos máis tarde, na Segunda Guerra Mundial, regresaría a consideración de Galicia como base de abastecemento para os U-boot de Doenitz. Pero o traballo previo xa estaba feito dende a Grande Guerra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.