Venres 29 Marzo 2024

21 de outubro de 2015: o futuro que non chegou

En decembro de 1989 chegaba ás carteleiras a segunda parte da saga Regreso ao futuro, unha película na que se retrata o que entón era un afastado 21 de outubro de 2015. Case 26 anos despois, os afeccionados celebran a efeméride. Recentemente chegado do seu anterior periplo temporal, Marty McFly debe embarcarse nunha nova aventura cando o seu amigo Doc aparece de súpeto cunha versión modernizada do coche DeLorean. Un modelo que pode adquirirse en Galicia de segunda man, xusto nas datas nas que o filme fixa a chegada de McFly. Doc pide ao mozo que viaxe ao futuro para solucionar un problema coa lei que terá en outubro de 2015 un dos seus fillos.

O monopatín voador que usou Marty McFly.
O monopatín voador que usou Marty McFly.

Así comeza a segunda entrega da película Regreso ao Futuro. Nela, os tres viaxeiros emprenden unha travesía algo caótica que lles leva ao 21 de outubro de 2015, xusto 26 anos despois da súa estrea nos cinemas de todo o mundo. Con esa data, afeccionados e expertos levan meses falando de robocordóns, patíns voadores e demais chiscadelas que a ficción presentou nun futuro que agora é o noso presente.
Orixinariamente Regreso ao Futuro, dirixida por Robert Zemeckis, non estaba concibida como unha triloxía. A segunda (1989) e a terceira (1990) parte creáronse polo éxito da primeira (1985). Ambas as secuelas, sendo películas moi distintas, graváronse á vez e desenvolven dúas perspectivas de viaxes no tempo, unha cara ao futuro (II) e outra cara ao pasado (III).

O monopatín voador non existe pero a empresa Lexus ten un prototipo

“Na segunda parte o concepto de paradoxo temporal amplíase e xa podemos falar de efecto bolboreta, é dicir, como un pequeno cambio pode modificar toda a realidade. Na primeira película eses cambios soamente se ven en fotografías; xa na segunda preséntase unha alternativa do futuro”, afirma José Rovira Collado, experto en ciencia ficción do departamento de Innovación e Formación Didáctica da Universidade de Alacante.
“Neste sentido é moi interesante e divertida a reflexión que se fai na oitava tempada da serie Big Bang Theory sobre as liñas no tempo en Regreso ao Futuro II”, continúa Rovira.
Pero, tan diferente era o Hill Valley de 2015 do que sería na actualidade? Obviando o feito de que hoxe en día non existen máquinas do tempo como tal, na película aparecen gadgets inalcanzables aínda, outros totalmente superados e moitas curiosidades sobre unha época moi afastada e prometedora desde unha visión dos anos oitenta do século XX.
Como explica Luís Martí, investigador que na actualidade traballa no laboratorio de Intelixencia Computacional Aplicada da Universidade de Río de Janeiro (Brasil), “o noso 2015 é bastante parecido ao 2015 da película”.

Gafas de realidade aumentada, anticipo das Google Glasses.
Gafas de realidade aumentada, anticipo das Google Glasses.

“O equipo de produción da película fixo un traballo moi interesante pensando como a tecnoloxía afectaría á vida das persoas normais. Outras películas antolóxicas, como ‘2001: Unha odisea do espazo‘, sitúanse nun contexto de alta tecnoloxía e, polo tanto, ata certo punto máis doado de concibir, imaxinar e predicir”, continúa Martí.
Con todo, na opinión de José Manuel Molina López, científico do departamento de Ciencia Computacional da Universidade Carlos III de Madrid, “os verdadeiros cambios que produce a tecnoloxía son imprevisibles porque non son melloras ou adaptacións de cousas que coñecemos, son rupturistas”.
Para Molina, estas melloras son difíciles de predicir: “Un coche que voa é un avance sobre o coche que temos actualmente, pero en todas as películas onde aparece ese concepto podemos ver rúas (aínda que sexan aéreas), atascos, etc. É dicir, que aínda que nos imaxinemos que a máquina fai a súa función ‘mellor’, non somos capaces de supoñer a interacción“.
Un caso paradigmático son as redes inalámbricas. De feito, na ficción non aparecen os teléfonos móbiles. “Coa cantidade de películas que visitaron o futuro con máis de 15 anos, ningunha imaxinou o teléfono móbil que hoxe todos levamos no peto”, engade. En cambio, saen cabinas de teléfono “hoxe en día de uso case simbólico” e máquinas de fax por todos lados. “Agora mesmo eu non se onde está o fax do meu departamento. Sei que hai un porque teño o número na miña sinatura do correo electrónico, pero nada máis”, chancea Martí.
De todas as ideas que se imaxinan na película, algunhas se fixeron realidade. Así, na cinta prodúcense varias comunicacións entre persoas mediante videoconferencias, habituais na actualidade. Tamén aparecen drones. “Realmente son cámaras que filman de forma autónoma ou remota, pero a idea é similar á dos drones que se utilizan hoxe en día para tomar imaxes de conflitos armados”, apunta Molina.

Publicidade

O filme anticipa novas videoconsolas e Internet, pero mantén a tecnoloxía do fax

Hai outras tecnoloxías que aparecen na ficción e no noso 2015 de forma semellante, aínda que non exactamente igual. Por exemplo, na película queda implícito que os computadores están interconectados entre si, pero nós usamos Internet dun xeito máis directo. Doutra banda, aparecen lentes de realidade aumentada, ou polo menos iso parece, coas que os actores poden ver películas ou interaccionar mediante instrucións vocais. Poderíamos dicir que estas lentes anticipan o fenómeno das ‘Google glasses‘. “Esta idea é actualmente unha realidade, aínda que se cadra non con tantas funcionalidades”, continúa o experto.
Con respecto á lectura de impresións dixitais, está á orde do día. Por exemplo nos caixeiros automáticos de Brasil no canto de teclear o código PIN, para acceder á conta ponse o dedo e lese a pegada dactilar. “Claramente niso acertaron de pleno; tamén é certo que na súa época esa tecnoloxía estaba na mente dos científicos”, subliña.

O uso do fax no 2015 é un dos grandes erros do filme.
O uso do fax no 2015 é un dos grandes erros do filme.

Ademais, os nenos na sala de videoxogos xogan coma se tratásese da videoconsola Kinect, da marca Xbox One, xa que non teñen mandos clásicos nas máquinas. “Aínda que a idea de?sala de videoxogos está obsoleta hoxe, os nenos xogan sen tocar nada e é a propia máquina a que interpreta os seus movementos”, confirma Molina. “O que desde logo non temos son coches voadores ecolóxicos”, chancea.
Para Martí, o fallo principal está nas fontes de enerxías e os medios de transporte. “Na película aparece un mundo ecoloxicamente correcto, onde o depósito dun coche pódese encher cunha casca de plátano. Neste caso poderiamos dicir que o fallo foi noso por non solucionar a nosa dependencia dos combustibles fósiles. Creo que a industria automobilística xa decidiu que ten que innovar de forma radical”.
Outro aspecto destacado é a supresión dos avogados nos xuízos. De feito, Doc coméntalle a Marty como, desde entón, “o sistema xudicial vai como a seda”. “É interesante a idea dos xuízos automatizados nos que cada parte presenta o seu caso e o computador analiza todas as leis e toma unha decisión. Coñezo a uns informáticos en Madrid que están a desenvolver esta idea como parte dos procesos de mediación”, sostén.
Iso si, os zapatos “robóticos” non existen por agora. Talvez porque en realidade non hai unha necesidade real de usalos. En cambio, si que existen zapatillas intelixentes que recompilan información sobre o uso ou mesmo se adaptan á actividade que se está realizando. “Hai que diferenciar entre tecnoloxías transcendentes e chiscadelas tecnolóxicas”, sostén Martí. “Por exemplo, non é o mesmo acertar no uso ubicuo en casa dos computadores, o que agora se chama internet das cousas ou a intelixencia ambiental, con predicir zapatos que se acordoan sós”.

Os zapatos robóticos non existen, pero sí roupa que recompila información

As predicións sempre son arriscadas, pero quizá nun futuro non moi afastado esa tecnoloxía soñada e a realidade poidan fundirse. “Empezamos a ter sensores ou dispositivos nas persoas, e son elas as que envorcan esa información na rede. Tras a súa análise imos ter moito coñecemento e moito poder. Viviremos nun xigantesco gran irmán onde todo vai estar controlado, pero o problema do control é quen controla aos controladores”, subliña Molina. O experto interpreta que a tecnoloxía estará inmersa na realidade e veremos a realidade a través dos aparellos tecnolóxicos. Un ambiente intelixente e unha realidade virtual, sensores e gadgets para facilitarnos a vida e o acceso á información, xunto a dispositivos que nos permitan ver a realidade e toda a información asociada.

As marcas (Nike) estaban moi presentes no filme.
As marcas (Nike) estaban moi presentes no filme.

Pola súa banda, Martí indica que, no campo da informática, resolverase cada vez mellor o problema da interface entre a tecnoloxía e as persoas. “As interfaces táctiles, dos xestos e por voz poden revolucionar a nosa interacción coa tecnoloxía. Seguramente a faremos cada vez máis adaptada a nós, chegando ao momento de eliminar a separación entre máquina e persoa”.
Outro punto que é xa unha realidade é o uso de computadores de alto desempeño e técnicas de intelixencia artificial para extraer coñecemento de grandes cantidades de datos. Esta área, coñecida como “Big Data” permitirá predicir tendencias, clima, tráfico e moitas outras aplicacións.
“Isto combínase co que se chama a singularidade tecnolóxica. Hai varios ‘pensadores’ que cren que vai emerxer unha intelixencia artificial superior máis aló do control humano“, apunta: “doutra banda, espero que vexamos ao fin a chegada da robótica á vida diaria. Un punto moi interesante, e que xa está moi desenvolvido, son os coches que se conducen sós. Se non recordo mal, xa o estado de Arizona permite que os automóbiles robóticos circulen polas súas rúas”.
Tanto se algún día conseguimos alcanzar ese futuro soñado en tantas películas de ciencia ficción, coma se non, as persoas seguimos vivindo cos mesmos problemas, intereses, alegrías e tristezas. A mensaxe de Zemeckis en toda a saga mantense fresco anos despois: as diferentes condicións históricas e tecnolóxicas non cambian o que somos, simples seres humanos.

Aquí temos o vídeo elaborado por The Washington Post que nos explica en que fallou ‘Back to the future’

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Confirmado: 2015 foi o ano máis cálido no rexistro histórico

As temperaturas medias mundiais en 2015 foron as máis calorosas desde...

Estes son os científicos do 2015

Xa está aquí a lista anual coas dez personalidades máis relevantes...

Cambio global. París 2015… ¿Qué vamos a hacer?

¿Cuántos de los que leen esto se cepillan los dientes con...

Aquí están os 10 grandes descubrimentos científicos do 2015

Como cada ano, a prestixiosa revista Science publicou a lista dos...