Venres 19 Abril 2024

1847: un pene amputado inaugura a era da anestesia en Galicia

O catedrático Vicente Guarnerio practicou a mediados do XIX a primeira cirurxía con cloroformo, da que foi pioneira a Universidade de Santiago

Dun tallo preciso, dun só golpe de bisturí e sen que o paciente experimentase a máis mínima dor. Así se produciu a amputación de pene que marcou un fito na historia da medicina en Galicia. Corría o ano 1847 e o catedrático da Universidade de Santiago Vicente Guarnerio practicaba a primeira cirurxía con anestesia, utilizando cloroformo co paciente Domingo Barreiro, de 60 anos, afectado dun cancro de pene.

A operación foi tamén un fito en España, porque por primeira vez se utilizaba anestesia total nun quirófano. E boa parte do mérito foi tamén do químico galego Antonio Casares Rodrigo, quen foi quen de sintetizar o cloroformo necesario para esta pioneira intervención cirúrxica.

Publicidade

O catedrático Vicente Guarnerio, aínda que nado en Albacete en 1818, iniciou a súa carreira docente con grande éxito en Santiago de Compostela, despois de formarse en Salamanca,  Montepellier e na escola de Medicina e Cirurxía do Colexio de San Carlos en Madrid. Finalizada a licenciatura (1841), obtivo o grao de doutor coa súa tese “De  l’ incontinence d’ urine”. Xa en Galicia, obtería o 25 de setembro de 1845 a cátedra de Historia Natural Médica, aínda que semanas máis tarde pasou a dar a materia de Clínica Cirúrxica na Facultade de Medicina compostelá, que impartiu durante cinco anos ata que se trasladou en 1850 a Granada, en cuxa universidade gañou a cátedra de Fisioloxía e Hixiene Privada.

Vicente Guarnerio.

Dise que, na súa decisión de abandonar Compostela, puido influír o conflito que tivo con alumnos e persoal do Hospital Real. E a tensión cos seus discípulos debeu de ser constante, porque está nos arquivos da USC de 1847 un procedemento contra un alumno, chamado Luís Salgado Roffignac, quen foi expulsado da facultade de Medicina porque “atropelló villanamente” a  Guarnerio, unha agresión física que xustificou por ser suspendido na súa materia.

Pouco antes do nadal de 1847, Guarnerio recibe a sorprendente nova do descubrimento da anestesia  clorofórmica, que apenas fora sintetizada e probada uns meses antes en Europa. Inmediatamente, comunica o achado ao seu colega químico Antonio Casares Rodrigo, quen xa estaba a traballar neste composto e conseguira algunha cantidade de  cloroformo polos seus propios medios.

Hai que dicir que tanto o  éter como o cloroformo eran ata entón utilizados máis con fins recreativos que médicos. De feito, había ‘festas do  éter’ entre a ‘high  society’ europea nas que os asistentes experimentaban coa perda de conciencia. Ata que un científico reparou en que aquelas substancias poderían ter unha aplicación práctica en cirurxía.

Apenas pasaron uns meses destes descubrimentos cando xa en Galicia Guarnerio se  apresta a ensaiar a súa aplicación. En dúas semanas, o químico Casares Rodrigo xa conseguiu unha cantidade apreciable de  cloroformo, así que convoca no seu laboratorio a un grupo de cirurxiáns: Guarnerio, González Olivares,  Laorden e La Riva. Tamén asiste a aquela xornada histórica o cartógrafo Domingo Fontán, autor da famosa Carta Xeométrica de Galicia.

Para o experimento utilizouse a un can dogo, “ao que se lle realizaron diversas manobras dolorosas sen que o can dese mostras de sensibilidade”, apunta o investigador Rafael Sisto nunha  monografía sobre Guarnerio: “despois, Casares experimentou o novo  anestésico en si mesmo, chegando a un estado de perda de consciencia e de soño, sensacións que logo describirá e compararía coas do éter”.

O cloroformo revolucionou a cirurxía na segunda parte do século XIX.

Hai que imaxinar a transcendencia destes descubrimentos, pois ata entón as cirurxías facíanse sen anestesia ou utilizando alcol ou cocaína como estupefacientes. En moitos casos, as operacións facíanse atando ao paciente con forza e a rapidez do cirurxián era a única opción para acurtar un suplicio que levaba ao desmaio e non poucas veces á morte.

Por iso o éxito daquel primeiro experimento en Compostela é absoluto e, con grande entusiasmo, os médicos organizan unha sesión de cirurxía para aplicar o  cloroformo xa ao día seguinte. Era o luns 20 de decembro de 1847, cando Guarnerio convocou a todos no anfiteatro cirúrxico do Hospital Real de Santiago, para presenciar a primeira operación en España con anestesia total.

O paciente era o mencionado Domingo Barreiro, de sesenta anos, que padecía cancro de pene.  Guarnerio tendeuno na mesa de operacións e, tras aplicarlle unha  compresa con  cloroformo, o enfermo quedou durmido aos dous minutos, momento en que o cirurxián procedeu a amputarlle o pene, dun só golpe de  bisturí e sen que o paciente sentise ningún tipo de dor. Cando menos, ata que espertou posteriormente.

Aquel éxito da medicina, no que Galicia foi pioneira, tivo unha enorme repercusión. As técnicas que introduciu Vicente Guarnerio foron logo publicadas na Revista Médica. Xornal da Academia de Emulación de Santiago. E tiveron grande impacto, tamén internacional. Os seus “Ensaios sobre o cloroformo” apareceron tamén na  Gaceta Médica.

E así foi como unha penectomía se converteu na primeira operación con anestesia total en Galicia e tamén en España. Apenas uns meses despois de que o mundo coñecese o  cloroformo e aparecese unha nova era para a cirurxía, que deixaba atrás a dor e o padecemento que hoxe semellan máis propios da tortura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Órganos impresos en 3D: a revolución tecnolóxica que está a mudar os quirófanos do país

As simulacións de Cella Medical Solutions pódense usar para a práctica previa e mesmo nas propias intervencións cirúrxicas

A censura aos xornais na Grande Guerra

A propaganda foi unha arma decisiva na I Guerra Mundial e usouse en Galicia en medios convencionais e libelos

Mergulladores e luz para o capitán Nemo

Os respiradores Rouquayrol e as lámpadas Ruhmkorff usadas en Rande inspiraron a Verne en ”20.000 leguas”

O primeiro telegrama a Mondariz

A vila termal foi pioneira do teléfono e do telégrafo para dar servizo aos seus visitantes ilustres