Sábado 20 Abril 2024

15.000 bombas atómicas sobrevoaron Galicia de 1966 a 1968

Nin os labregos, nin as vacas, nin os mariñeiros galegos de hai medio século sabían que todos os días do ano pasaba sobre as súas cabezas a apocalipse. Nada menos que 15.000 bombas atómicas, 250 veces máis potentes que a de Hiroshima, sucaron o ceo de Galicia dende 1966 a 1968 na operación Chrome Dome, a máis perigosa da Guerra Fría. Cada día sobrevoaban o ceo galego entre 3 e 6 avións B-52 Stratofortress, pasando sobre a base de comunicacións americana de Estaca de Bares (A Coruña). Logo, internábanse na península Ibérica e saían ao Mediterráneo por Andalucía, tras tomar combustible en voo sobre España. Un deses avións foi o que perdeu en 1966 as famosas bombas de Palomares (Almería), tras chocar no aire cunha aeronave cisterna K-135 Stratotanker.

Gráfico da United States Air Force (USAF) que sinala a ruta europea da operación Chrome Dome, con Bares como punto de entrada en Galicia.
Gráfico da United States Air Force (USAF) que sinala a ruta europea da operación Chrome Dome, con Bares como punto de entrada en Galicia.

Ninguén nos anos 60 era consciente do perigo da operación Chrome Dome para Galicia. Coñecía os detalles Franco, que desde os acordos de Madrid con Eisenhower en 1953 dera amplas prerrogativas a Estados Unidos para usar o territorio español. Pero nin moito menos era coñecido pola cidadanía que diariamente ducias de armas termonucleares atravesaban o país.
A dinámica diaria dos B-52 consistía en sobrevoar Estaca de Bares, na Coruña, e voar logo sobre Galicia en dirección ao Sueste. Cun teito de voo de 15 quilómetros de altura, por riba dos avións comerciais, eran case indetectables.

As bombas eran de 3,8 megatóns, 250 veces máis potentes que a de Hiroshima

A operación Chrome Dome (‘Cúpula de Cromo‘) fora iniciada en 1960 como un programa de alerta global ideado pola Forza Aérea dos Estados Unidos para a Guerra Fría. Consistía en varios bombardeiros estratéxicos B-52 Stratofortress armados con armas termonucleares con obxectivos asignados na Unión Soviética, voando en horarios que garantisen sempre un número considerable de avións no aire, no caso do estourido da Terceira Guerra Mundial.
Os primeiros anos de Chrome Dome consistían en ter varios B-52, con catro bombas atómicas de 3,8 megatóns (250 veces a bomba de Hiroshima) permanentemente voando sobre o Círculo Polar Ártico. Desde alí, en caso de recibiren a orde de ataque, caerían desde o Norte sobre as cidades da URSS.

Bomba nuclear recuperada en Palomares.
Bomba nuclear recuperada en Palomares.

Non existían aínda os mísiles balísticos intercontinentais e Estados Unidos quería unha resposta rápida e contundente en caso de ataque nuclear. Máis tarde, creouse unha nova ruta que sobrevoaba Groenlandia. E, para rematar, en xaneiro de 1966 comezou a ruta polo Mediterráneo, con patrulla aérea sobre Turquía. Esta foi a parte da operación que trouxo a Galicia máis de 15.000 bombas atómicas.
Cada día, seis B-52 entraban por Estaca de Bares. Esta base de comunicacións fora construída polos Estados Unidos en 1960 e, desde 1961, entrou en servizo ao mando da Garda Costeira dos Estados Unidos (USCG). A base operaba o sistema LORAN (Long Range Navigation) de axuda electrónica á navegación.

Publicidade

Houbo 5 graves accidentes: Palomares, Goldsboro, Yuba City, Mountain Savage e Thule

A operación Chrome Dome sobre Galicia mantívose durante máis de dous anos, ata que foi cancelada o 22 de xaneiro de 1968, tras o grave accidente nuclear de Thule, unha base norteamericana en Groenlandia. Alí se estrelou un B-52 e se produciu unha gran contaminación radioactiva. Washington decidiu cancelar Chrome Dome, polo seu perigo manifesto, pois se trataba do quinto incidente grave, despois de Goldsboro (1961), Yuba City (1961), Mountain Savage (1964) e Palomares (1966).

Centro de transmisións na base estadounidense de Estaca de Bares. Foto: estacadebares.com
Centro de transmisións na base estadounidense de Estaca de Bares. Foto: estacadebares.com

O éxito dos mísiles estadounidenses Atlas e Titán garantían xa nesa época un ataque nuclear intercontinental, sen correr tantos riscos. E Washington sabía que con eles cubrían a disuasiva doutrina M.A.D. (Mutua Destrución Asegurada), a pesares de que para o gran público estes mísiles eran presentados con fins pacíficos, como levar ao primeiro astronauta americano ao cosmos (John Glenn, 1962) ou nas misións Gemini ou Apolo. A realidade era que, mentres se conquistaba o espazo, en realidade a URSS e os Estados Unidos melloraban o seu armamento.
Base estadounidense de Estaca de Bares. Foto: estacadebares.com
Base estadounidense de Estaca de Bares. Foto: estacadebares.com

Calcúlase que nos pouco máis de dous anos que durou Chrome Dome sobre Galicia sobrevoaron o país unhas 15.000 armas termonucleares. Aínda que dar unha cifra precisa non é posible, xa que o número de B-52 era de seis cada día, pero algúns días concretos só sobrevoaban Galicia tres, o que dá un rango de entre 3.000 e 4.500 voos totais, con catro bombas atómicas cada un.
E non. Nin os labregos, nin os mariñeiros nin as vacas que pastaban tranquilamente polas leiras do norte de Galicia sabían que cada día, un tras doutro, de 1966 a 1968, o Apocalipse sobrevoaba as súas cabezas.

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204