Venres 29 Marzo 2024

O Campus do Mar ofrece as correntes da ría de Vigo en tempo real

Estación de Ciencias en Toralla.
Estación de Ciencias en Toralla.

Axuda á navegación, á pesca ou á náutica de recreo. Información para seguir contaminantes ou revisar os modelos de circulación de auga na ría. O sistema desenvolvido polo Grupo de Oceanografía Física da UVigo ten enormes posibilidades. E, ademáis, é accesible a calquera cidadán a través da web do Campus do Mar, como nolo conta M. Del Río no DUVI.

En tempo real e directamente na web do Campus do Mar. A integración nesta páxina dos datos obtidos polo sistema de medición deseñado polo Grupo de Oceanografía Física da Universidade, permitirá a calquera persoa consultar directamente a información das correntes da ría de Vigo. Este sistema nútrese dos datos que proporcionan dúas antenas situadas na Ecimat e no faro de Punta Subrido, en Cabo Home, que recollen información sobre a corrente superficial da ría a intervalos de 30 minutos. Ramiro Varela, investigador do Gofuvi, explica que a ferramenta “consiste nunha combinación de instrumentos de medición en tempo real e un software de procesamento, combinación e presentación dos sinais recibidos das antenas”.

Publicidade

As dúas antenas de radar están situadas en Toralla e Cabo Home

Neste proxecto colaboran por unha banda a Universidade, que achegou as dúas antenas; Gofuvi que as mantén e almacena e xestiona os datos a nivel autonómico; a Ecimat que alberga nas súas instalacións unha das antenas e tamén o Campus do Mar e a Facultade de Ciencias do Mar. Por outra banda, están implicados neste proxecto Puertos del Estado e a Autoridade Portuaria de Vigo, “que nos brindou a posibilidade de utilizar o faro de Punta Subrido e co que temos un acordo para a difusión e xestión dos datos do radar en España, fóra da comunidade autónoma”. Finalmente, a empresa Qualitas-Remos, distribuidora exclusiva en España destes radares, colabora no mantemento e calibración dos instrumentos e desenvolveu o visor ou interfaz gráfica na web.

Datos sobre correntes e sobre as ondas

Os datos que proporcionan a través da web do Campus do Mar estes dous radares achegan información sobre a corrente superficial, “representativa aproximadamente de 0.5-1.0 m superficial da columna de auga”, explica Varela, “a intervalos de media hora no terzo exterior da ría de Vigo (40 Km2), cunha resolución espacial de aproximadamente 350m, uns 500 puntos de medición en total”. Pero ademais da corrente, tamén se proporciona, “coa mesma frecuencia pero non coa mesma fiabilidade, uns dez puntos con datos de altura de onda; dito doutra forma, o forte da tecnoloxía é a corrente, pero temos unha aproximación tamén da altura de ondas”.

O Gofuvi analiza todos os datos nun computador para ofrecer un mapa real

No tocante ás correntes, cada antena proporciona unha compoñente da mesma, “polo que para ser respectados como vectores (dirección/intensidade de corrente) deben ser combinados ou procesados nun ordenador central. Este equipo do grupo Gofuvi “fai esta tarefa de combinación e análise de calidade previo, e dende aquí distribúense e sincronizan a Puertos del Estado e Qualitas-Remos, para a súa posterior presentación en web e xestión a nivel nacional”, indica Varela. As peticións e xestión a nivel autonómico deben solicitarse ao grupo de investigación vigués.

Información moi valiosa

Como explica Ramiro Varela, este tipo de datos sobre as correntes son de interese para moitos sectores, tanto dende o punto de vista científico como operativo ou turístico e recreativo. No eido da seguridade portuaria existen múltiples aplicacións dende a perspectiva operativa, “xa que coñecer as correntes en tempo real é unha información de interese para o acceso de buques a portos, como elemento de decisión na busca de obxectos á deriva ou no seguimento ou coñecemento das traxectorias de contaminantes ou vertidos mariños”. Pero tamén ten unha utilidade en retrospectiva, xa que ademais de elemento de predición, “se pode empregar cara atrás no tempo, determinando de onde provén un determinado contaminante”, puntualiza.

Dende o punto de vista científico, tamén proporciona elementos de moito interese nos modelos de circulación, xa que permite a súa validación e a incorporación en tempo real dos seus datos para ir corrixindo as predicións. Tamén ten aplicacións no estudo de dispersión de plancto, en xeoloxía mariña, etc. Como elemento lúdico ou recreativo emprégase como información para regatistas, nadadores de travesía, etc.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é o colapso das correntes atlánticas e como afectará a Galicia

Unha investigación publicada en 'Science Advances' anticipa o freo da ciruclación oceánica e advirte das súas consecuencias climáticas

É posible cultivar ourizo de mar? Un equipo de Vigo busca alternativas para frear a sobreexplotación

Científicos do Centro de Investigacións Mariñas analizan as cinco especies de Galicia, moi pouco estudadas ata o de agora

O Aquarium da Coruña acolle polbos criados en catividade

Na sala Maremagnum poden verse cinco exemplares de arredor de 10 centímetros, que forman parte dun proxecto do IIM e a UVigo

O maior estudo dos fondos da enseada de Samil, nunha prestixiosa revista

Científicos do Centro de Investigación Mariña de Vigo analizan o posible impacto do novo emisario no "Journal of Marine Science and Engineering"