Venres 29 Marzo 2024

O médico de Baiona que torturaba para curar

Portada do libro de Scipion Mercurio co Tratatto del Colostro de Pedro de Castro.
Portada do libro de Scipion Mercurio co Tratatto del Colostro de Pedro de Castro.

Moito avanzou a medicina. Tanto, que calquera terapia previa ao século XX parecería hoxe unha tortura, especialmente en cirurxía. Tal é o caso do método para curar a xordeira que, no século XVII, fixo famoso en toda Europa ao médico Pedro de Castro, natural de Baiona. Afeitados, lavativas e emplastos inverosímiles conseguían que os xordos oísen e falasen, segundo os testemuños de hai case catro séculos. E De Castro, que alcanzou gran sona en Francia, Alemaña e Italia, converteuse nun reputado galeno, autor tamén de varias obras sobre medicina xeral ou pediatría.

Pedro de Castro naceu en Baiona en 1592 e morrería en Venecia en 1661. Sábese que exerceu a medicina no País Vasco, en Valencia e, especialmente, en Italia. Deixou tamén obras publicadas e discípulos en Alemaña. E coñécense algunhas das súas obras máis importantes, como “Petri a Castro Bayonatis febris maligna puntularis aphorismis delineta” (Padua, 1686), onde se sinala o seu nacemento galego. A máis traducida e reimprimida foi a súa “Trattato del Colostro”, un compendio sobre pediatría incluído nunha compilación de Scipión Mercurio e que se editou ininterrompidamente dende o século XVI ata o século XVIII. O costro, como é sabido, é o primeiro leite materno tras o parto, que ten unha especial composición para permitir o desenvolvemento do bebé nos seus primeiros días.

Publicidade

Non obstante, a fama de Pedro de Castro ata os nosos días chega polos seus estudos sobre os xordomudos. O médico baionés di que o seu método provén do seu mestre Manuel Ramírez de Carrión: “O modo con que en tales infantes mudos se pode curar o seu mal, é prodixioso, mais non por iso deixa de suxeitarse ao enxeño humano. (…) Toda a súa dificultade consiste na industria, habilidade e paciencia”.

Segundo De Castro, a súa primeira sanación produciuse na localidade biscaíña de Vergara, onde el mesmo “curou felizmente en dous meses con suma e prolixa asistencia a un neno, que sendo xordomudo chegou a falar perfectamente”.

Pedro de Castro botaba nos oídos do xordomudo algunhas pingas de leite de cadela

O xesuíta ilustrado Lorenzo Hervás y Panduro, máis tarde pai da lingüística comparada, recolle nunha obra de finais do século XVIII os prodixios de Pedro de Castro na súa época. Nos que parecía haber máis alquimia que medicina. Segundo este testemuño, o baionés destilaba apócemas que administraba nos oídos do xordomudo, con ingredientes como “algunha gota de leite de cadela, mesturado cun pouco de mel virxe, e con outros remedios”.

Pero vaiamos xa ao método de Pedro de Castro para curar a xordeira. En primeiro lugar, sométese ao paciente a tres purgas consecutivas. Tras as diarreas correspondentes, o cerebro quedaba “limpo“. Así o conta Hervás: “Evacuada a cabeza con esta medicina dous, ou tres veces segundo a necesidade pedíao, no remuíño da cabeza ráense os cabelos deixando un espazo, como o da palma da man, e á parte raída aplicábase o ungüento“.

Tras aturar 3 purgas e a abrasión do cranio, o pacente xordo devecía por “emitir voces”

Polo tanto, tras as purgas, afeitábase ao paciente a cabeza, creando unha especie de tonsura. Sobre esta parte calva, aplicábase un ungüento terrible, composto de “augardente, salpedra, nitro purificado, aceite de améndoas amargas e nafta”. A abrasiva cataplasma tiña por obxecto “amolecer os ósos superiores da cabeza” e deixábase actuar toda a noite. Pola mañá, nova purga. E, tras dela, resgábase a parte calva, e xa abrasada polo ungüento, “cun peite de marfil”. Non queremos imaxinar as condicións en que se atopaba o xordomudo tras esta “terapia”.

Finalmente, chegaba o momento de falar e de oír. “Tras lavar ó xordo, falábaselle polo remuíño da cabeza: e sucede o efecto admirable de oír o Xordomudo con claridade a voz que de ningún modo podía oír polos oídos”.

Pedro de Castro considera que o seu método permite oír os xordos a través da cabeza, unha vez se “amoleceu” o cranio. Como sinala el mesmo, “de ningún outro modo podían oír polos oídos”.

Un método que ‘causa marabilla’

Hervás e Panduro, citando a Pedro de Castro, gaba os progresos que consegue o seu método: “Se o Xordomudo non sabe ler, faráselle aprender o alfabeto; e cada letra deste débese pronunciar varias veces ata que o Xordomudo a pronuncia”. A aprendizaxe parece rapidísima: “Nos primeiros quince días o Xordomudo aprende marabillosamente tanto número de nomes, que sen memoria moi tenaz non poderá reter: a facilidade adquírese coa práctica”. E congratúlanse do esforzo que poñen os pacientes para comunicarse: “Causa marabilla ver a ansiedade con que o Xordomudo se esforza para prorrumpir continuamente en voces”.

Sendo maliciosos, non nos estraña nada que o xordomudo se esforzase en “prorrumpir continuamente en voces“. Pois non esquezamos que é un paciente purgado tres veces, afeitado e sometido a cataplasmas abrasivas e resgados no coiro cabeludo.

En calquera caso, Pedro de Castro, fillo de Baiona, pasou á historia como un importante médico, con prestixio en toda Europa. O seu interese por sandar a xordeira e permitir falar aos xordomudos segue  a ser un referente. Aínda que os seus métodos, á luz do mundo de hoxe, nos parezan menos propios da medicina que da tortura.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O médico que escribía aos mariñeiros galegos: medio século do primeiro breviario para xente do mar

O tudense Darío Álvarez Blázquez publicou nos anos sesenta un libro con consellos para as tripulacións dos barcos de Pescanova

De espazo Rede Natura a cloaca denunciada por Bruxelas: así podrece a Foz do Miñor 

Os veciños quéixanse de cheiros insoportables e o biólogo Juan Hermida alerta do perigo que corre a biodiversidade do lugar

Entrou a sífilis en Europa por Baiona en 1493?

A polémica científica que identifica á carabela Pinta e á primeira viaxe de Colón segue viva cinco séculos despois

Pandemias doutra época: a peste negra en Galicia de 1348

A bacteria Yersinia pestis entrou por Baiona nas costas dunha rata negra e a sua devastación aniquilou un terzo da poboación do país